DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Marcos Dopico, Cibrán Rico e Suso Vázquez son os autores de ‘A Galicia deseñada’

Investigadores da UVigo percorren a historia dos símbolos e marcas que definen “a identidade gráfica diferenciada” de Galicia

Nun libro editado por Fabulatorio e a Universidade da Coruña

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Cultura
  • Investigación
  • Publicacións
  • Investigación
DUVI Pontevedra 29/01/2025

Un percorrido pola historia do deseño gráfico en Galicia, que “retrocede varios séculos na historia dos símbolos que forxaron a identidade do país e que influíron no deseño gráfico contemporáneo”. Deste xeito presenta o decano da Facultade de Deseño, Marcos Dopico, A Galicia deseñada, o libro que recolle os resultados da investigación sobre a creación de símbolos, marcas e identidades gráficas en Galicia que levou a cabo xunto aos deseñadores e investigadores Cibrán Rico e Suso Vázquez. Editado pola Universidade da Coruña e Fabulatorio, o volume permite coñecer como unha serie de símbolos “arraigados na cultura galega” foron empregados e reinterpretados por institucións e empresas para a construción de identidades corporativas que as vinculasen co territorio, contribuíndo, como sinala Dopico, a que Galicia posúa “unha identidade gráfica diferenciada”. 

Resultado da investigación desenvolvida por Dopico xunto a Rico e Vázquez, responsables do estudio Desescribir, investigadores predoutorais na UVigo e profesores na Facultade de Deseño, A Galicia deseñada toma como base a exposición do mesmo nome que presentaban a finais de 2022 na Sala Normal da Universidade da Coruña. Nela, propuñan un percorrido pola historia do deseño en Galicia a través dunha selección de cen símbolos, marcas e identidades gráficas, que agora amplían nun volume de preto de 700 páxinas con novos textos que afondan nos “diferentes condicionantes económicos, sociais e políticos que ao longo da historia influíron no deseño no país” e con “novas pezas e marcas gráficas”. Trátase nese senso, recoñece Dopico, do primeiro libro “que analiza de forma completa e extensa a historia do deseño de identidades corporativas e a creación de símbolos identitarios” en Galicia.

Símbolos reinterpretados desde unha óptica contemporánea

“Unha das claves” deste traballo, sinala o investigador do grupo dx7, é como este percorrido histórico permite pór o foco na existencia dunha serie de “mitos-de-lugar”, símbolos ou elementos da cultura popular que de xeito recorrente foron empregados para a construción de identidades corporativas. Ese sería o caso da cuncha de vieira como símbolo de peregrinación, da Cruz de Santiago, das “marcas primixenias atopadas en castros” ou das “inscricións lapidarias” realizadas por canteiros nas igrexas e que “influíron na creación de tipografías propias”, sinala. “Neste senso, Galicia posúe unha identidade gráfica diferenciada do resto do Estado”, recoñece Dopico, que incide en que se ben en España “optouse máis por unha imaxe vinculada á mediterraneidade dos trazos pictóricos de Miró e Tapies”, en Galicia “propúxose un deseño gráfico máis atlántico e sobrio”.

Neste punto, lembra que a “idea orixinaria do libro” era pór en valor o traballo dunha xeración de deseñadores e deseñadoras que, tras a Transición, “crearon os símbolos e identidades das novas institucións públicas, como a Xunta de Galicia” e renovaron a imaxe de concellos, organismos públicos e empresas. Foi a análise dos traballos de deseñadores e deseñadoras como Alberte Permuy, Xosé María Torné, o Grupo Revisión Deseño, Uqui Permuy ou Eloy Lozano a que levounos a comprobar como estes profesionais “botaron man con mestría de moitos símbolos arraigados na cultura galega dende había séculos, reinterpretándoos dende a óptica contemporánea”. Isto levou a ampliar o foco de análise, dando lugar a unha investigación que abrangueu desde a análise de símbolos medievais ou das marcas creadas polas primeiras industrias creadas en Galicia ata a influencia do Laboratorio de Formas, “unha experiencia clave para entender o deseño identitario en Galicia”, na que Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo “propuxeron a recuperación das formas tradicionais propias da cultura galega silenciada pola ditadura”. 

A Galicia deseñada aborda así mesmo o deseño de identidades corporativas nestas primeiras décadas do século XXI, marcadas pola creación da Asociación Galega de Deseño en 2006 e por unha “remuda xeracional”, que está a supor, salienta Dopico, “un importante incremento da participación da muller” nesta profesión, ata entón caracterizada en Galicia “pola presenza maioritaria de homes”.

Os símbolos e as súas aplicacións

Tras este percorrido histórico, o segundo bloque do libro presenta a selección de cen símbolos, marcas e identidades corporativas estruturada en cinco períodos históricos e acompañada de explicacións contextuais. Xunto ao prólogo no que Pepe Barro afonda nas primeiras marcas galegas, o volume complétase cun apartado de “gráfica aplicada” que permite “apreciar o deseño no seu contexto”, a través de imaxes que amosan a translación das identidades a “pezas reais”, desde libros ou folletos, ata carteis ou embalaxes. “O deseño gráfico é unha disciplina apegada como poucas ao mundo real”, destaca Dopico, e isto motivou que o volume buscase tanto reflectir como se aplicaron deseños de artistas como Castelao ou Camilo Díaz Baliño como recoller creacións anónimas que se converteron en “pezas da cultura popular”, como algunhas “marcas de gasosas, lámpadas ou latas de conservas”.