DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Completaban recentemente dous estudos realizados coa colaboración de Cruz Vermella Lugo

Investigadores do grupo HealthyFit analizan a eficacia das terapias baseadas en realidade virtual en persoas con dano cerebral adquirido

Ata o de agora non existen evidencias científicas dos seus beneficios neste colectivo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/07/2026

Investigadores do grupo HealthyFit da Universidade de Vigo, pertencente tamén ao Instituto de Investigación en Saúde Galicia Sur, completaban recentemente dous estudos destinados a avaliar a eficacia das terapias físico-cognitivas apoiadas en tecnoloxías de realidade virtual e dirixidas a casos de dano cerebral adquirido. Trátase, explican, dun enfoque totalmente novo, xa que ata agora non hai evidencias científicas do uso deste tipo de terapias en persoas con este cadro clínico.

Os dous estudos foron desenvolvidos en colaboración con Cruz Vermella Lugo, no Centro de Parálise e Dano Cerebral e no Centro de Patoloxía Dual de Castro, Ribeiras de Lea, empregando terapias innovadoras a través de exergames, videoxogos que implican unha compoñente física e que permiten unha dobre estimulación, física e cognitiva.

Nova aproximación

O primeiro dos estudos -EFiCO_DCA 3.0-, baséase na experiencia adquirida en proxectos previos realizados polo grupo HealthyFit. Centrouse no uso dun cicloergómetro intelixente combinado con escenarios virtuais para articular un programa de exercicio físico de alta intensidade, así como diferentes aplicacións coa realidade virtual para psicoterapia. Tratouse dun programa de vinte semanas, que beneficiou arredor dunha ducia de usuarios do Centro de Parálise e Dano Cerebral de Cruz Vermella, segundo explican desde o grupo que coordina o catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, integrante tamén do Instituto de Investigación en Ciencias do Deporte (Cidega).

O segundo estudo -EVI_CP 2.0-, foi o máis innovador, xa que estaba dirixido a un grupo con comorbilidade psiquiátrica: un fenómeno moi prevalente que representa unha das principais causas de discapacidade a nivel mundial, segundo o que se reflicte en varios estudos epidemiolóxicos, que demostraron que a maioría das persoas diagnosticadas cun trastorno mental presentan ao longo da súa vida outro trastorno psiquiátrico coexistente. Este novo enfoque proposto polo grupo HealthyFit tiña como obxectivo que dez usuarios do Centro de Patoloxía Dual realizasen un programa de fisioterapia cun exergame temático de boxeo e danza. Este estaba centrado principalmente en mellorar a súa motivación cara a práctica do exercicio físico e, en segundo lugar, en observar os efectos tanto na súa calidade de vida como nas variables físicas, cognitivas e funcionais.

Esta investigación dá continuidade aos estudos previos que o grupo HealthyFit desenvolve desde 2024 xunto con Cruz Vermella Lugo. Os seus resultados están agora en fase de análise e esperan ser reflectidos en artigos científicos en revistas de impacto.

HealthyFit: referentes nas terapias baseadas en exergames

Segundo explican desde o grupo de investigación, as terapias de exercicio non se usan con asiduidade nesta poboación e, se falamos de programas virtuais -como é o caso-, non hai constancia na evidencia científica existente, como explicou un dos investigadores do proxecto, o profesor da Facultade de Fisioterapia Pablo Campo. "Ata onde sabemos, esta intervención realizada durante doce semanas podería ser a primeira do seu tipo”, sinala.

A falta da análise final dos resultados, as aplicacións destes programas baseados no uso da realidade virtual amosáronse totalmente seguras, sen presentar efectos adversos, así como divertidas para as persoas participantes, logrando unha adhesión ao programa, así como altos niveis de satisfacción, segundo os terapeutas encargados da supervisión dos estudos.

O grupo HealthyFit continúa deste xeito xerando evidencias científicas sobre os programas de exercicio terapéutico apoiados no uso de exergames e as súas posibilidades con diferentes colectivos, como persoas maiores institucionalizadas, persoas afectadas por párkinson, alzheimer, esclerose múltiple, síndrome de Down, enfermidades reumáticas ou danos cerebrais adquiridos, entre outros. Este traballo deu lugar nos últimos cinco anos á publicación de máis de 30 artigos en diferentes publicacións científicas. "A diversión motiva e motivar consegue unha alta adhesión aos programas. Os beneficios do exercicio baséanse na súa práctica habitual, polo que estes dispositivos poderían garantir un bo nivel de cumprimento", salientan os investigadores.