DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os piragüistas Noel e Diego Domínguez iniciaron neste curso os seus estudos na UVigo

Irmáns, subcampións do mundo e alumnos do campus de Pontevedra

A campioa de Europa de salvamento Antía García comezou Fisioterapia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Deportes
  • Estudantado
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI Pontevedra 14/01/2022

O pasado mes de setembro, os irmáns Noel e Diego Domínguez lograban na localidade portuguesa de Montemor-o-Velho a súa primeira medalla de prata nun Campionato do Mundo de Piragüismo, o primeiro na proba sub23 de C4 1000 metros e o segundo no C2 mixto desa mesma distancia en categoría júnior. Nese mesmo mes, ambos iniciaban tamén unha nova etapa como estudantes da Universidade de Vigo, Noel no Grao en Dirección e Xestión Pública e Diego no Grao en Publicidade e Relacións Públicas. Desde entón, estes deportistas do CMDC Breogán do Grove compaxinan os estudos coa súa preparación no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD), ambos co soño de loitar no futuro por clasificarse para uns Xogos Olímpicos. Por outra banda, neste curso comezaba tamén unha nova etapa no campus pontevedrés a nadadora Antía García, que iniciaba o Grao en Fisioterapia no mesmo mes que lograba catro medallas no Campionato de Europa de Salvamento e Socorrismo.

“A verdade é que a carreira estame gustando moito”, recoñece Noel Domínguez, de 22 anos, quen recoñece que “sempre me quedara un pouco a inquedanza da universidade e coñecín esta carreira, que me pareceu interesante de cara a facer algo na administración pública relacionado co deporte”. Domínguez decantouse así mesmo pola súa modalidade presencial xa que, explica, “gústame vir a clase, aínda que adestramos mañá e tarde e é complicado compaxinalo”. De feito, a proximidade do campus ao seu lugar de preparación foi tamén un dos factores que o levou a decantarse por esta titulación, como o foi tamén para que o seu irmán Diego se matriculase en Publicidade e RRPP. “Pensaba tamén en Administración e Dirección de Empresas ou nalgo máis relacionado coa economía, pero compaxinalas cos adestramentos ía ser moi complicado e pareceume unha carreira que podía encaixar cos meus gustos e a miña personalidade”, sinala este alumno, quen destaca tanto o interese que lle suscitaron as primeiras clases como a propia experiencia como universitario. “Ao final, nós estabamos sempre nun ambiente moi deportivo e coñecer xente nova, que ten outra forma de pensar e outras inquedanzas é algo que está bastante ben”, salienta. 

Esforzos, logros e soños de futuro

Diego e Noel creceron en Madrid e foi alí onde tiveron o seu primeiro contacto co piragüismo, que anos despois traeríaos ata Pontevedra. “Meu pai é un tolo dos deportes, descubriu o piragüismo e alá fomos nós detrás”, apunta Noel, que en 2018 logrou o bronce no C-2 1000 metros no europeo sub23, ademais da prata no C-1 1000 metros no Campionato de España de categoría absoluta e o ouro nesa mesma distancia na competición sub23, que acadaría de novo ao ano seguinte. A estes logros sumou o pasado setembro a súa primeira medalla nun Campionato do Mundo, na canoa que compartiu con Martín Jácome, Pablo Graña, Manuel Fontán, tras a que, días despois, chegaría o oitavo posto no C-2 1000 metros no mundial sénior. Pese a “alegría tremenda” que lle supuxo subir o podio con deportistas cos que comparte adestramentos, Noel recoñece que “isto é como unha escaleira. Cando vas subindo, non te fixas no de abaixo, só miras cara arriba”. De aí que incida en que, aínda que “levantarte ás oito da maña é irte o río a remar é algo que me encanta, quizais máis que competir”, o esforzo que supón prepararse para competir ao máis alto nivel fan que os seus obxectivos pasen sempre por "tratar de superarte”. Nesa idea, a meta no horizonte, recoñece, é clasificarse para os Xogos Olímpicos. “Ese é o obxectivo co que soñas, a grande experiencia que che dá o antes e o despois na carreira dun deportista”, sinala. 

Como un soño tamén, pero “que de momento está lonxe, porque o nivel é moi alto”, ve os xogos Diego Domínguez, que inicia a súa primeira tempada como sénior despois dun ano no que, ademais da prata que acadou en Portugal xunto con María Moreno, logrou proclamarse campión de España júnior nas tres modalidades de competición en canoa individual, 200, 500 e 1000 metros. Nesta última distancia logrou tamén o sexto posto no europeo e o sétimo no mundial júnior. “A verdade é que foi unha tempada practicamente inmellorable”, recoñece este estudante, que afront 2022 “como un ano, sobre todo, de adaptación á categoría, no que intentar dar a cara e tratar de ir a competicións internacionais”. Tras iniciarse co piragüismo con seis anos, Diego recoñece que foi tempo despois, “cando comezas a ir aos campionatos de España” e tendo tamén a referencia de seu irmán, catro anos maior, cando xurdiu a “motivación e ambición de dicir eu tamén quería gañar”. De aí que, a día de hoxe, poña o acento en que o obxectivo é “estar pelexando cos mellores”. Ao mesmo tempo, destaca, ao igual que Noel, que unha das súas ilusións coas que afrontan esta tempada é a de competir xuntos en C2, nos campionatos de España.  

O reto dos xogos “non olímpicos” para unha campioa de Europa


 

Ouro en 100 metros manequín aletas, prata en 100 metros socorrista e dous bronces, en 50 metros arrastre de manequín e en relevo de tubo de rescate. Este é o balance co Antía García retornaba en setembro do Campionato de Europa de Salvamento e Socorrismo, deporte do que é xa unha referencia internacional na súa modalidade de piscina. Non en van, nos últimos anos acumulou numerosos campionatos e rércods de España, así como medallas en europeos e mundiais, entre elas o ouro en 100 metros manequín que logrou no Campionato do Mundo en 2018, ano no que lograba tamén o récord mundial nesa distancia.

Despois de que unha lesión lle impedise competir no europeo de 2019 e a suspensión do torneo en 2020, García Silva recoñece a ilusión que lle supuxo “ter a opción de competir de novo”, poucos días antes de iniciar a súa etapa como estudante de Fisioterapia, tras graduarse, tamén no campus pontevedrés, en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. “A fisioterapia sempre me chamou moito a atención”, recoñece a alumna e deportista, que explica que este interese que aumentou durante o período no que estivo lesionada do ombro, “no que tardei moito en saber que facía un movemento mal”, o que lle causou a rotura dun tendón. “Encantaríame vir a todas as clases, pero non podo”, recoñece García, que compaxina os estudos coa súa preparación deportiva, na que ten como adestrador ao investigador da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Javier Carballo e que leva a cabo no CGTD. Faino ademais cun obxectivo claro para este 2022: acadar a súa primeira medalla nos World Games que se disputarán nos Estados Unidos. “Son como unhas olimpíadas para disciplinas que non están nos xogos e faime moita ilusión ir”, recoñece García, que xa participara nestes “xogos non olímpicos” en 2017. “É a medalla que me falta”, engade a deportista do Club Acuático Umia, de Caldas de Reis, co que se iniciou nun deporte “moi dinámico, que cada vez a xente coñece máis e no que ademais o ambiente entre compañeiros é moi bo”.