DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Financiado con 390.000 euros do programa Ignicia da Xunta

Investigadores de Cintecx desenvolven un sistema que predí a calidade do aire interior en tempo real

A solución combina dispositivos autónomos de baixo custo cun modelo avanzado de IA

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HR
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
D. Besadío DUVI 03/02/2026

A calidade do aire do interior (IAQ) dunha edificación, ben sexa unha vivenda privada ou un local público (hospitais, escolas, lugares de traballo...) é esencial para o confort, a eficiencia enerxética e a saúde das persoas, pero isto non sempre é doado de conseguir de forma axeitada. Conscientes desta realidade desde o Grupo de Tecnoloxía Enerxética do Cintecx, o Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais, acaban de pór en marcha un proxecto, financiado con 390.000 euros do programa Ignicia da Xunta de Galicia, dirixido a buscar solucións ás importantes limitacións que presentan os sistemas actuais, que non permiten unha representación tridimensional e predictiva dos parámetros de calidade ambiental e que teñen un alto custo e complexidade de instalación.

Titulado Monitorización da calidade do aire interior e representación 3D con Intelixencia Artificial, o proxecto está liderado polo catedrático Enrique Granada Álvarez, e xunto a el completan o equipo de traballo o tamén catedrático Pablo Eguía Oller e o emprendedor Miguel González Maquieira, cofundador de diferentes proxectos tecnolóxicos. 

“IAQIA3 responde ao  retos que formulan os sistemas actuais cunha tecnoloxía innovadora baseada en Intelixencia Artificial que permite o modelado dinámico, en 3D e no tempo, da calidade do aire interior e a súa integración con sistemas de xestión de edificios (BMS)”, explica o responsable do proxecto, quen tamén fai fincapé en que isto permite detectar ineficiencias nos sistemas de ventilación ou adaptarse en tempo real ás cambiantes circunstancias derivadas do uso que as persoas usuarias fan dese edificio.

Despregamento rápido e sen infraestruturas complexas

A solución combina dispositivos autónomos de baixo custo para medir parámetros como dióxido de carbono, temperatura e humidade relativa, con opción de incorporar outros sensores, xunto cun modelo avanzado de IA capaz de xerar modelos espaciais e temporais a partir de medicións puntuais.  Emprega, ademais, comunicacións eficientes e un deseño de baixo consumo que facilita un despregamento rápido e sen infraestruturas complexas.

“A diferencia dos sistemas convencionais, IAQIA3 non só mide, senón que modela e predí a evolución da calidade do aire en cada punto do espazo, reducindo o número de sensores necesarios, permitindo accións correctivas en tempo real e asegurando a compatibilidade con protocolos industriais como BACnet, Modbus ou Zigbee”, engade Granada.

Ideal para hospitais, centros comerciais, ximnasios…

O mercado obxectivo inclúe hospitais, centros comerciais, edificios de oficinas, terminais de transporte ou ximnasios, e a proposta conta co apoio de numerosos axentes do sector. O proxecto culminará coa creación dunha spin-off especializada en solucións de IAQ, cun modelo de negocio baseado na comercialización de algoritmos de IA para visualización 4D.

"O financiamento Ignicia permitiranos validar e escalar o noso dispositivo de monitorización en interiores en contornas reais, acelerando o seu paso de TRL 7 a TRL 9”, subliña Granada, quen tamén fai fincapé en que, ao tempo, lles facilita a posta en marcha da spin-off, industrializar o dispositivo e consolidar a estratexia comercial. “Ademais, actúa como catalizador para atraer investimento privado e alianzas crave", recalca Granada.