DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No Laboratorio de Bioenxeñería e Cronobioloxía

Investigadores vigueses deseñan unha proba que permite identificar as embarazadas que terán complicacións hipertensivas durante a xestación

O grupo pon as ferramentas da enxeñaría á disposición da medicina

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 16/04/2008
Naceu no 1987 e, dende entón, os seus membros sacaron á luz máis de 2200 publicacións a nivel internacional, incluíndo as máis prestixiosas no eido da cardioloxía. Estamos a falar do Laboratorio de Bioenxeñaría e Cronobiloxía que, dirixido polo profesor Ramón Hermida, aglutina un nutrido grupo de enxeñeiros cun interese común: pór os seus coñecementos técnicos a disposición da Medicina para crear ferramentas que permitan mellorar a saúde dos pacientes, sobre todo, daqueles afectados por hipertensión arterial.
Sempre en colaboración con diferentes centros sanitarios, o grupo leva realizado diferentes proxectos de investigación, tanto a nivel clínico como aplicado, en áreas como oncoloxía, endocrinoloxía e, xa máis recentemente, hipertensión e cardioloxía. Precisamente, dentro destas colaboracións, esta semana presentouse a unidade mixta que comparten con investigadores do Chuvi e que incrementará, aínda máis, a súa relación sanitaria.
Na actualidade os nove membros do equipo centran o seu labor en dúas liñas fundamentais: por unha banda, monitorización ambulatoria da presión arterial e tratamento da hipertensión e, pola outra, risco vascular e hipertensión no embarazo. Fano a través de dous proxectos moi entrelazados HYGYA e MADRE.

HYGIA, un programa pioneiro na loita contra a hipertensión arterial

Coordinada polo labotario, HYGIA é unha rede na que se integran centros de atención primaria e hospitais de toda Galicia. O obxectivo é lograr mellorar a valoración diagnóstica do paciente hipertenso, para así establecer o mellor esquema terapéutico e mellorar o seu grado de control, diminuíndo, polo tanto, o risco de problemas cardiovasculares.
Trátase de dar servizo asistencial a todos os centros que se queiran integrar do SERGAS, xa que permite on-line, dende uns servidores que están na ETS de Enxeñeiros de Telecomunicación, obter un informe estandarizado dos pacientes hipertensos aos que se lles fai unha monitorización ambulatoria. “Mídeselles a presión arterial cun dispositivo portátil ao longo de dous días, é o chamado holter de presión. Con esta información obtense un informe, a través dun programa específico que creamos no laboratorio, que permite valorar o estado dese paciente”, explica Ramón Hermida.
Dentro desta rede hai moitos subproxectos que teñen como obxectivo continuar con liñas de investigación nas que traballa o grupo desde fai varios anos, intentando valorar que fármacos poden ser máis efectivos, a que hora do día é máis conveniente administralos, cal é o grado de control da hipertensión en Galicia ou cales son as alteracións na regulación da presión arterial que poden ter pacientes de risco como poden ser os anciáns, diabéticos ou persoas que xa tiveron algún evento previo (infarto, ictus...).
A maior parte dos centros que participan neste momento son do eixe Vigo – Pontevedra – Santiago, se ben están integrados centros de toda Galicia e progresivamente iranse incorporando máis. Segundo Hermida, “a día de hoxe nos centros galegos aínda non está xeneralizado a realización de holters de presión, pese a que cada día é algo máis habitual. Isto débese a que por agora non está considerado como unha ferramenta asistencial, senón simplemente como de investigación. Sen embargo, cada vez son máis os PAC que contan con esta ferramenta e que, polo tanto, poderían participar nesta rede”.

Grupo de referencia na identificación precoz de problemas no embarazo

O proxecto MADRE, Monitorización Ambulatoria para o Diagnóstico e Valoración de Riscos no Embarazo, dá continuidade a unha liña de investigación na que a Universidade de Vigo ten numerosas publicacións. É unha rede que ten aspectos moi similares ao proxecto Hygia, ben a ser un esquema paralelo onde, de novo, a Universidade de Vigo aporta todo o desenvolvemento tecnolóxico para avaliar con un informe, tanto a situación da muller no embarazo como no puerperio, é dicir, nas semanas posteriores ao parto.
“Na identificación precoz de problemas durante o embarazo estamos considerados como un grupo de referencia a nivel internacional. Neste laboratorio creamos unha proba de alta sensibilidade que permite, a través dun rexistro de monitorización ambulatoria, identificar ás mulleres que van a desenvolver complicacións hipertensivas ao longo da xestación. É unha das probas de maior sensibilidade que se publicaron ata o momento”, explica o profesor vigués.
Segundo explican os membros do grupo, a día de hoxe a monitorización ambulatoria, como se considera aínda unha ferramenta de investigación, aplícase só a mulleres consideradas de alto risco, pero tanto HYGIA como MADRE teñen como obxectivo cualitativo dar ese salto, é dicir, facer que a monitorización ambulatoria en un tempo prudencial se converta nunha ferramenta asistencial, o que suporía comezar a aplicala de xeito habitual.
“O que se pretende con MADRE é que nos centros de atención primaria que participan no estudo HYGYA e que, polo tanto dispoñen de holters de presión arterial, se considere como motivo de realización da proba o estar embarazada, mentres que agora se limita a hipertensión resistente, anciáns e diabéticos”, continúa Hermida.
Esta rede, avalada pola Sociedade Española de Nefroloxía, porase en marcha esta primavera. En abril presentarase á Sociedade Galega de Obstetricia e Xinecoloxía.

A cronoterapia mellora o diagnóstico e o tratamento

Unha das liñas nas que o grupo leva traballado máis nos últimos quince anos é a cronoterapia, é dicir, a administración de fármacos atendendo aos biorritmos que ditan o funcionamento do organismo humano.
Esta técnica permite que, en función do patrón de hipertensión arterial que ten o paciente ao longo do día, administrar o ou os fármacos á hora máis axeitada e lograr así un mellor grado de control e unha redución maior do risco cardiovascular que ten ese paciente. “Simplemente con ter en conta a hora de administración do fármaco podes conseguir reducir os efectos secundarios ou mellorar o grado de control sen aumentar os custes”, explica Hermida.