Nun proxecto de catro anos de duración liderado polo científico Guillermo Velo Antón
Investigadores da UVigo avalían o impacto das plantacións de eucalipto sobre a diversidade, abundancia e composición das comunidades de vertebrados
Tamén estudarán as posibles diferenzas destes grupos entre hábitats autóctonos e exóticos
Durante catro anos e cun orzamento de 170.000 euros, Guillermo Velo Antón, investigador do grupo Ecoevo da Universidade de Vigo, lidera un equipo científico que está a avaliar as respostas dos vertebrados ás plantacións de árbores invasoras.
Como explica o científico, este proxecto, que botou a andar hai un ano e rematará en 2027, xurdiu dun interese común: coñecer o efecto que as plantacións e os hábitats dominados polo eucalipto poden ter sobre os patróns de diversidade e abundancia de vertebrados, así como os posibles cambios que se pode xerar nas especies que frecuentan estes hábitats. O proxecto está coliderado pola catedrática de María Calviño, que leva anos estudando os efectos dos eucaliptais en comunidades de distintos grupos de organismos, incluíndo liques, musgos, plantas vasculares e aves, en dous proxectos anteriores. Xunto con eles dous, tamén están involucrados no estudo científicos do CIBIO - Centro de Investigação em Biodiversidade e Recursos Genéticos – da Universidade de Porto.
Un proxecto, dous estudos relacionados
O proxecto comprende dúas liñas de traballo. Por unha banda, o equipo céntrase en determinar se os hábitats forestais dominados pola árbore exótica Eucalyptus globulus poderían ter un efecto sobre os patróns de diversidade, abundancia e composición das comunidades de vertebrados. Nunha segunda parte do proxecto tratarase de estudar as posibles diferenzas entre hábitats nestes grupos, por exemplo cambios de tamaño, condición corporal e dieta, comparando hábitats autóctonos e exóticos. Como avanza Velo Antón, os científicos agardan que “os vertebrados amosen alteracións nalgúns trazos do seu ciclo de vida (por exemplo morfolóxicos ou na dieta) en resposta ás diferenzas ambientais entre os hábitats forestais. Esperamos que a magnitude do impacto estea asociada ao tipo de hábitat forestal e diferirá entre os grupos de vertebrados”.
Catro hábitats e 40 parcelas de estudo
O proxecto céntrase en catro tipos de hábitat que representan unha tendencia de aumento da perturbación e de diminución da integridade ecolóxica, desde bosques nativos ben conservados ata plantacións intensivas de eucalipto, pasando por hábitats “mixtos” dominados por árbores exóticas ou nativas.
No que se refire aos vertebrados, o equipo estuda a presenza de aves e mamíferos con métodos indirectos, como gravacións do canto e fototrampeo, e de anfibios e réptiles, mediante a súa observación directa en traxectos previamente establecidos.
Durante o primeiro ano de traballo, o equipo de investigación centrou os seus esforzos na revisión e selección de parcelas de mostraxe, así como na recollida de datos para comparar patróns de diversidade entre hábitats. Actualmente, explica Velo Antón, “dispoñemos de gravacións de cantos de paxaros e fotografías de mamíferos recollidas con cámaras de fototrampeo para as 40 parcelas de estudo, situadas todas elas no interior da provincia de Pontevedra”.
O proxecto continuará estudando as posibles diferencias en diversidade, abundancia e composición das comunidades de vertebrados noutras parcelas, ao tempo que comeza o traballo de campo para a captura de exemplares de catro especies representativas de vertebrados e a recollida de datos de morfoloxía e dieta para comparar entre hábitats e entre os grupos de vertebrados.