DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Derradeira sesión das xornadas Xestión Forestal para a Sustentabilidade

Investigadores na procura dun punto de encontro para conservar a biodiversidade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Ana Terceiro DUVI 23/11/2007

No derradeiro día das xornadas sobre Xestión Forestal para a Sustentabilidade, o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo, Adolfo Cordero, concluíu que “é preciso atopar un punto de encontro entre os aspectos económicos, sociais e ambientais, para acadar un equilibrio e conservar a biodiversidade”. Tras tres días de intensas sesións abordando temas relacionados coa xestión forestal sostible, da man de varios expertos na materia, todos chegan á mesma conclusión: que non se pode tratar o tema dun xeito illado, que é necesario ter en conta os aspectos económicos, importantísimos na sociedade actual, e as cuestións sociais, cada vez con máis peso na nosa cultura.
Un claro exemplo de é o caso da localización de ENCE en Pontevedra, motivo de constante controversia, e ao que o organizador das sesións, Adolfo Cordero, tamén fixo alusión. “É inevitable que se trate o tema de ENCE, é un caso no que cremos que a situación desta empresa non era xustificable nin nos anos 50 nin agora, polo que é necesario que se atope unha ubicación máis axeitada”, explicou o catedrático da Universidade.

As xornadas

O obxectivo inicial destas xornadas, celebradas desde o 8 de novembro, foi o de explorar as diferentes funcións dos ecosistemas forestais, dende a perspectiva da xestión forestal sostible, e mostrar que os bosques son moito máis ca lugares onde se produce madeira. Para iso contouse coa colaboración de importantes expertos internacionais na materia que aportaron os seus puntos de vista e puideron intercambiar opinións cos estudantes e demais asistentes.
Nesta última sesión das xornadas impartidas no salón de actos da Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Forestal de Pontevedra, os alumnos puideron asistir á conferencia sobre Bosques Encantados que impartiu Chistopher Beatty, investigador Juan de la Cierva da Universidade de Vigo. Tamén se contou coa participación do profesor da Universidade de Castilla la Mancha, José Luis Yela, co relatorio Insectos e Leñosas Forestais.