DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O seu modelo de propagación do virus predixo a imposibilidade de celebrar as eleccións autonómicas

Investigadores de Vigo, Santiago, Aveiro e CSIC afirman que xa se comeza a ver "a luz ao final do túnel" na crise da COVID-19 en Galicia

Resaltan a asimetría das curvas, xa que os casos suben rapidamente pero descenden con máis lentitude

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Saúde
  • Investigación
DUVI 14/04/2020

O equipo de investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e Aveiro que realizou un modelo matemático que permite predicir a evolución da COVID-19 considera que xa se comeza a ver “a luz ao final do túnel”. Os profesores Iván Area (UVigo), Juan J. Nieto (USC), Delfim Torres (Universidade de Aveiro) e o estudante de doutoramento Faïçal Ndaïrou, aos que se acaban de sumar Jorge Mira (USC) e Luís Seoane (IFISC, UIB-CSIC), continuaron coas súas análises baseadas nos datos da realidade chinesa e confirmaron que o seu modelo preditivo serve perfectamente para explicar a evolución en Galicia. 

O equipo comezou a traballar neste modelo para describir a propagación do virus a mediados de xaneiro, cando se coñeceron os primeiros casos de infectados en China. “Rematamos o modelo o 11 de febreiro, e fomos quen de modelizar tanto o número de persoas infectadas como o de persoas falecidas, que é unha cuestión dunha altísima complexidade", explican. Cando comezaron os casos en Europa, lembran, “fixemos unha advertencia o día 4 de marzo, precisamente o día do primeiro positivo de coronavirus confirmado en Galicia”. Láianse de que nese momento non se tomaron en serio as súas predicións, “ tentamos facer de capitán a priori, pero con pouco éxito".

Pero dende ese momento seguen actualizando os datos que proporciona o Goberno para comprobar como se axustaba a curva do modelo á evolución da pandemia en Galicia e constatar como, efectivamente, son moi semellantes, o que lles permite ser optimistas sobre un posible escenario sen novos casos en Galicia. Explican que, de acordo cos datos que manexan, existe unha asimetría das curvas que reflicten o aumento e o descenso do número de persoas infectadas, xa que a velocidade na subida do número de casos “é moito maior que no descenso”. Son curvas asimétricas, o que significa que se tardamos 25 días en atinxir o número máximo diario de persoas infectadas, o esperable é tardar 45 días desde ese máximo en reducir o número de persoas infectadas a cero", apuntan. "O final da pandemia non chegará ata que pasemos moitos días sen ter novas persoas infectadas e iso aínda está moi lonxe. Polo de agora non convén permitir reunións de máis de 40-50 persoas para ter certo control no caso de que comece un novo brote".

Diferencias territoriais na propagación

Os datos achegados polos investigadores refírense a Galicia e fan fincapé nas diferencias territoriais nos modelos de propagación da pandemia. "Un exemplo visual das condicións iniciais é pensar en Usain Bolt, quen corre os 100 metros en 9.58 segundos. Iso é unha media de 10.43 metros por segundo. Pero se nos fixamos na velocidade instantánea cando está aproximadamente no metro 60 ou 70 veremos que aí a velocidade chegou a ser de case 12.5 metros por segundo. Cando comezou a pandemia Galicia, afortunadamente aínda estaba facendo exercicios de quecemento, nin sequera estaba nos tacos de saída”. Completamente distinta era a situación, por exemplo, en Madrid, lembran, “ onde a propagación era moi intensa”. O confinamento a partir da declaración do estado de emerxencia sanitaria o venres 13 de marzo e do estado de alarma en todo o territorio español ao día seguinte, engaden, “ rebaixou os contaxios, pero non é o mesmo comezar a baixar interaccións cando boa parte da poboación está infectada a cando o número de persoas infectadas é baixo”. Neste sentido, engaden que o transporte público e outras aglomeracións de xente de determinadas cidades foi “un factor fundamental no rápido crecemento do número de persoas infectadas".

Non pasar do confinamento á festa

Respecto de como afrontar o proceso de desescalada, o equipo investigador alerta de que “non podemos pasar do confinamento á festa dun día para outro, ten que ser progresivo e tentar evitar que se produzan novos brotes internos". No que respecta á situación en Galicia, valoran como unha vantaxe o feito de ser un territorio historicamente illado, xa que "a nosa xeografía e as dificultades de comunicación históricas -e que aínda se manteñen- xogou ao noso favor: a pandemia chegou máis tarde e puidemos aproveitar todo o coñecemento médico que se desenvolveu, por exemplo en Italia, para mellorar o tratamento dos pacientes. Iso redundou en que comezamos o illamento antes de ter unha propagación hipermasiva, en que os casos de UCI foron chegando pouco a pouco, e en que co coñecemento médico foi posible unha redución nos tempos de UCI que redundou en non saturar estas unidades". 

Unha análise semanal a unha mostra aleatoria simple da sociedade galega

O grupo investigador suxire empregar unha metodoloxía semellante á das enquisas electorais para determinar o alcance real da pandemia. "Pensamos que cunha análise semanal a unha mostra aleatoria simple da sociedade galega teriamos unha fotografía moito máis exacta do alcance da pandemia, pois permitiría saber quen padece a enfermidade e quen a superou, incluso de xeito asintomático". En todo caso, son conscientes da dificultade desta medida polo escaso número de tests dispoñibles, pero sosteñen que “ é algo que si que se debería valorar cando cheguen os tests, analizar quen a tivo e quen a ten" .

Con todo, os expertos alertan de que unha pandemia coma esta se vaise repetir no futuro e cun impacto maior. "Este virus aínda non foi ‘o virus’; algún día teremos un problema moito máis intenso que teremos que resolver”, subliñan. De feito, sosteñen que cientificamente o que se fixo “foi un auténtico disparate, pois non temos datos o suficientemente fiables como para saber que pasou, e esa información é vital de cara a poder frear outra(s) pandemia(s)".