DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun convenio subscrito hoxe entre o reitor e a presidenta da Deputación

Investigadores da UVigo estudarán a presenza de microplásticos en macroinvertebrados nos ríos da provincia de Pontevedra

“Estes contaminantes non foron ben estudados en augas dulceacuícolas”, sinala Josefina Garrido

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Medio Ambiente
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 09/12/2021

20.000 euros achegará a Deputación de Pontevedra para a realización, por parte de persoal investigador da UVigo, dun estudo sobre as implicacións medioambientais e o efecto ecotoxicolóxico dos microplásticos nas comunidades de macroinvertebrados en ríos da provincia de Pontevedra. O estudo, que dá continuidade ao realizado o ano pasado por un grupo de investigadores e investigadoras, encabezados pola docente do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo Josefina Garrido González, e que se centrou nos ríos Lagares e Gafos, permitirá ampliar a zona de estudo e abordar novos obxectivos, co fin último de coñecer a dimensión do problema e que as administracións correspondentes poidan tomar medidas.

“Nós estamos moi preocupadas e preocupados polo que acontece cos plásticos, son miles e miles de millóns de toneladas que chegan aos océanos e os microplásticos teñen unha incidencia moi relevante sobre algo que para nós é fundamental: o marisqueo e a pesca” dixo Carmela Silva no acto de sinatura do convenio entre a Deputación de Pontevedra e a UVigo, celebrado esta mañá na sede viguesa do organismo provincial. Para Silva, este acordo é unha proba da “preocupación e ocupación de ambas as dúas institucións pola influencia que poidan ter os microplásticos nun sector como o da pesca que é fundamental para a nosa economía, pero moi particularmente para a saúde das persoas”, así como un medio para dispor de información e se poidan tomar decisións por parte das administracións de forma particular, para que a Universidade poña en marcha iniciativas e para concienciar á sociedade. 

Pola súa banda, o reitor agradeceu a confianza depositada pola Deputación de Pontevedra na UVigo para a realización deste estudo de un ano de duración, e asegurou que “o dos microplásticos é un tema que cómpre investigar e saber como están o nosos ecosistemas e que mellor xeito de comezar que polos ríos e que tamén se verá reflectido na rías”, dixo Reigosa. O reitor lembrou na súa comparecencia que este traballo é a continuación do titulado Efecto de los microplásticos sobre las comunidades acuáticas de macroinvertebrados en ríos de la provincia de Pontevedra, desenvolvido o ano pasado, baixo da dirección da docente e investigadora da UVigo Josefina Garrido. Nese traballo pioneiro en Galicia, as e os investigadores realizaron unha avaliación preliminar da incidencia dos microplásticos, un estudo cuxo interese non unicamente radicaba en coñecer o  impacto destes contaminantes nos sistemas dulceacuícolas, senón tamén en ter en conta que estes son a principal fonte de entrada dos microplásticos ao medio mariño, o que afecta gravemente aos sectores produtivos marisqueiros.

Un estudo cun dobre enfoque 

O estudo, cuxo convenio asinaron hoxe a Deputación e a UVigo, desenvolverase no ámbito da ecoloxía e a bioloxía ambiental da provincia, realizando unha aproximación á problemática dos microplásticos cun dobre enfoque: determinar a súa presenza e efectos nocivos no medio acuático continental, e facer unha aproximación á capacidade dos seres vivos presentes no medio para solucionar o problema a través da súa biodegradación. “A investigación realizada nos ríos Lagares e Gafos permitiu coñecer a presenza destes contaminantes e os seus posibles efectos sobre a fauna. Non obstante, pola importancia dos resultados obtidos en zonas onde non se agardaba atopar microplásticos, como nas cabeceiras de ambos ríos, fíxose preciso estender o estudo a un maior número de ríos na provincia con diferentes condicións ambientais e presións (presencia de poboacións, industria, actividade agrícola e gandeira, extraccións...) sobre as masas de agua, para determinar a importancia desta contaminación e a súa probable incidencia na provincia de Pontevedra e no seu medio natural”, detalla Josefina Garrido

Aínda que existen diferentes tipos de indicadores biolóxicos de ecosistemas fluviais, como microorganismos, macrófitos ou peixes, un dos grupos máis amplamente utilizados como un tipo de indicadores é o dos macroinvertebrados acuáticos, seres non vertebrados cun tamaño superior a 500 µm, como esponxas, planarias, samesugas, oligoquetos, moluscos ou crustáceos, así como insectos, que nos seus estados inmaduros (larvas e ovos) son acuáticos e entre os que destacan ordes como: efemerópteros, plecópteros, odonatos, hemípteros, coleópteros, tricópteros e dípteros. A investigación que dirixirá Josefina Garrido contempla, en detalle, o estudo das variacións dos microplásticos en especies biomarcadoras; a estimación da cantidade total de microplásticos que son transportados anualmente por cada río; a determinación da biodegradabilidade dos materiais plásticos en auga de río, simulando as condicións no laboratorio e a determinación do efecto ecotóxico de microplásticos en lombrigas de terra e da capacidade destas para biodegradar os materiais de ensaio.  

Garrido lembra que a presenza dos microplásticos en masas de agua manifestouse como un dos principais problemas ambientais nos últimos anos e mesmo diversos estudos amosaron a súa aparición en organismos mariños e alertaron do risco da súa incorporación ás cadeas tróficas e a o posible afección ao ser humano. “Non obstante, estes contaminantes no foron estudados tan en profundidade en aguas correntes dulceacuícolas nin na nosa rexión”, lamenta a investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da UVigo.