DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Artai Santos e Bienvenido Diez traballan desde hai un ano co docente africano Sreepat Jain 

Investigadores vigueses e etíopes reconstrúen as comunidades vexetais da conca do Nilo Azul durante o Xurásico Superior

Os resultados da investigación publicáronse en 'Review of Palaeobotany and Palynology'

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 24/02/2021

O que hai ano e medio comezou como unha consulta do docente da Adama Science and Technology University de Etiopía Sreepat Jain aos investigadores da UVigo Bienvenido Diez e Artai Santos, en relación cun estudo que estes publicaran sobre  palinoloxía da localidade chinesa de Nanjing, transformouse co paso dos meses nunha colaboración, materializada recentemente na publicación en Review of Palaeobotany and Palynology dun artigo sobre o estudo do pole e as esporas do Xurásico Superior da conca do Nilo Azul en Etiopía. Aínda que o grupo ao que pertencen os investigadores da UVigo xa traballara con anterioridade en África, concretamente en Marrocos, esta é a primeira vez que desenvolven o seu labor na conca do Nilo Azul, “da que practicamente non se coñece nada da palinoloxía das súas formacións Mesozoicas, especialmente das formacións do Xurásico. O Xurásico Superior é un período clave na historia das plantas, xa que nos últimos anos varias investigacións, como a publicada por nós sobre Nanjinganthus, apuntan que a orixe das anxiospermas (plantas con flores) podería estar neste período, e non no Cretácico como se pensaba ata hai pouco”, explica Artai Santos, que sinala que, mesmo algúns autores, teñen a hipótese de que a orixe deste grupo de plantas estaría no continente africano, razón pola que, cando se lle ofreceu a posibilidade de colaborar en xacementos do Xurásico de Etiopía, non dubidaron en aceptar.

Despois que Sreepat Jain lles propuxese realizar un traballo conxunto sobre a palinoloxía dalgunhas formacións xeolóxicas ca conca do Nilo Azul, o traballo comezou coa recollida en Etiopía por parte do investigador da Adama Science and Technology University das mostras, que foron procesadas en 2019 en laboratorios da UVigo. Pola súa banda, a publicación dos resultados, no artigo titulado Upper Jurassic palynology from de Blue Nile Basin (Ethiopia), viuse retrasada ata finais do 2020 pola crise sanitaria que comezou en marzo do ano pasado.

A confirmación da existencia de comunidades vexetais de Etiopía no Xurásico moi diferentes ás actuais

A partir de a reconstrución paleoambiental das comunidades vexetais presentes na zona de estudo durante o Xurásico, o estudo realizado por Santos, Jain e Diez evidencia que esas comunidade vexetais de Etiopía durante o Xurásico serían moi diferentes das actuais. No caso da Formación Antalo, unha das formacións xeolóxicas máis coñecidas de Etiopía, composta por diferentes estratos e que chega a acadar o 800 metros de espesor e unha extensión de centos de quilómetros, a palinoloxía suxire, segundo Santos, a presenza de tres grandes grupos de comunidades vexetais. “Por unha banda, estarían as costeiras, aínda que a día de hoxe Etiopía non ten acceso ao mar, durante o Xurásico contaba cunha extensa costa. As plantas deste tipo de ambiente resistirían mellor condicións de aridez, estarían dominadas por Bennettitais, un grupo xa extinto de plantas; e por coníferas das familias Cheirolepidiaceae e Araucariaceae. Cara ao interior atoparíamos ambientes máis húmidos asociados a rios, pequenos lagos e humedais. Este tipo de ambientes estarían poboados de Ginkoales e Taxáceas e presentarían sotobosques de especies higrófilas como musgos e fentos, especialmente abundantes nas comunidades de ribeira. Estas comunidades vexetais máis húmidas posiblemente servían de refuxio e zona de alimentación para os dinosauros herbívoros e outros animais”, detalla o investigador do Departamento de Xeociencias Mariñas e Ordenación do Territorio

Parte do traballo realizado polos investigadores centrouse na datación bioestratigráfica da Formación Antalo coa palinoloxía, e a presenza de certas especies clave permitiu dar un rango de idade de Kimmeridxense Superior-Titoniense Superior, é dicir, hai entre 155 e 145 millóns de anos. “A idade desta formación non está clara, publicacións recentes defendían que sería máis antiga que o Kimmeridxense Medio na Conca do Nilo Azul e o noso traballo indica que Formación Antalo probablemente é máis recente do que se pensaba ata agora”, explica Artai Santos.

O desexo de facer unha campaña de campo en Etiopía

Logo desta primeira colaboración, o traballo entre os investigadores da UVigo e Sreepat Jain continúa, e de feito está previsto, que cando a situación sanitaria o permita, se inicie o procesado de novas mostras do Xurásico de Etiopía. “A relación coa institución e con Sreepat é moi boa, non só pola súa calidade como científico, senón tamén pola súa calidade humana. Temos ganas de facer unha campaña de campo en Etiopía, cremos que pode ter un gran potencial paleobotánico, non obstante faría falta buscar o financiamento e ademais a situación sanitaria actual complica moito viaxar, de feito levamos máis dun ano sen saír e escavar, esperemos que poidamos facelo pronto”, explica Santos.

O investigador lamenta o escaso recoñecemento da paleobotánica, o que se traduce nun apoio institucional limitado. “O descoñecemento é global e as diferenzas entre continentes son menos relevantes en comparación con outros grupos paleontolóxicos. Non obstante, non se debe esquecer que os estudos paleobotánicos son a base necesaria para a comprensión dos ecosistemas do pasado, e sen o seu desenvolvemento é imposible o avance do coñecemento sobre a evolución da vida no planeta”, asegura.