O proxecto está liderado por profesorado da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
Investigadores da UVigo desenvolverán un sistema de desinfección contra a COVID-19 empregando dispersión de líquidos con drones
Crearán un sistema de información xeográfica para determinar zonas de posible afluencia de xente
Na volta á “nova normalidade” trala pandemia da COVID-19, un dos retos que se afronta é a desinfección das zonas que volverán a ser usadas pola cidadanía, desde centros educativos ata parques. Investigadores da Universidade de Vigo levarán a cabo un proxecto que ten como obxectivo o desenvolvemento dun sistema de desinfección empregando dispersión de líquidos mediante sistemas aéreos non tripulados. Aproveitando a “madurez” que xa ten a tecnoloxía de limpeza con drones, o seu traballo centrarase no desenvolvemento dun sistema de información xeográfica a nivel galego e dunha metodoloxía que permita optimizar o seu uso nesta crise.
A iniciativa, que será financiada con 55.000 euros pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, é unha das oito solucións elixidas, entre as 160 recibidas, na convocatoria feita pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria para o desenvolvemento de proxectos innovadores fronte á COVID-19. O seu investigador principal será Higinio González, profesor titular da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense, complentado o equipo os profesores Fermín Navarro, do mesmo centro, e Joaquín Martínez, da Escola de Enxeñaría de Minas; e o persoal investigador Luis Miguel González; Noelia Fariñas; Lorena Docasar e Alejandro Gómez. A finalidade do traballo, que se desenvolverá de xuño a decembro de 2020, indican os seus responsables, será “desenvolver e validar operativas de voo con sistemas aéreos non tripulados para efectuar tarefas de desinfección”.
Concretamente, as e os investigadores da Universidade de Vigo márcase tres obxectivos. O primeiro deles é o desenvolvemento dun sistema de información xeográfico a nivel galego que determine zonas na que se prevé unha elevada afluencia de xente e son susceptibles de desinfección con drones. O segundo é determinar horas necesarias de operación e restricións de índole legal para esta desinfección, así como recursos necesarios a nivel económico, de equipos e empresas operadoras. O terceiro é o desenvolvemento e verificación de metodoloxías de desinfección específicas para estes sistemas para garantir o seu correcto resultado.
Aproveitar unha tecnoloxía xa madura
A COVID-19, explican os responsables do proxecto, ten provocado unha pandemia global aínda en fase de contención e na volta á normalidade que comezou, indican, “un aspecto clave será continuar extremando a desinfección das superficies que poden actuar como favorecedoras para a transmisión do virus”. A medida que as restricións existentes se vaian levantando, detallan, “as tarefas de desinfección terán que estenderse con máis intensidade a lugares que actualmente non se están utilizando pero que no futuro si volverán a utilizarse, por exemplo colexios e universidades, instalacións deportivas ou lugares de lecer ao aire libre”. Neste contexto, comenta Higinio González, a crise da COVID-19 “non permaneceu allea á utilización dos sistemas aéreos non tripulados en tarefas de desinfección”, citando exemplos de uso en países como China e Francia. “Ante o escenario de volta cautelosa á normalidade cara ao que nos encamiñamos nos próximos meses, pódese observar como os sistemas aéreos non tripulados poden ser de utilidade para completar tarefas de desinfección en lugares como bancadas de instalacións deportivas, patios de colexios, parques infantís, zonas de lecer como xardíns, contornas de piscinas, ríos e praias, etc”, indica o investigador.
Neste contexto, explica Higinio González, a tecnoloxía para dispersión de líquidos mediante vehículos aéreos non tripulados atópase “xa madura e accesible no mercado”. Dado que esta tecnoloxía “non necesita un desenvolvemento específico” pola súa madurez, detalla, o proxecto proponse “centrar os esforzos na planificación dun adecuado despregamento desta tecnoloxía, que complemente de forma sinérxica as tecnoloxías de limpeza xa existentes”. Se esta tarefa se acomete de forma correcta, engade o investigador, “máis aló de atender a actual emerxencia da COVID-19, o proxecto pode sentar as bases para estender as aplicacións dos drones noutras tarefas que requiran a dispersión de líquidos, como a aplicación de fitosanitarios en explotacións agrícolas de orografía complexa, como por exemplo a viticultura en zonas como a Ribeira Sacra”.
Un sistema de información xeográfica e unha metodoloxía
O primeiro obxectivo ao que se enfronta o proxecto, comenta o seu responsable, consiste en desenvolver un sistema de información xeográfica a nivel galego que integre todas as zonas de aplicabilidade da tecnoloxía de desinfección con drones e que presente os lugares de potencial afluencia de xente que poderían á súa vez ser desinfectados por este método. Unha vez determinada a superficie sobre a que actuar, detalla o profesor da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, “é necesario integrar no devandito sistema de información xeográfica as restricións legais de voo existentes e definir diferentes tipos de operacións en función disto”. Para a xeración de metodoloxías de operación específicas para a desinfección, así como a verificación das mesmas, o proxecto, indica Higinio González, parte do “extenso coñecemento que ten o equipo de traballo na operación de diferentes tipos de sistemas non tripulados”, xa que está integrado por tres pilotos de drones, dous doutores enxeñeiros aeronáuticos e unha graduada en Enxeñaría Aeroespacial.
Outro dos retos do proxecto será, segundo explica o seu responsable, “definir a cantidade de líquido desinfectante e en que concentracións se debe dispersar para garantir a correcta eliminación do virus sobre as superficies a tratar, sempre atendendo a unha operación segura da aeronave”. Outros aspectos pendentes de definición que se abordarán no estudo, engade Higinio González, serán a velocidade de traballo recomendada, as alturas de voo e frecuencias de desinfección. Unha vez coñecido o despregamento necesario para acometer os labores de limpeza e as metodoloxías adecuadas para a operación, sinala o investigador, será necesario realizar un acompañamento das primeiras operacións para detectar usos deficientes e posibles melloras. O obxectivo que se marca o proxecto, detalla, sería que en setembro de 2020 puidesen arrancar as primeiras tarefas de desinfección con drones acompañando o inicio de actividades como o curso escolar ou ligas deportivas. “Nese momento arrancaríanse as actividades de verificación nas primeiras operacións, que actuarían a modo de piloto e que se poderían estender a partir de novembro a todo o territorio”, apunta por último o profesor da Universidade de Vigo.