DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O repositorio institucional contén máis de 1400 traballos científicos, na súa gran maioría teses

Investigo, catro anos apostando pola ciencia en aberto

Acumula máis de 1,4 millóns de visualizacións e outras tantas descargas de documentos

Etiquetas
  • Estudantes
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Divulgación
  • Investigación
M. Del Río DUVI 19/06/2020

O repositorio Investigo naceu en 2016 co obxectivo de reunir a produción científica da Universidade de Vigo nun espazo institucional de acceso aberto. Nel compílanse as teses, artigos de revistas, libros, comunicacións ou relatorios dos membros da comunidade universitaria que queren poñer a disposición do público o seu coñecemento. Poñendo en marcha esta ferramenta a UVigo uníase a un movemento que naceu a finais do século XX coa finalidade de que os resultados xerados pola investigación e publicados na literatura científica estivesen dispoñibles a través de internet sen barreiras de prezo e sen barreiras de consulta e uso por mor das restricións da regulación da propiedade intelectual.

Tras estes catro primeiros anos, a plataforma da UVigo, Investigo, dá acubillo a máis de 1400 documentos científicos froito do traballo da comunidade investigadora da institución. A maioría son teses de doutoramento, 1068, ás que se suman 254 artigos, 62 comunicacións e ponencias, 14 capítulos de libros, 14 libros e unha nota breve. O repositorio permítelle á comunidade universitaria dar visibilidade á investigación; incrementar o uso e impacto das publicacións ao chegar a unha audiencia mais ampla; garantir a preservación a longo prazo; facilitar o acceso perpetuo aos traballos mediante ligazóns permanentes; garantir unha correcta xestión dos dereitos de autor; permitir cumprir con mandatos institucionais e requirimentos dos organismos de financiamento e fai posible que o persoal investigador dispoña dun punto de acceso unificado á produción científica.

Por todas estas vantaxes, Gerardo Marraud, director da Biblioteca Universitaria, explica que na actualidade case todas as bibliotecas universitarias, tanto españolas como estranxeiras, contan con este tipo de repositorios, xa que o obxectivo principal deste tipo de servizos é “facilitar ao persoal investigador e aos doutorandos o cumprimento das obrigas de arquivo e difusión en acceso aberto das súas investigacións nos termos que establecen a Ley de la Ciencia e o Real Decreto 99/2011”. 

Máis de 1,4 millóns de visualizacións e preto de 1,5 millóns de descargas

Investigo dispón dun módulo de estatísticas que permite coñecer algúns datos relevantes sobre o seu uso. Na actualidade acumula 1.435.659 visualizacións e 1.483.233 descargas de documentos depositados no respositorio. Tamén se poden obter datos sobre os países dende os que se visualizan e descargan os documentos. Por exemplo, lembra Gerardo Marraud, dun artigo que publicamos en 2014 sobre a sostibilidade da nosa Biblioteca Central recibimos 271 descargas e tivo 1431 visualizaciones; das 271 descargas, 198 foron de EEUU, 19 de Alemaña, 13 de España, 7 de Francia…”.

Incremento do volume de citas

Este tipo de servizos en acceso aberto, apunta Marraud, “foron cobrando importancia en todo o mundo como peza do sistema de comunicación científica e, na actualidade, é un dos piares da denominada ‘ciencia aberta’”.  Con todo, e pesar do constante incremento de documentos no Investigo ano tras ano, Gerardo Marraud recoñece que o crecemento da plataforma “foi máis lento do desexable” pero tamén remarca que “o papel do acceso aberto na expansión da ciencia aberta faime albergar esperanzas sobre o futuro de Investigo”.

De feito, diferentes estudos sosteñen que ofrecer en aberto versións dixitais dos traballos de investigación en repositorios permite incrementar nun 20-25% o volume de citas recibidas por un traballo de investigación. Pero a medida que se vai xeralizando o acceso aberto, explica Marraud, “xorden novos estudos que tenden a modificar á alza esas porcentaxes”, é o que se coñece como OACA (open access citation advantage) ou vantaxes de acceso aberto para as citas.  O responsable da Biblioteca Universitaria apunta tamén que un recente estudo pon de manifesto que esa ganancia de citas para os documentos de acceso aberto é maior no caso de artigos depositados en repositorios institucionais e/ou temáticos, que no caso de artigos só publicados en revistas de acceso aberto.  “Se este estudo está no certo, depositar os traballos en repositorios de acceso aberto aumenta a súa capacidade de ser descubertos, a discoverability”.

Máis aló das teses

Como lembra o director da Biblioteca Universitaria o obxectivo primeiro de Investigo era “facilitar o depósito das teses lidas na nosa Universidade e dos traballos de investigación financiados con cargo aos Presupuestos Generales del Estado, tal como dispón a Ley de la Ciencia de 2011”. Pero a idea é que o repositorio vai máis aló, xa que se considera “recomendable que, aínda que non estean financiados deste xeito, o persoal investigador difunda, dentro dos límites fixados pola lexislación de propiedade intelectual, versións dixitais dos documentos que recollen os resultados das súas investigación, é dicir, os documentos publicados que se coñecen como produción científica”.

Guía de apoio

Para familiarizar á comunidade universitaria con esta ferramenta,  Biblioteca Universitaria acaba de publicar unha nova guía de apoio á Investigación, o Repositorio Institucional Investigo, que pretende proporcionar a información e a axuda necesaria para o uso de Investigo, cuxo obxectivo é recoller, difundir e preservar a produción científica do persoal investigador da Universidade de Vigo. Neste documento explícase para que serve o repositorio, quen pode depositar documentos, que tipos de documentos, os dereitos e condicións de depósito, etc. Esta guía compleméntase coa Guía de Acceso Aberto.