DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En dous estudos inseridos no libro ‘La dirección pública profesional’

Investigadores do Observatorio da Gobernanza analizan as competencias das e dos directivos públicos

Analizan tamén o ciclo de vida nestes postos

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 06/11/2025

Organizacións similares en termos de persoal e de recursos poden xestionar os servizos públicos dun xeito moi diferente, en boa medida, por mor do papel que poidan desenvolver os directivos e directivas públicos. Esta é unha das ideas que os investigadores do grupo de investigación Observatorio da Gobernanza G3 poñen de relevo nun libro sobre a dirección pública profesional, que reúne as achegas dunha trintena de investigadores, académicos e directivos e directivas públicos. Dirixido a afondar no papel que estas figuras poden xogar na modernización administrativa, os investigadores da Facultade de Dirección e Xestión Pública Óscar Briones, Xosé Mahou e Enrique Varela achegan dous estudos a este volume, centrados nas competencias e no ciclo de vida do persoal directivo e no seu papel á hora de promover unha “aprendizaxe institucional” dentro da organización.

Editado por Aranzadi, o libro La dirección pública profesional: evaluación, selección y desempeño de los directivos públicos “reúne os maiores especialistas no eido da visión politécnica sobre os retos actuais do desenvolvemento da profesionalización do exercicio da dirección pública nas administracións españolas”, sinala Varela, coordinador do Observatorio da Gobernanza. Este volume analiza o papel dos directivos e directivas públicos na modernización administrativa “desde unha visión integral, diferenciando a dirección pública profesional da dirección política e definindo os seus requisitos, experiencia, formación e certificación”, segundo recolle o seu texto de presentación.

Un sistema de elección “desfasado”

O capítulo asinado por Óscar Briones analiza en primeiro termo “os elementos estratéxicos principais que debería amosar un sistema de dirección pública profesional”. Nomeadamente, aborda as principais competencias que deberían posuír os directivos e directivas públicos: “gobernanza, visión estratéxica e creación de alianzas, liderado, creación e xestión de equipos, orientación a resultados, comunicación e transparencia e xestión de recursos públicos”, subliña

Briones afonda tamén na “importancia dunha selección e recrutamento acaídos” e na necesidade de protexer a “función directiva pública do risco de politización, nomeadamente protexéndose de ceses políticos e discrecionais”. Neste punto, o investigador subliña que o sistema de elección de persoal directivo en España segue “marcado pola politización”, sendo necesario mudar a “procesos de elección máis profesionalizados e obxectivos”. De feito, incide en que “en termos comparados” o proceso de elección deste persoal nas administracións públicas españolas “está a amosarse como un dos elementos estratéxicos e organizativos que se ten quedado máis desfasado, asumindo un nivel de politización e discrecionalidade que afecta en extensión ao desempeño mesmo da función pública”. 

O ciclo de vida

Briones aborda tamén neste volume unha cuestión “pouco investigada como é o ciclo de vida do persoal directivo público”, realizando unha análise dos “estadios polos que adoita pasar un nomeamento directivo”. Estes abranguen en primeiro termo unha “fase de acollida e socialización”, tras a que ten lugar outra “máis proveitosa, de desempeño” e un “momento de madurez”, previo a un “certo declive”. Trátase, recoñece, dun “patrón que se repite de forma cotiá” e que permitiría definir “unha certa guía de boas prácticas para deseñar unha función directiva proactiva”. Do mesmo xeito, permite tamén unha reflexión sobre o “límite dos mandatos do persoal directivo”, que, recoñece, “pode ser desexable en moitos casos, aínda que sabendo que pode haber excepcións”.

Aprendizaxe nas institucións  

A formación destes cargos públicos e a “dimensión académica da función directiva” centran o capítulo que Mahou e Varela achegan a este libro, no que “revisan o marco de desenvolvemento do coñecemento e a aprendizaxe institucional que ten lugar nas diferentes administracións, así como no ecosistema complexo de actores públicos, académicos e sociais que participan nel”. 

A aprendizaxe institucional, destacan, “está vinculada ás lóxicas das organizacións que aprenden”, a organizacións capaces “de traballar en clave do talento das persoas, dos procesos de mellora continua e da xestión do coñecemento”. O seu “principal límite”, subliñan, “é o dos equipos directivos que se forman nos seus diferentes niveis de organización”, de tal xeito que “organizacións similares en persoal, recursos económicos e tecnolóxicos fan diferentes as políticas e os servizos públicos”, segundo a capacidade dos equipos de traballo de aplicar esas “lóxicas de aprendizaxe institucional” e “superar problemas de bunkerización dos departamentos”. 

Partindo destas mesmas lóxicas, Varela e Mahou poñen de relevo a necesidade de procesos de ensino-aprendizaxe nos que o usuario ou usuaria “se converta nunha parte activa do cambio e non na parte final do proceso”. Esta idea permite conectar á súa vez esta reflexión coa experiencia no ensino híbrido da Facultade de Dirección e Xestión Pública. Do mesmo xeito, os investigadores destacan a necesidade de recuperar “a vella lóxica da educación para a democracia aplicada aos programas desenvolvidos por escolas de formación de empregados públicos”, pondo de relevo a importancia de valores como ética, transparencia ou rendición de contas “nun contexto de crecente posverdade, negacionismo institucional, democrático e científico”.

Seminario en Valencia

Integrantes do Observatorio da Gobernanza G3 participaban tamén recentemente en Valencia na primeira sesión internacional do Grupo Permanente de Xestión Pública e Políticas Públicas, da Asociación Española de Ciencia Política (AECP). Con Varela como un dos responsables da súa organización tratouse dun “evento académico de primeiro nivel”, que contou, entre outros, coa participación do director xeral do Instituto Nacional da Administración Pública, Manuel Pastor, ou a presidenta do CSIC, Eloísa del Pino. Alén da participación de Varela como parte do comité organizador e do comité científico, este seminario internacional contou tamén coa participación de varios integrantes do Observatorio nos seus diferentes grupos de traballo.