DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario organizado pola OTRI da Universidade

Investigadores e empresarios aprenden a redactar propostas para o VII Programa Marco

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 28/09/2007

A Universidade ten en mente a creación dunha Oficina de Proxectos Europeos, inserida na OTRI, Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación, que servirá de canle para todos aqueles investigadores que queiran presentar proxectos á Unión Europea. Así o comunicou este venres o vicerreitor de Investigación, Manuel Reigosa, na inauguración dun taller seminario de redacción de propostas do VII Programa Marco.
No mesmo acto, Salustiano Mato, director xeral de I+D+i da Xunta de Galicia, manifestou que dende o goberno se propuxeron como obxectivo duplicar a presenza de Galicia na I+D europea, “para iso un instrumento básico son as universidades, e en Vigo hai moito que dicir a este aspecto, xa que a OTRI desta Universidade conseguiu excelentes resultados tanto no V como no VI Programa Marco, sendo unha das primeiras a nivel nacional”, salientou o director xeral.
Jesús Lago, director de Aimen, centro tecnolóxico punteiro en Galicia, destacou a importancia deste tipo de xornadas “que axudan a que teñamos máis presenza en Europa, algo que non é doado”.

50.000 millóns de euros repartidos en 7 anos

Con máis de 50.000 millóns de euros de orzamento, repartidos en 7 anos de duración (2007-2013), o VII Programa Marco de Investigación é o principal instrumento de financiamento e apoio á investigación e innovación da industria europea, co obxectivo claro de axudala a competir internacionalmente e acadar o liderado mundial en sectores estratéxicos.
Dende a Universidade, a Oficina de I+D ten levado a cabo numerosas accións para dalo a coñecer entre a comunidade universitaria e as pemes. “Buscamos que tanto os investigadores como as empresas poidan achegarse ao VIIPM, que é o que lles vai permitir acadar subvencións de ata o 75% do custe total do proxecto”, indica Anxo Moreira, técnico da Oficina de I+D da Universidade. “Para nós o obxectivo é sacar adiante proxectos e aumentar así o retorno de fondos para Galicia neste Programa Marco, subliña Ángeles López, directora da oficina.

Consellos prácticos

O taller busca fomentar a participación exitosa de grupos de investigación e das empresas galegas no VII Programa Marco. “Para isto explicámoslle cales son os criterios que vai utilizar a UE para avaliar as propostas e imos analizando punto por punto cada un deles, desde a excelencia científico-tecnolóxica da proposta ou aspectos financieiros ata o impacto potencial que pode ter ou temas referidos a propiedade industrial e intelectual”, salienta Moreira.
Entre os 70 participantes do seminario atopamos investigadores das tres universidades galegas e dos centros tecnolóxicos (AIMEN, CTAG...), representantes de asociacións de empresarios e de pemes de diferentes sectores industriais. Destes 70 tan só 30 acudirán aos talleres prácticos, “pois son persoas que xa acudiron a xornadas o curso pasado e cos que agora nos imos centrar en detalles de como facer e presentar a proposta”, explica o técnico de I+D.