DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As conferencias, organizadas polo grupo FAOC sucederanse ao longo do ano

Investigadores de Sao Paulo analizan a atmosfera nun ciclo de conferencias na Facultade de Ciencias

O conselleiro de Medio Ambiente asistiu á primeira sesión

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Marta Casanova DUVI 12/12/2007

Coa charla do doutor Tércio Ambrizzi do departamento de Ciencias da Atmosfera da Universidade de Sao Paulo inaugurouse o ciclo de conferencias organizado polo grupo de Física da Atmosfera e do Océano (FAOC) no ámbito do posgrao en Física Aplicada. Enmarcadas nesta iniciativa sucederanse ao longo de todo o ano no Politécnico as leccións climáticas impartidas por profesionais da investigación do ámbito a nivel internacional.
O obxectivo do proxecto é, segundo Juan Antonio Añel, un dos membros do grupo organizador, “poñer en valor a investigación que se está a facer en ciencias da atmosfera e do clima e mostrar as perspectivas actuais neste campo”. Aínda que as xornadas están abertas a todo o público interesado de xeito gratuíto, van dirixidas “a alumnos de Física e do grao superior da Facultade, así como aos que teñan curiosidade no tema” comentou Añel.

Relatores da Universidade de Sao Paulo

Nesta primeira sesión, á que acudiu o conselleiro de Medio Ambiente Manuel Vázquez, o doutor Ambrizzi abordou o tema da Climatoloxía Dinámica en Sudamérica dende unha visión xeral para achegar aos presentes aos sistemas climáticos en América do Sur. A súa compañeira na Universidade de Sao Paulo, Rosmary Rocha, encargouse de ampliar a información coa parte numérica dos traballos realizados dentro do seu relatorio Aplicacións do Modelo RegCM3 para Estudios Climáticos na América do Sur.
A presenza destes dous investigadores brasileiros foi posible gracias ao programa de cooperación interuniversitaria favorecido por iniciativa do Ministerio de Educación e Ciencia entre o grupo da Universidade de Vigo e o departamento de Física Atmosférica da Universidade de Sao Paulo. A través del está previsto nos vindeiros anos o intercambio de investigadores para compartir experiencias así como de alumnos de doutorado.