DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo EcoEvo analizou a translocación de esperma de preto de 200 especies de odonatos

Investigadores da EE Forestal constatan a existencia de variacións nun comportamento único das libélulas

A partires dunha análise da literatura científica sobre esta cuestión

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Medio Ambiente
  • Publicacións
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 16/07/2019

A translocación do esperma constitúe un comportamento único dos odonatos, unha orde de insectos da que forman parte as libélulas e os cabaliños do demo, consistente no uso por parte do macho dun “órgano non xenital especializado” para trasladar o esperma á femia. Un comportamento “que descubrimos que ten moitas variacións entre especies”, sinala Adolfo Cordero, investigador principal do grupo EcoEvo (Ecoloxía Evolutiva e da Conservación) da Escola de Enxeñaría Forestal. Xunto coas investigadoras do grupo Anaís Rivas e Olalla Lorenzo e David Outumuro, da Universidade de Cincinnati, Cordero é coautor dun estudo que confirma que se trata dun comportamento con “varias opcións”, que diferentes especies levan a cabo de xeito diferente.

Publicado en Behavioral Ecoloy and Sociobiology, un das revistas “máis prestixiosas no campo da ecoloxía do comportamento”, o artigo The evolution and diversity of intra-male sperm translocation in Odonata: a unique behaviour in animals ten como punto de partida unha revisión da literatura científica que describe este comportamento. A busca realizada tanto en bases de datos como en publicación non dixitalizadas permitiu aos investigadores e investigadoras atopar 123 artigos que describen este comportamento en 176 especies de 22 familias.

Un comportamento estudado en menos do 3% das especies

“Fixemos unha revisión do que estaba publicado sobre este comportamento de translocación de esperma en todas as especies nas que puidemos atopar información” explica Cordero dun estudo que se insire na investigación que Rivas Torres leva a cabo para a súa tese de doutoramento. Tratouse dunha revisión, recoñece, que “levou moito tempo e moito traballo” dunha serie de investigacións que abordaran previamente este comportamento, só descrito por outra banda dun pequeno número das preto de 6000 especies de libélulas e cabaliños do demo que se estima que existen. “Ninguén reparara en que hai moitas alternativas, e iso é o que poñemos en valor”, salienta este docente sobre un traballo que pon o foco na importancia que “en termos evolutivos e de conservación” ten a diversidade de comportamentos, “a etodiversidade”, que sinalan como unha compoñente básica da biodiversidade.

Variacións que permiten coñecer a evolución

O que caracteriza este comportamento único é que os machos dos odonatos teñen unha “apertura xenital” na parte final do seu abdome onde se xera o esperma, que será trasladado á femia por ese “órgano intromitente” situado na parte anterior do abdome, “que é análogo a un pene, pero que non é un pene porque a súa orixe non é xenital”, explica Cordero. 

Nas 176 especies nas que foi estudado, a variante máis común é que esa translocación de esperma se realice unha única vez no apareamento, despois da formación do tándem, o que acontece no 66% das especies descritas. Noutro 16% dos casos, este lévase a cabo antes da formación do tándem, mentres que no 10% dos casos a translocación do esperma lévase a cabo só despois dun “contacto xenital” previo á cópula. Por último, nun 5% dos casos tiña lugar despois da cópula e nun 3% a translocación realizábase varias veces dentro da mesma cópula. 

“Estas variacións permítennos saber como evoluciona o comportamento, de xeito similar a como evoluciona calquera característica morfolóxica”, salienta Cordero en relacíon a unhas variacións que, como recolle o artigo, poderían ter diferentes motivacións. Deste xeito, a translocación con contacto previo á cópula “podería ter evolucionado para detectar a receptividade da femia”, mentres que aqueles casos nos que se leva a cabo antes da formación do tándem poderían deberse a “cando as oportunidades de apareamento son escasas”, á vez que a translocación repetida podería buscar “mellorar a competencia do esperma” fronte ao doutros machos.

Comportamentos que proveñen dun antepasado común?

A revisión bibliográfica viuse complementada por un estudo filoxenético, “que consiste na reconstrución das relacións evolutivas entre especies” para coñecer se aquelas que comparten un mesmo comportamento teñen ou non un antepasado común ou, se pola contra, “evolucionaron o comportamento de forma independente, de tal xeito que aínda que non sexan “parentes próximos” si amosan comportamentos similares. De feito, na análise realizada coa colaboración do investigador experto en estudos de filoxénese David Outumuro coas 129 das 176 especies das que se dispuña dunha secuencia de ADN, a variante da translocación despois da cópula, á que se correspondían o 95% dos casos estudados, evolucionou “dun xeito independente”, non relacionado cos parentescos, coa excepción dunha das familias das Zygoptera, segundo recolle o artigo.