DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Grupo de Quimica Coloidal da UVigo é un dos integrantes do consorcio internacional SERSing 

Investigadores vigueses participan no desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a detección de riscos químicos en baixas concentracións en fase gasosa e líquida 

Enmarcado no Reto da UE ‘Sociedades Seguras-Protección da liberdade e seguridade de Europa’

Etiquetas
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Saúde
  • TIC
  • Investigar
Mª de Carmen Echevarría DUVI 28/09/2020

Nos últimos dez anos, o Grupo de Química Coloidal da Universidade de Vigo centrou unha das súas liñas de traballo na fabricación de plataformas sensóricas altamente eficientes, baseadas en SERS (do inglés Surface enhanced Raman Scattering), unha potente técnica de análise químico ultra-sensible, que non só permite a detección, senón tamén a identificación de substancias químicas de interese. Non obstante, o grupo de investigación, desta volta liderado pola docente e investigadora Isabel Pastoriza Santos enfronta o reto de traballar con substancias químicas perigosas en fase gas. O porque deste novo desafío é a participación do grupo en SERSing, un consorcio europeo de oito entidades de cinco países “co obxectivo principal de desenvolver un dispositivo portátil (lab on a chip) para a detección rápida e in situ, e a identificación inequívoca de riscos químicos a baixas concentracións en fase gasosa e líquida en múltiples ambientes”, explica Pastoriza, que avanza que o dispositivo contará con algoritmos avanzados, que combinado con localización xeográfica e comunicación, permitirá o procesado e transmisión de datos a persoal autorizado, que poderá avaliar riscos e tomar decisións en tempo real.

A proxecto sobre tecnoloxías SERS para protección química, que comezou o pasado 1 de xullo e se prolongará durante 42 meses, ten un orzamento de 4,7 millóns de euros, correspondéndolle á UVigo unha subvención de 344.750. Vigo é xunto á Universidad de Zaragoza a única representante española neste consorcio que completan SILMECO APS (empresa danesa que comercializa plataformas para detección baseada en Espectroscopía Raman Aumentada en superficie), a Universidade técnica de Dinamarca, a Universidade de Twente dos Paises Baixos, SERSTECH AB (empresa sueca especializada no desenvolvemento de equipos portátiles de análise e identificación de substancias, en especial substancias químicas perigosas como explosivos, narcóticos e incluso axentes de guerra química), a Axencia de Investigación de Defensa de Suecia (axencia gobernamental en Suecia para a investigación de defensa) e por último o Instituto Nacional para a Protección Nuclear, Química e Biolóxica da República Checa.

Un proxecto enmarcado nun reto europeo 

Mentres o resto de membros do consorcio xa traballaran xuntos nun proxecto anterior, a participación do Grupo de Química Coloidal deriva dunha colaboración previa cos grupos dos profesores Jesús Santamaría e Pilar Pina da Universidad de Zaragoza. Todos xuntos desenvolverán unha investigación, que como explica Isabel Pastoriza, “enmárcase no Reto da Unión Europea Sociedades Seguras-Protección da liberdade e seguridade de Europa e os seus habitantes, polo que a investigación non é nova, xa que máis consorcios están traballando neste Reto. O que si é novo é a diferente tecnoloxía que empregamos para abordar e resolver o problema”. 

En canto á distribución do traballo entre os membros do consorcio, Pastoriza sinala que en xeral, os consorcios están formados por grupos de investigación con formación e especialización complementaria que operarán de xeito conxunto en grupos, co fin de acadar todos os obxectivos marcados no proxecto.