DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Representantes de apicultores, do Goberno británico e de revistas de alto impacto visitan a UVigo

Irlanda e Reino Unido interésanse polos resultados do proxecto Atlantic-POSitiVE de loita conta a avespa velutina

Reúnense con investigadores das tres universidades galegas e coñecen alvarizas experimentais

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Divulgación
  • Internacional
  • Medio Ambiente
  • Investigación
M. Del Río DUVI 05/10/2022

Atlantic-POSitiVE é a maior iniciativa de investigación posta en marcha en Europa para frear a invasión da avespa asiática. Liderado polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER, detrás deste proxecto hai un consorcio internacional con socios de cinco países do arco atlántico (España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido), a zona máis afectada por esta especie invasora, que é un importante depredador de abellas e outros polinizadores. Precisamente de Irlanda e Reino Unido procede un grupo de apicultores, representantes de ambos gobernos e responsables de revistas de alto impacto que ao longo desta semana están a coñecer de preto diversas liñas de investigación das universidades galegas no marco de Atlantic-POSitiVE e as accións que se están a levar a cabo en Galicia na loita conta a avespa velutina.

Entre hoxe mércores e mañá xoves reuniranse con investigadores das universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña en diversos encontros nos campus de Vigo e Ourense e tamén visitarán alvarizas experimentais nas provincias de Ourense e Pontevedra. Entre o grupo de visitantes está a presidenta da British Beekeepers Association, entidade que conta con máis de 31.000 membros; así como responsables da Irish Beekeepers Association, membros do Goberno británico relacionados coas ameazas medioambientais, e representantes da revista de alto impacto BeeCraft.

No proxecto Atlantic-POSitiVE a Universidade de Vigo implícase a través de dous grupos de investigación. Por unha banda, o Grupo de Bioloxía Ambiental, que se encarga de avaliar os impactos da avespa velutina sobre a polinización, mellorar os métodos de control e a detección de niños empregando sistemas de radiotelemetría e trampas con cebos específicos. Por outra banda, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura céntrase no estudo da dieta do avespón, o estudo do ciclo anual e a súa relación coas condicións meteorolóxicas e ambientais e as técnicas para o manexo das colmeas en zonas invadidas para axudar a reducir o impacto desta especie invasora sobre as abellas da mel e a apicultura.

Dúas xornadas entre Vigo e Ourense 

Tras un primeiro encontro no edificio Miralles, ao que asistiron, entre outros, as investigadoras Sandra Rojas e María Shantal Rodríguez e o profesor da USC Xulio Maside, os representantes internacionais reuníronse con asociacións de apicultores para afondar na situación actual e nas necesidades destes colectivos con respecto da invasión da avespa asiática. Esta tarde visitan unha alvariza no Rosal e mañá xoves desprazaranse á Ourense, en concreto á sede da Agrupación Apícola de Galicia para coñecer algunhas das actividades do proxecto que están relacionadas co impacto de Vespa velutina nos apiarios. Posteriormente, visitarán tamén unha alvariza dunha apicultora na contorna de Castrelo do Miño. Trátase, como explica a investigadora do Grupo de Aerobioloxía e Apicultura Carmen Seijo, “dunha alvariza que ten moita presión de V. velutina e a apicultora emprega distintos medios para combatela”. Xa pola tarde visitarán tamén outra alvariza na Ribeira Sacra, preto de Luintra, no concello de Nogueira de Ramuín, que está a ser atacada, explica Seijo, tanto pola velutina como pola V. Crabro, “unha especie de orixe europeo que causa baixas nas colmeas, normalmente sen consecuencias para a apicultura e veremos como se comportan amabas especies no apiario”. 

Avances científicos froito de máis de tres anos de traballo

O proxecto Atlantic-POSitiVE (Conservation of Atlantic Pollination services and control of the invasive species vespa velutina) púxose en marcha en 2019 liderado polo Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia Norte de Portugal, CEER, unha entidade formada polas seis universidades públicas deste territorio. Cun orzamento inicial de máis de 2,35 millóns de euros, implica a dez institucións de España, Portugal, Francia, Irlanda e Reino Unido, coas que colaboran tamén outros vinte organismos, entre eles asociacións de apicultores de varios puntos de España, Portugal e Francia. Do total do orzamento, 1,7m€ son fondos FEDER e 588.298€ son achegados polos socios do proxecto, sendo a Universidade de Vigo a institución que xestionará a maior partida, con 470.095,48 €. 

Ao proxecto aínda lle queda por diante algo máis de medio ano de traballo, xa que a causa da pandemia da covid-19 moitos dos estudos tiveron que paralizarse, polo que foi prorrogado ata marzo de 2023. Entre os avances que se desenvolveron ata agora están, por exemplo, a creación dunha cartografía da expansión da V. velutina en Europa ou melloras nos mecanismos de seguimento e detección desta especie. En concreto, Salustiano Mato, IP do proxecto xunto coa profesora Josefina Garrido, ambos do Grupo de Bioloxía Ambiental, fai unha valoración “enormemente satisfactoria” destes tres anos de traballo “non só polo proxecto en si, senón tamén polas relacións que puidemos establecer e que nos levaron a traballar con outros grupos de investigación cos que estamos agora a plantexar novos proxectos”.

Respecto dos avances conseguidos, destaca que os equipos científicos foron quen de “conseguir os obxectivos plantexados, que están reflectidos en varias publicacións científicas e ponencias a congresos”. Entre o máis salientable, sinala o estudo dos efectos da presenza de Vespa velutina sobre os polinizadores, a mellora dos sistemas de detección de niños e tamén o emprego de arpas eléctricas en alvarizas como medio de protección para as abellas sobre os ataques que sofren da avespa asiática. “Neste momento estamos a facer o último experimento, para o cal deseñamos un olfatómetro innovador que estamos a probar para determinar cales son os compostos volátiles que poden ser atraentes específicos para Vespa velutina cara a poder deseñar trampas máis selectivas”.

De cara ao futuro, e unha vez conclúa este estudo internacional, Mato considera que a investigación debe centrarse no estudo e mellora das trampas selectivas e tamén nos sistemas de control o través da loita biolóxica empregando depredadores naturais.