DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A UVigo é unha das socias do proxecto Firepoctep, seleccionado polo programa Interreg 

Investigadores dos tres campus contribuirán á prevención dos grandes lumes forestais na fronteira entre España e Portugal

Esta iniciativa reúne 21 institucións dos dous países

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Divulgación
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
DUVI Pontevedra 17/06/2021

Contribuír, nun escenario de cambio climático global, á prevención dos grandes incendios forestais e á xestión dos espazos susceptibles de sufrilos en diferentes áreas rurais ao longo da fronteira entre España e Portugal. Ese é obxectivo central de Firepoctep, un proxecto seleccionado na convocatoria Interreg V A España-Portugal e coordinado pola Junta de Andalucía, no que participan 21 institucións de España e Portugal, entre as que se atopa a Universidade de Vigo. Cun orzamento de preto de 5,5 millóns de euros, financiados nun 75% con fondos Feder, o proxecto que este xoves desenvolvía en Sevilla a súa reunión de lanzamento engloba iniciativas como a identificación de “zonas estratéxicas de xestión” en diferentes áreas piloto ao longo da fronteira, nas que as actuacións preventivas poidan diminuír os efectos e intensidade dos lumes. Dirixido, como salientou a Junta a sumar esforzos e “unificar criterios de actuación conxunta” en “dous dos países máis vulnerables ao cambio climático da Unión Europea”, buscará así mesmo promover o intercambio de innovacións e boas prácticas en materia de loita contra incendios, desenvolver experiencias que contribúan a fomentar a creación de emprego no rural e o impulso da economía verde e impulsar un plan de formación e sensibilización da cidadanía.

“É a primeira vez que se trata de levar a cabo unha experiencia coordinada ao longo de toda a raia”, salienta o director da Escola de Enxeñaría Forestal, Juan Picos, que coordina a participación da Universidade nun proxecto que reúne 16 socios españoles e seis portugueses. Picos, que participaba nesta xornada na presentación de Firepoctep, salienta que o proxecto permitirá colaborar “con organizacións con moita experiencia neste campo”, á vez que contribuirá "a reforzar lazos entre equipos da propia Universidade”. De feito, a UVigo, que conta cun orzamento de preto de 420.000 euros no marco deste proxecto, está representada por investigadores e investigadoras da EE Forestal pontevedresa, da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e da Escola de Enxeñería Industrial do campus vigués e da Facultade de Educación e Traballo Social e as escolas de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e de Enxeñaría Informática do campus de Ourense. 

Estruturado en seis actividades e cinco áreas piloto, os investigadores da EE Forestal Juan Picos, Julia Armesto, Laura Alonso e Carlos Souto traballarán no marco deste proxecto na determinación desas zonas estratéxicas na comarca do Baixo Miño, mentres que os integrantes do Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais (GTA) Fernando Aguado, Pedro Orgeira e Carlos Ulloa, xunto con Juan Carlos González Moreno, do Laboratorio de Informática Aplicada, desenvolverán un “sistema de axuda” a pilotaxe de drones en condicións de lume nocturno. Por outra banda, Pablo Izquierdo, do grupo CIMA, deseñará un software para determinar o emprazamento idóneo de sensores de detección temperá de lumes e a investigadora da Facultade de Educación e Traballo Social e vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, María Isabel Doval, traballará no deseño de accións que contribúan á formación e sensibilización da poboación.

Identificando puntos estratéxicos no Baixo Miño

No marco da liña de acción centrada na análise do impacto do cambio climático no risco de incendios, os investigadores da EE Forestal responsabilizaranse, xunto coa Agencia Rexional de Enerxía e Medio Ambiente do Alto Minho, da identificación das “zonas estratéxicas de xestión” na área piloto que comprende a comarca galega do Baixo Minho e a portuguesa do Alto Minho. As serras de A Groba e O Argallo, en concreto, serán o escenario dun traballo que ten como obxectivo “identificar aqueles lugares aos que, cando chega o lume, independentemente de onde proceda, agrávase a situación”, explica Picos. O seu obxectivo é “desenvolver unha metodoloxía” que permita definir eses espazos estratéxicos, partindo do uso de técnicas cartográficas, para logo desenvolver simulacións que permitan coñecer como se comportarían as lapas tendo en conta diferentes variables, desde a maior ou menor presenza de vexetación que poida servir como “combustible”, á topografía ou á “exposición a unha determinada meteoroloxía”. Nese senso, Picos pon o acento en que o seu obxectivo é desenvolver unha “metodoloxía obxectiva”, que poida determinar o risco de incendios de diferente magnitude, “incluso algúns que aínda non sufrimos, pero que se poderían dar”.

A idea, sinala, é “poder simular decenas ou centenares” de lumes, a partires da xeración de “mapas de combustible”, que levarían a súa vez a simular os efectos á hora de reducir os riscos das accións sobre a vexetación. O proxecto abrangue tamén o desenvolvemento dunha “actuación piloto” nunha desas zonas estratéxicas, nun traballo que levará aparellado “un diálogo coas comunidades de montes do Baixo Miño”. Nese senso, entre as accións inseridas nesta liña de traballo, figura tamén a posta en marcha dun “dun plan experimental de xestión preventiva integral”, así como o desenvolvemento de talleres coa participación dos axentes locais.

Mellorando a operatividade dos drones 

Outra das actividades do proxecto céntrase na boa gobernanza en sistemas de xestión e ten entre as súas liñas de traballo o uso de drones en labores de apoio nocturno á extinción dos lumes, ámbito no que Firepoctep sumará a experiencia en proxectos aeroespaciais do grupo GTA, que desenvolverá un sistema de axuda á pilotaxe de aeronaves non tripuladas en condicións de lume nocturno, baseado na “superposición de imaxes cartográficas” sobre as obtidas polas cámaras dos drones. “A nosa proposta é axudar ao piloto, proporcionándolle unha capa de visualización xerada por computador, que lle mostre o terreo sobre a capa de visualización real con cámara”, explica Pedro Orgeira. Na súa experiencia previa neste ámbito, explica, “un dos aspectos clave que detectamos, en conxunción cos expertos de emerxencias, é a navegación en condicións nocturnas”, que enfrontan a problemática aínda “non resolta”, explica Orgeira, da “intensidade luminosa” que supoñen as lapas para as cámaras termográficas. Nese senso, a súa proposta pasa por desenvolver un sistema no que “información satelital” permita proporcionar esa "capa de axuda” que o piloto do drone poderá activar e desactivar durante o voo.

Optimizando o uso de sensores

Outra das accións incluídas nesta mesma liña de traballo céntrase nos sistemas innovadores de cooperación para a detección e alerta temperá de incendios a través de integración de redes de vixilancia e comunicacións apoiada por sensores automáticos, ámbito no que se suma ao proxecto o grupo CIMA, que desenvolverá un “software de optimización” do seu emprazamento. Como explica Pablo Izquierdo, este traballo comprenderá o deseño dun software que permita “determinar a posición óptima” sobre o terreo de sensores de detección temperá dotados de cámaras infravermellas, así como a súa aplicación nunha área de estudo, de tal xeito que sexa posible cubrir “a máxima área posible co menor número de sensores”.  

Sensibilizando ás comunidades locais

A formación e capacitación da cidadanía é o eixo doutra das liñas de Firepoctep, na que Doval será unha das responsables do deseño do marco pedagóxico e da estrutura, módulos e contidos dunha formación na que se avogará por “metodoloxías mixtas”, que inclúan tanto accións presencias como virtuais. Entre as accións previstas figura a creación dunhas “maletas pedagóxicas”, cun banco de materiais, recursos audiovisuais e multimedia, pílulas informativas ou elementos de gamificación. Así mesmo, tamén está previsto o desenvolvemento na área piloto do Baixo Miño de accións formativas participativas e campañas de sensibilización que contribúan a sensibilizar a cidadanía das zonas afectada dos problemas ambientais, sociais e económicos que xeran os grandes incendios forestais.