DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A psicóloga Enma Puig considera a emoción a resposta en momentos de incerteza 

Unha invitación á innovación emocional en tempos de pandemia 

Puig ofreceu un relatorio no ciclo 'Coloquios en tempos de pandemia', da Fundación Mentor e a FCCEE

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Académica
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/11/2020

Experta en creación, formación e desenvolvemento de equipos de alto rendemento e responsable de relacións humanas deportivas do F.C.Barcelona entre os anos 2004 a 2018, a psicóloga clínica Enma Puig invitou formalmente este mediodía ás e aos asistentes a un relatorio ao abeiro do ciclo Coloquios en tempo de pandemia, que organizan a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo e a Fundación Mentor, á “innovación emocional”. E é que segundo afirmou Puig hoxe, a resposta en momentos de incerteza como o actual é a emoción, que durante moito tempo viviu como a irmá pobre da racionalización, instalada nos ámbitos laboral, económico ou educativo. Nunha conferencia en liña na que a psicóloga debullou os aspectos básicos do que considera o tridente máxico (emocións, traballo en equipo e persoas), Puig apelou á necesidade de levar a cabo unha revolución emocional, sen a que as revolucións tecnolóxica actual e a industrial que comezou no século XVIII, “non servirán de nada”.

A relatora puxo o acento na súa intervención na necesidade de escoitar, “o dobre do que falamos”, para poder entender, así como traballar en equipo, “que será cada vez máis importante”. Especial mención realizou a psicóloga á importancia de coidar, que considera “o mellor investimento que se pode facer e que non é nin mimar, nin sobreprotexer”, senón poñer límites e recoñecer “algo que necesitamos todos como o aire que respiramos e que produce un beneficio incalculable e que co que, aínda sendo gratis, somos avaros”.

Aprender a xestionar o éxito

Tras incidir en caso dun conflito na importancia de saber que non hai que facer e advertir sobre o prexudiciais que poden ser as boas intencións, Inma Puig afondou na súa intervención na necesidade de saber xestionar o éxito. “Cando hai fracaso te compadecen e non estás tan só, porque aparece a envexa e tamén aparece unha multitude que de súpeto te valora polo traballo de moito tempo”, explicou a psicóloga, que tamén advertiu da aparición da síndrome do tanto por cento, segundo o que os membros dun equipo compiten entre eles para contabilizar a súa porcentaxe nese éxito, de xeito que o equipo, se non se traballa antes de acadar ese triunfo, pode racharse. 

Tras advertir do que a mirada dos demais condiciona as nosas accións, “aínda que nós podemos elixir con que mirada nos deixamos mirar, porque se facemos o que outro quere non nos imos sentir ben”, Puig reivindicou a necesidade de non coartar a creatividade. “Unha persoa con futuro non ten coartada a súa creatividade porque o futuro non ten que ver co tempo, é transformar unha cousa noutra desde o respecto que permite a creatividade que leva á innovación e leva o presente ao futuro”, reflexionou a psicóloga. Para rematar e a preguntas dos asistentes ao seu relatorio, Inma Puig recomendou ás e aos futuros egresados cara a súa incorporación ao mundo laboral, que sendo a profesional  unha carreira de fondo e non de velocidade “cómpre sabe que quere un, como quere que sexa a súa vida e saber quen vai ser o seu xefe. O máis importante é chegar ao fin da túa carreira profesional facendo todo o que querías facer”, dixo a psicóloga.