A cría realizarase na Ecimat e o engorde de xuvenís en bateas
Investigadores da UVigo desenvolven un sistema integral e sostible único no mundo de cultivo, engorde e repoboación da centola
Buscan obter individuos de talla comercial para consumo e para a solta en bancos da ría de Vigo
Un equipo multidisciplinar formado por investigadores do grupo GEN (Ecobas); do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias (Instituto de Agroecoloxía e Alimentación do Campus da Auga) e do Centro de Investigación Mariña CIM-UVigo está a desenvolver un ambicioso proxecto único no mundo para deseñar un sistema integrado e sostible de cultivo, engorde e repoboación da centola Maja brachydactyla. Esta iniciativa, bautizada como Maja, foi presentada este venres na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. Os seus impulsores explicaron que se trata dunha liña de investigación que busca obter individuos de talla comercial para consumo e tamén para a repoboación de bancos naturais desestruturados da ría de Vigo, de xeito que se maximice a eficiencia produtiva e se contribúa á conservación e recuperación da especie. Ademais, de acordo cos estándares de economía circular, buscarase a valorización dos subprodutos do proceso.
O proxecto, que arrancou este pasado verán, está liderado por Jose Eugenio López Periago, profesor do Departamento de Bioloxía vexetal e ciencias do solo e desenvólvese nas instalacións da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla ata xaneiro de 2026. Conta coa colaboración da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar e cofinanciado pola Unión Europea a través do FEMPA (Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura). O orzamento total é de 383.899 euros, achegando o FEMPA o 70% e a UVigo o 30%. Ademais, nesta iniciativa que xurdiu da sociedade civil, como explicaba López Periago, están implicadas tamén a empresa Abonomar, a Confraría de Pescadores San Francisco de Vigo e a compañía Dibaq Diproteg.
Converter a centola nun produto de acuicultura
O persoal investigador implicado salienta que “o desenvolvemento do cultivo integral da centola Maja brachydactyla ata a obtención de individuos de talla comercial, por primeira vez no mundo, suporía un grande avance para diversificar a produción acuícola do noso país”. E é que como explicou na presentación a investigadora Noelia Tourón, o sector acuícola segue a medrar ano tras ano debido ao aumento exponencial da poboación. “Os crustáceos representan unicamente o 23% da produción acuícola mundial, pero sobre todo céntrase en camaróns e gambas”. Mentres, o mercado da centola vese reducido pola escaseza de capturas, o que implica tamén unha subida de prezos e un incremento da importación (o 75% da centola consumida en España procede doutros países). A posibilidade dunha produción acuícola desta especie permitiría, destacaba Tourón, non só reverter esta situación de escaseza, senón que tamén “axudaría a diversificar a produción acuícola en Galicia, facilitaría a comercialización desta especie durante todo o ano e posibilitaría a recuperación das poboacións debilitadas”. Ademais, “o coñecemento xerado durante o proxecto sería extrapolable a outras especies de centola cuxas poboacións se atopan moi diminuídas, como é o caso da Maja squinado no Mediterráneo”, engaden.
A cría, na Ecimat; o engorde en bateas
O proxecto abrangue dende a obtención de larvas de centola en condicións controladas ata a comercialización do produto final e todos os subprodutos xerados durante o seu cultivo. Así, a cría en catividade da centola realizarase nas instalacións da Ecimat e o engorde de individuos xuvenís farase en bateas, empregando subprodutos da miticultura como fonte de alimentación e diminuíndo así os residuos xerados polo cultivo de mexillón, que ademais supón un gran problema para a diversidade mariña.
Para a optimización dos parámetros de cultivo de larvas e postlarvas estableceranse protocolos de manexo dirixidos á obtención do maior número posible de xuvenís con tres obxectivos principais. Por unha banda, a elaboración dun manual de cultivo integral desta especie que permita a súa produción na industria acuícola, posibilitando así a venta no mercado ao longo de todo o ano. Doutro lado, buscarase obter un protocolo óptimo para a repoboación de bancos naturais desestruturados con xuvenís obtidos en criadeiro, así como para a realización do seguimento posterior. Finalmente, un terceiro obxectivo é o engorde dos xuvenís en gaiolas suspendidas das bateas ata acadar a tala comercial.
Neste proceso realizaranse distintas probas de alimentación, densidade de cultivo, etc., e deseñaranse gaiolas de cultivo que permitan conseguir mellores porcentaxes de supervivencia, crecemento, benestar animal e taxa de conversión de alimentos. Ademais, deseñaranse dietas específicas de engorde para os xuvenís evitando o uso de aceites e fariñas de peixe. Tamén se levará a cabo un seguimento da morfoloxía e o desenvolvemento dos crustáceos mediante un estudo de tomografía computarizada.
Novos produtos
Outra das actividades principais contempladas no proxecto é o deseño e elaboración de novos produtos a partir da extracción da vianda da centola. Para iso deseñarase un procedemento innovador que permita extraer con facilidade a carne do seu cacho, mantendo a súa calidade e integridade para a elaboración de produtos de mercado coa vianda da centola, como conservas, patés ou produtos conxelados.
Outra liña de traballo dirixirase á utilización dos cachos baleiros obtidos durante o proxecto para enriquecer suplementos avícolas; ademais, extraeranse deses cachos biopolímeros moi demandados como a quitina e o quitosano, que teñen múltiples aplicacións na industria biomédica e farmacéutica.
No acto participou tamén Miguel Rodríguez Méndez, profesor do Departamento de Economía Aplicada e investigador do Governance And Economics Research Network, GEN, que detallou a parte do proxecto que se centrará na análise de circularidade da proposta no seu conxunto dende unha visión holística. Dende o seu equipo tamén se realizará unha avaliación económica que estudará o modelo de negocio para asegurar a súa sostibilidade económica a medio e longo prazo.