DUVI

Diario da Universidade de Vigo

‘Peiraos do Solpor’ permitirá reducir emisións e aumentar a captación de CO2

Investigadores da Universidade avaliarán a viabilidade ambiental do proxecto que incrementará a biodiversidade do Porto de Vigo

Desenvolverase en catro fases, coa participación de institucións públicas e privadas 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Investigación
Mª del Camen Echevarría DUVI 07/05/2019

Dentro das accións contempladas na estratexia de Crecemento Azul (Blue Growth) que está a desenvolver, o Porto de Vigo acaba de poñer en marcha o proxecto Peiraos do Solpor, unha iniciativa na que participan entidades públicas e privadas co obxectivo de incrementar a biodiversidade do porto vigués, a través da redución de emisións e o incremento na captación de CO2. O proxecto, que hoxe foi presentado no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo, consta de catro fases, que arrancan cun proxecto piloto, que xa está en marcha, centrado na biodiversidade e captura de carbono nas dársenas da ría de Vigo. Os docentes e investigadores da Universidade de Vigo Mariano Lastra, Jesús Souza Troncoso e Jesús López, son os encargados de desenvolver esta primeira fase, que arranca coa instalación dunhas estruturas verticais no embarcadoiro, onde atracan os buques do servizo de prácticos. “Ensaiaremos materiais e superficies suspendidas sobre elementos flotantes e valoraremos en que medida distintas formas, materiais e superficies favorecen a aparición de vida mariña e o seu comportamento ao longo do tempo”, explicou Mariano Lastra, esta mañá no transcurso da presentación, na que tamén tomaron parte a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga e a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo, María Consuelo Pérez.

Na presentación de Peiraos do Solpor, López Veiga, destacou este proxecto como un exemplo de cooperación entre administracións, ao tempo que reiterou o compromiso da Autoridade Portuaria con todos os aspectos medioambientais. “Este proxecto céntrase na captación de gases e baséase na idea de que aos portos, cada vez máis, se lles esixirá fixar CO2 “, destacou o presidente do Porto, que incidiu na importancia de contar coa Universidade neste proxecto para “achegar a materia gris”, dixo López Veiga. Pola súa banda, a conselleira de Medio Ambiente referiuse ao carácter pioneiro deste proxecto destinado a incrementar a biodiversidade do Porto, ao que felicitou por “mellorar a sostenibilidade para converterse nunha referencia de porto verde no sur de Europa”, dixo Ángeles Vázquez.

Catro fases para un proxecto innovador de gran complexidade

O xefe de Sostenibilidade do Porto de Vigo, Carlos Botana, foi o encargado de detallar as actuacións e localizacións nas que se desenvolverán as catro fases deste proxecto que cualificou de “innovador e de gran complexidade” e que lembrou naceu dun esbozo do presidente da Autoridade Portuaria. “Utilizaranse algas para captar CO2 e mellorar a biodiversidade do porto para que haxa ecosistemas”, explicou Botana, que destacou o papel da Universidade como garante de que todo o que se vaia facer sexa respectuoso co medio ambiente. 

Na primeira fase, utilizaranse embarcadoiros flotantes nos que se instalarán estruturas verticais, con 27 cordas de tres metros, e outra estrutura tipo caixón que recollerá os sedimentos que se precipiten e servirá como zona de criadeiro de peixes e chocos, permitindo xerar biodiversidade, que se exportará a outras zonas. “Xa temos o deseño de estruturas e temos o material e logo pasaremos á seguinte fase de caracterización, control e monitorización e logo a unha parte moi importante que é a informar á cidadanía de todo o que se fai”, explicou Botana. 

Nunha segunda fase (Nereidas +), procederase a plantar Zostera mariña en zonas interiores e exteriores do porto, ao tempo que se desenvolverá unha ferramenta de cálculo de pegada de carbono. “Moitas empresas compran árbores para reducir a pegada de carbono, pero nós queremos investir en plantación de algas, que teñen gran capacidade de captación de CO2”, detallou Botana. Na terceira fase (Living Port) a empresa de Israel Econcrete encargarase de construír un embarcadoiro flotante nas proximidades de Portocultura con varias estruturas que permitirán a observación da flora e fauna. Na derradeira fase, propiamente denominada Peirao do Solpor, desenvolverase en Bouzas un peirao de uso recreativo, con varios observatorios, “para que a cidadanía poida visualizar o que se fai coa plantación de zostera nesa parte”, explicou o xefe de Sostenibilidade do Porto de Vigo.

Unha primeira fase de ensaio que amosará cara onde debe dirixirse o proxecto

Baixo a denominación Biodiversidade e captura de carbono en dársenas da ría de Vigo, os investigadores da Universidade desenvolverán na primeira fase de Peiraos do Solpor un proxecto piloto “co obxectivo de avaliar o efecto de superficies artificiais ou naturais sobre a biodiversidade mariña e a retención de carbono, como vías para a redución da pegada ecolóxica do Porto de Vigo”, explicou Mariano Lastra. O docente e investigador sinalou que realizarán os ensaios con granito e cemento co pH mellorado e con respecto ao tipo de superficie confirmou que se inspiraron na Lithotahmnium coralloides, unha alga calcárea que ten unha morfoloxía semellante ao coral a pequena escala. “Nós traballamos neste tipo de hábitats e é un dos mais ricos a escala planetaria. Obtivemos case 160 especies en cuadrículas de 30x30 centímetros. Na miña humilde ignorancia non coñezo nada comparable. É un medio extremadamente favorable”, asegurou Lastra, que explicou que trasladaron a morfoloxía da alga a unha lousa de plástico e tamén de cemento, ademais de negociar cunha empresa facelo en granito do país.

“Os resultados que esperamos obter despois de instalar hai poucos meses lousas semellantes no CIM en Toralla, penso que van ser prometedores e iso é o que nos anima a participar nesta iniciativa”, dixo Lastra, que en canto á fixación de carbono, asegurou que é máis delicada e que canto máis eficientes sexan as estruturas en atraer e fixar organismos mariños, maior cantidade de carbono reterán.