DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa incorporación de F-Tree e intelixencia artificial

Investigadores da UVigo e do IDIS actualizan e amplían con novas funcionalidades o método de rexistro e análise de relacións de parentesco Fcodes 

O traballo aparece publicado na revista 'Journal of Integrative Bioinformatics'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Medios
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • HRS4R
  • Investigación
  • Investigación
DUVI 07/03/2025

O docente e investigador do grupo Next Generation Computer Systems da UVigo Hugo López Fernández, o doutor pola Universidade de Vigo Daniel Pérez Rodríguez e o investigador do grupo Investigación Traslacional en Enfermidades Neurolóxicas (ITEN) do IDIS Roberto C. Agís Balboa publican na revista Journal of Integrative Bioinformatics o artigo Fcodes Update: A Comprehensive Framework for Kinship Encoding with the F-Tree GUI and LLM-Based Family Relationship Inference. Nesta actualización, os autores, responsables do proxecto inicial, Fcodes: A straightforward algorithm for kinships encoding, melloran aínda máis as funcionalidades do algoritmo Fcodes, unha ferramenta que contribuíu a simplificar e axilizar o rexistro e análise de relacións de parentesco, ofrecendo unha alternativa aos sistemas tradicionais, como o Ahnentafel ou o Register System, que resultaban complexos e pouco flexibles para incorporar relacións horizontais e datos non estruturados.

“A metodoloxía Fcodes caracterízase pola súa claridade, eficiencia e facilidade de implementación tanto de forma manual, usando unicamente papel e lapis, como en contornas dixitais”, explica Roberto C. Agís Balboa, investigador do, que tamén sinala que “a simplicidade do algoritmo Fcodes faino tan intuitivo que calquera persoa, sen necesidade de coñecementos técnicos, pode codificar a estrutura da súa propia familia de forma sinxela, evitando así que ese coñecemento se perda”.

Da idea orixinal a unha solución integral

O artigo orixinal describía en detalle a lenda e a nomenclatura do sistema Fcodes, explicando como asignar códigos a cada vínculo familiar e calcular, por exemplo, o coeficiente de endogamia a partir de pares de Fcodes. Desenvolveuse, ademais, unha interfaz de liña de comandos (CLI) en Python que permitía xestionar arquivos de datos xenealóxicos (Fdata), xerar árbores familiares e producir informes interactivos.

A actualización amplía estas capacidades ao integrar novas funcionalidades que responden ás necesidades actuais de investigadores e profesionais, como F-Tree GUI, unha interfaz gráfica de usuario, de código libre, que facilita a xestión, visualización e manipulación de datos xenealóxicos. F-Tree permite crear familias e importalas desde formatos Fdata, TSV ou SQLite, construír árbores xenealóxicas en PDF e elaborar informes detallados, promovendo a transparencia e a interoperabilidade baixo os principios FAIR. 

Así mesmo, integráronse Modelos de Linguaxe (LLMs); usouse intelixencia artificial para inferir automaticamente relacións familiares a partir de textos narrativos usando o algoritmo Fcode; empregáronse os modelos ChatGPT-4ou e Gemini Advanced 1.5 Prol para extraer parentescos de extractos de La Regenta (Leopoldo Alas Clarín), da biografía de Marie Curie e mesmo dunha pasaxe da Biblia, e un 90 % dos parentescos extraídos foron correctos. "Estas probas demostraron que a combinación entre a IA e os Fcodes ten un notable potencial para extraer e codificar vínculos complexos, abrindo novas perspectivas en áreas como a antropoloxía, a socioloxía, a xenética e a saúde mental", explica Daniel Pérez, primeiro autor do traballo. 

Impacto e proxección

A consolidación de Fcodes como un sistema versátil e accesible marca un fito na análise de estruturas familiares. Ao combinar métodos tradicionais con ferramentas computacionais avanzadas, este marco integral permite a investigadores de diversas disciplinas xestionar grandes volumes de datos xenealóxicos de maneira eficiente e automatizada. 

"A sinxeleza do algoritmo Fcode permite, a calquera persoa, acceder a unha metodoloxía eficaz para preservar a súa información familiar. Isto posibilita o desenvolvemento de proxectos antropolóxicos e etnográficos orientados á recompilación, xeración, preservación e análise dos devanditos datos, especialmente en comunidades tradicionais.", explica Hugo López. Ademais, o estudo das estruturas familiares resulta fundamental na investigación das enfermidades mentais, xa que as redes de apoio social xogan un papel crucial na súa aparición e desenvolvemento. A evolución do proxecto destaca a sinerxía entre innovación tecnolóxica e métodos clásicos, facilitando a análise de relacións en contextos tan variados como estudos históricos, rexistros médicos e análises sociolóxicas.

Ambos os traballos contan co respaldo da Universidade de Vigo, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) e a empresa Science and Business S.L., e recibiron financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación e da Xunta de Galicia.