DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun seminario virtual promovido polo Observatorio da Gobernanza G3

Investigadores de varios países analizan os elementos comúns que definen as diferentes fronteiras 

No marco dun proxecto financiado polo goberno mexicano

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Investigación
  • Investigación
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 01/06/2023

Definir un modelo de análise comparada aplicable ás diferentes fronteiras do mundo é o propósito central do proxecto La reconfiguración y nuevas funciones de las fronteras del siglo XXI: entre la integración/desintegración, desfronterización/refronterización y cooperación/conflicto, no que se insire o seminario virtual no que participaron investigadores das universidades de Vigo e Arizona State e do Colegio de la Frontera Norte (Colef) mexicano. Promovido polo Observatorio da Gobernanza G3, este foro tiña como obxectivo debater os resultados dos traballos de campo realizados en diferentes zonas fronteirizas de Europa e América co propósito de identificar os procesos e elementos comúns que definen estes espazos.

De carácter virtual, o seminario foi presentado polo coordinador do Observatorio da Gobernanza e decano da Facultade de Dirección e Xestión Pública, Enrique Varela, e contou coa participación, desde este centro, da investigadora do Colef Hilda García e do profesor da Arizona State University Francisco Lara-Valencia, así como coa intervención por videoconferencia do profesor da UVigo e coordinador académico do Observatorio das Dinámicas Transfronteirizas da AECT Río Minho, Xavier Martínez Covas. Baixo o título de Pensando modelos de índices de desenvolvemento transfronteirizo para comparar fronteiras globais, o obxectivo deste seminario, explica Varela, era “pensar modelos de análise” dos espazos fronteirizos, partindo dun dos casos de estudo deste proxecto financiado polo Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología (Conacyt) do Goberno de México, o da “raia húmida” entre Galicia e o Norte de Portugal. De feito, ademais de tomar parte nesta xornada, García e Lara-Valencia participaron xunto con Varela nunha serie de entrevistas con responsables da AECT Galicia-Norte de Portugal e do Eixo Atlántico  nos últimos días.

Realidades diversas, pero con puntos comúns

Escenarios tanto de traballo conxunto de entidades de diferentes países como de crises políticas e humanitarias, o concepto fronteira engloba un conxunto de realidades que presentan “diferencias significativas”, pero que tamén “xeran procesos sociais, económicos, políticos e culturais máis ou menos similares”, como recoñece Lara. Nese senso, o propósito do proxecto de investigación coordinado pola investigadora do Colef María del Rosío Barajas é “desenvolver un esquema de análise que nos permite identificar os procesos e os efectos que teñen as fronteiras, independentemente do lugar onde se empracen”, engadiu este investigador. Liderado polo Colef e poloo Centro de Investigación en Alimentación y Desarrollo (CIAD) de México, no proxecto participan, xunto a Vigo e Arizona State, as universidades de Sevilla, Torino e Guadalajara, así como o Colegio de la Frontera Sur mexicano. A investigación, como explica García, arrancou en 2020 e abrangueu o estudo de diferentes fronteiras, como as de España con Portugal e Marrocos, a de México e Estados Unidos ou a tripla fronteira entre Brasil, Arxentina e Paraguai. “Estamos concluíndo coa recolección de información, para poder levar a cabo unha comparación dos datos obtidos”, sinala respecto dun proxecto que concluirá en 2024.

Con esa idea, cada estudo de caso conta coa participación de académicos de diferentes países, como foi o caso do coordinador do Observatorio da Gobernanza, que traballou tamén na fronteira norte mexicana xunto os participantes neste seminario. "Un dos problemas aos que nos enfrontamos é que ás veces queremos interpretar outras realidades a partir da experiencia e do entendemento que desenvolvemos localmente”, sinala nese senso Lara-Valencia, que incide na importancia de sumar diferentes perspectivas á detección deses elementos comúns. De feito, explica, un dos aspectos que permitiu constatar o estudo comparado de fronteiras moi diferentes é que “a construción de estruturas de xestión é sempre complicada”, dada a “tendencia que teñen os estados nacionais a centralizar a xestión”, o que deriva nunha “sorte de loita entre os actores máis locais, que levan ás comunidades que viven na fronteira a interconectarse, e as forzas que se exercen dende as capitais, que tratan de preservar o control e a integridade dos territorios”. 

Unha análise marcada pola covid-19

Aínda que non formaba parte dos obxectivos iniciais do proxecto, a situación provocada pola covid-19 no ano no que este botou a andar, 2020, fixo que os efectos da pandemia sobre as fronteiras se convertesen tamén nun dos focos de análise dos investigadores e investigadoras participantes. Ese foi o caso do estudo que Varela centrou nas eurocidades Tui-Valença e Tomiño-Vila Nova de Cerveira e no que buscou afondar, explica, no “concepto de resiliencia, en como as institucións e os actores sociais conseguiron ou non sobreporse ás limitacións impostas pola covid-19”.

Nese eido, un dos focos de análise, como engadiu García, foi comparar o acontecido nunha “fronteira tan integrada e que coopera tanto” e que a pandemia levou a manter pechada durante meses, fronte outras “fronteiras tan asimétricas e tan controladas, como a de México e Estados Unidos”. De feito, recoñece, foi nesta última onde puideron detectar “accións específicas de cooperación, como programas binacionais de vacinación”, que permitiron a cidadáns mexicanos vacinarse en Arizona sen necesidade de visado. “Foi moi interesante ver que o grao de formalización e institucionalización da cooperación transfronteiriza entre Portugal e España, no contexto da Unión Europa, soamente fai posible certas formas de cooperación”, engadiu Lara-Valencia, que incide en como a falta de estruturas formais de cooperación pode nalgúns casos xerar “formas de cooperación novas e cun impacto moi forte sobre o benestar das comunidades da fronteira”.