O libro leva por título ‘Élites, poder local y elecciones en Galicia’
Investigadores da UVigo analizan nunha publicación a representación política durante o franquismo e os inicios da democracia
Realizada por membros do grupo HC1 da Facultade de Historia
Élites, poder local y elecciones en Galicia. Del tardofranquismo a la transición a la democracia. Este é o título dunha nova publicación realizada por persoal investigador da Universidades de Vigo, concretamente do grupo HC1 da Facultade de Historia, do campus de Ourense. Nela examinan, desde unha perspectiva rexional e centrada nas décadas do sesenta e setenta, a composición e evolución das elites políticas do franquismo nas provincias galegas, desde a conflitividade interna e os seus mecanismos de representación, selección e adaptación ata os procesos de continuidade e cambio na configuración do poder a escala local e provincial nos primeiros compases da democracia.
Baixo a coordinación do catedrático de Historia Contemporánea Julio Prada, a obra está asinada polos investigadores e doutorandos Amado Tierra Lozano, Carlos Lozano e Adrián Martínez, recollendo parte dos primeiros resultados das súas respectivas liñas de investigación. A publicación nace ademais vinculada ao proxecto de investigación Elites, tecnocracia e cambio político en Galicia e Norte de Portugal (1967-1977), financiado pola convocatoria Generación de Conocimiento y Retos Investigación, da Agencia Estatal de Investigación (Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades).
A transición española, explican os investigadores da UVigo, “constitúe, medio século despois do fin da ditadura, un tema clave na historiografía, no que o papel das elites, a cidadanía e as loitas sociais continúa sendo obxecto de discusión”. Neste contexto, o libro agora lanzado xorde coa vontade de “cubrir varios baleiros presentes na historiografía, na ciencia política e na socioloxía galega e española” e de “ofrecer unha visión complexa e poliédrica das redes de poder e a súa transformación nunha das etapas máis decisivas da historia contemporánea de España”, fundamentándose para iso na análise prosopográfica das elites e o exame de documentación oficial, prensa da época e fontes primarias.
Un percorrido coral
A obra, editada en Sílex, propón un percorrido coral, articulado en seis capítulos, apoiándose en abundante documentación arquivística inédita xunto cos testemuños de numerosos protagonistas. Ao longo das páxinas, os autores afondan nos mecanismos de reprodución e renovación das elites, nas súas redes de influencia e nas claves do seu proceso de reacomodación antes e durante a transición democrática. Tamén, explican, examínanse as súas estratexias políticas, a relación que mantiveron cos movementos sociais e coa nacente cultura cívica democrática, así como o seu papel na configuración da conciencia autonómica galega e nos vínculos que estabeleceron co estado. A investigación detense, ademais, en cuestións conceptuais fundamentais, como a representación e a representatividade (centrais tanto no discurso como na práctica política), e analiza de que maneira “o réxime franquista empregou estes mecanismos para lexitimar a súa autoridade, reforzar o control central e afastar a función representativa dunha auténtica expresión da vontade electoral e territorial”.
Segundo explica Julio Prada, o libro “recompila de maneira rigorosa o corpo legal franquista relativo á elección dos cargos municipais, provinciais e das Cortes Españolas, ofrecendo unha visión completa das normas que configuraron o funcionamento institucional”. Examina tamén o papel dos procuradores galegos nas dúas últimas lexislaturas das Cortes franquistas (1967-1977), “para entender como incorporaron aos seus discursos os cambios sociais e os intereses territoriais das súas circunscricións, así como a súa posición no conflito entre evolucionistas e inmobilistas que marcou a etapa final da ditadura”. Outro dos eixes centrais da publicación é o estudo dos procesos electorais e do persoal político municipal nas provincias da Coruña e Lugo durante as derradeiras corporacións franquistas e a primeira democrática. A obra analiza ata que punto os mecanismos electorais contribuíron a estabilizar o réxime nos seus últimos anos, as actitudes sociais ante esas eleccións, a formación de novas elites locais e os métodos de cooptación dos concelleiros.
Finalmente, a publicación “ofrece unha aproximación á realidade das deputacións provinciais a través do caso de Ourense, examinando tanto as súas teóricas funcións como as traxectorias dos seus responsables políticos nas dúas últimas décadas do franquismo”. Este estudo, apunta o catedrático de Historia Contemporánea da UVigo, “permite identificar as continuidades e as rupturas que se produciron na transición cara á democracia, revelando como se reestruturaron as elites e cal foi o seu papel no novo escenario político”.
Respostas a cuestións sen aclarar
A obra, comentan os seus autores, “ofrece respostas a cuestións que ata o de agora permanecían sen aclarar e reconstrúe aspectos esenciais sobre a traxectoria, a xénese e as características de boa parte das elites políticas que protagonizaron os primeiros anos da Galicia autonómica”. O labor interpretativo feito nela permite, engaden, explicar “o progresivo desaxuste entre a estrutura institucional e a sociedade nos últimos anos do franquismo, así como a emerxencia, desde a década de 1960, dunha nova cultura política de carácter eminentemente cívica e democrática e dun tecido social renovado que influiría de maneira decisiva na evolución política posterior”. Nas páxinas da publicación examínase o grao de continuidade que moitos destes grupos conservaron durante a transición á democracia (converténdose en actores clave na articulación territorial do centro e da dereita en Galicia) e como adaptaron os seus discursos ás novas demandas sociais e á acción colectiva de distintos sectores emerxentes.
