DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Polo mellor artigo publicado nos últimos dous anos nunha revista de prestixio internacional

Investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación reciben o IET Premium Award 2018

Valórase a relevancia científica, impacto, resultados alcanzados, número de citas e de descargas...

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 06/07/2018

“Gañar un premio outorgado por unha revista de prestixio internacional, un dos referentes no ámbito científico das antenas e a propagación de ondas, representa un recoñecemento á calidade da nosa investigación, é como dicir que dende  un recuncho do noroeste ibérico pódese facer ciencia e ciencia de calidade internacional”. Así de orgulloso e satisfeito se amosaba este venres o director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigador de atlanTTic Íñigo Cuiñas tras coñecer que un equipo de investigadores da súa escola, entre os que se encontra el mesmo, acaban de gañar o IET Premium Award 2018, o premio ao mellor artigo publicado na revista IET Microwaves, Antennas and Propagation nos últimos dous anos –desde o 1 de xaneiro de 2016 ao 31 de decembro de 2017-.

Primeiro equipo galaico-portugués que gaña este premio

O galardón foi adxudicado ao artigo Dual-Band Single-Layer Quarter Ring Frequency Selective Surface for Wi-Fi applications, que é un dos principais resultados do traballo de doutoramento do investigador David Ferreira, dirixido por Íñigo Cuiñas e os profesores Rafael Caldeirinha e Telmo Fernandes, do Instituto Politécnico de Leiría, converténdose así no primeiro equipo galaico-portugués que gaña este premio.

A resolución do xurado baséase, segundo explican os autores,  nun conxunto amplo de factores, entre os que salientan,  a relevancia científica, impacto, resultados alcanzados e presentación de artigos, así como métricas como o número de citas ou de descargas. O premio consiste nun diploma para cada un dos autores, que enviarán á volta do verán, e a visibilidade ao traballo que representa o feito de dar acceso libre a todo o mundo, vía web, ao artigo galardoado. “É máis o prestixio que che dá gañar o premio que o galardón en si mesmo”, recalca o catedrático vigués, ao tempo que apunta que tampouco vén acompañado de ningún tipo de dotación económica, subliñando a este respecto que “a ciencia pódete facer un pouco menos ignorante, pero dificilmente te vai facer rico”.

O artigo describe unha aplicación de blindaxe wifi

O estudo premiado propón un deseño dunha superficie selectiva de frecuencia (FSS) para ser empregado en aplicacións de blindaxe wifi e consiste nunha combinación de elementos básicos, é dicir, bucles/rañuras de anel, sintonizadas nas bandas típicas de frecuencia wifi 2.4 GHz e 5 GHz.  “É unha lámina cunhas determinadas formas metálicas que se pode poñer sobre unha parede, ou dentro dela, e que impide o paso dos sinais correspondentes a estas wifis de fóra a dentro da habitación, evitando as interferencias, ou de dentro a fóra, evitando neste caso que alguén externo poida interceptar as nosas comunicacións, ambas cousas sen impedir o paso dos sinais de telefonía móbil ou de televisión”, explica o director da escola, ao que engade que alternativamente, tamén presentaron outro deseño complementario que deixa pasar os sinais do wifi pero bloquea os de móbiles ou televisión. “Ademais do deseño en si mesmo, fixéronse prototipos, medíronse os seus comportamentos e propóñense unhas fórmulas para relacionar o deseño coas frecuencias ás que traballa”, recalcou Cuiñas.