DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ao abeiro dun proxecto internacional coordinado pola Universidade de Liubliana

Investigadores vigueses participan no desenvolvemento de competencias na internet das cousas a través de laboratorios de fabricación dixital

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Internacional
  • TIC
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría Figueroa DUVI 13/01/2023

Developing competences on the Internet of Things through digital fabrication laboratories (Desenvolvemento de competencias na Internet das cousas a través de laboratorios de fabricación dixital) é o título do proxecto Eramus+ liderado pola Universidade de Liubliana (Eslovenia) no que participan oito docentes e investigadores e investigadoras do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo, coordinados por Edita de Lorenzo Rodríguez. Catro centros tecnolóxicos europeos, o Centro de Supercomputación de Galicia, o Centro de Apoio Tecnolóxico á Industria Metalomecánica de Porto, o Bremer Institut fuer Produktion und Logistic de Bremen e o Transferimento Tecnologico e Innovazione SCARL de Treviso completan a relación de socios do proxecto, que se prolongará ata o verán de 2025 e que está financiado pola Axencia Nacional de Eslovenia.

O obxectivo do Developing competences on the Internet of Things through digital fabrication laboratories é o desenvolvemento de material de capacitación para apoiar a usuarios, titores e titoras e docentes de laboratorios de fabricación dixital (FabLab), que inclúan contidos de deseño, codificación e fabricación enfocados a tecnoloxías de internet das cousas (IoT), 5G, AI/Big Data e Blockchain. “A formación de estudantes, tanto de secundaria, FP, como universitarios en IoT vén dado polos avances desta tecnoloxía nestes momentos que medra cada día. As titulacións duais con empresas fai que a metodoloxía FabLab se vexa como a máis axeitada, así que se propón a creación dun material didáctico aberto para profesorado que adestre a eses estudantes dun xeito mixto, que combine hands on (facendo coas mans) con contidos en liña”, detalla Edita de Lorenzo sobre o contido do proxecto, ao que a UVigo accedeu a través do CESGA.

Con anterioridade, as e os investigadores do Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións que participan en Developing competences on the Internet of Things through digital fabrication laboratories (Enrique Costa Montenegro, Íñigo Cuiñas Gómez, Manuel García Sánchez, Felipe Gil Castiñeira, Cristina López Bravo, Verónica Santalla del Río e Ana Vázquez Alejos) xa tomaran parte noutros proxectos Erasmus+ educativos e tamén en IoT. “Ademais queremos destacar a nos a experiencia na formación en competencias transversais a estudantes de diferentes niveis que serán incorporados no deseño dos FabLabs nas aplicacións de IoT que se inclúen neste proxecto”, explica De Lorenzo, que acaba de regresar, xunto a Íñigo Cuiñas dunha reunión de traballo celebrada en Liubliana.

Enfoque centrado no estudantado usando estudos de caso seleccionados da industria

Dentro do proxecto, o contido de aprendizaxe desenvolverase cun enfoque centrado no estudante e utilizando estudos de casos seleccionados da industria, para que o alumnado entenda a relevancia industrial/práctica do tema e coñeza a relación entre os principios e os métodos coas aplicacións relevantes. Os cursos e obradoiros de proba levaranse a cabo con diferentes obxectivos, desde aprendizaxe básica, ata o nivel universitario, para probar, avaliar e optimizar as ferramentas e os contidos desenvolvidos. “Incluirase a definición de estrutura, metodoloxía, contidos e ferramentas para estes FabLabs en IoT cos que se adestrarán aos docentes, que máis tarde os poderán incluír na formación do estudantado”, sinala a coordinadora da UVigo. 

Para a consecución dos obxectivos do proxecto, proponse unha revisión do estado da arte en estratexias de ensino e aprendizaxe sobre o IoT en escolas de secundaria e FabLabs para sintetizar o atopado nun marco pedagóxico que guíe o proxecto a desenvolver e avaliar os novos materiais e enfoques, a través de proxectos piloto na contorna próxima ás universidades e centros tecnolóxicos que participan nesta iniciativa. Os resultados acadados poranse a disposición en FabLab Toolkit, publicacións académicas e dándolle difusión a través de eTwinning, Scientix e outras plataformas educativas internacionais.