A cita pon o foco nos retos dun sector en transformación: da vivenda aos efectos da IA
O ITC’26 abre na UVigo dous días de debate internacional sobre o futuro do turismo transfronteirizo
Participan máis dun cento de especialistas de catro continentes
Como impacta o movemento de turistas nos prezos da vivenda? Ata que punto a intelixencia artificial está a transformar a oferta turística? Pode ser compatible o luxo coa sustentabilidade? Que é o ‘turista-xogador’? Estas son algunhas das preguntas que se están a abordar este xoves e venres na Universidade de Vigo no marco do ITC’26, 18º Congreso Internacional de Turismo, que reúne na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais máis dun cento de persoas expertas de distintas nacionalidades para analizar os grandes retos e transformacións que afronta o sector.
A sesión inaugural contou coa participación de Dolores Garza, decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais; Ana Mejías, tenente de alcalde e concelleira delegada de Patrimonio, Emprego, Tecnoloxía e Relacións con Empresas, Turismo e Xuventude do Concello de Vigo; Paulo Almeida, presidente de CiTUR, xunto coas coorganizadoras do encontro, a profesora da Universidade de Vigo Elena Rivo , e Goretti Silva, do Instituto Politécnico de Viana do Castelo.
Todos fixeron fincapé na importancia dun encontro dedicado integramente á análise dos desafíos e oportunidades do turismo, con especial atención á cooperación entre territorios e rexións fronteirizas. Nesta liña, tanto Almeida como Rivo subliñaron algunhas das principais cifras que manexa o encontro: 137 traballos científicos elaborados por preto de 260 autores e autoras vinculados a 52 institucións académicas e de investigación de máis dunha ducia de nacionalidades.
“Estamos nun encontro organizado ao abeiro do proxecto transfronteirizo Visit Rio Minho Plus, fundamentado na consolidación da Marca Río Miño e na creación de novos produtos turísticos transfronteirizos”, explicou a profesora Rivo, quen tamén fixo fincapé en que ao longo destas dúas xornadas o congreso ofrece unha ampla ollada transversal sobre o turismo, estruturada en sete grandes bloques temáticos: economía e xestión; hostalaría e restauración; tecnoloxía e innovación; territorio; produtos turísticos e animación; cultura, sociedade e linguaxe, e un apartado específico dedicado aos casos de turismo transfronteirizo.
Ademais de darlles a benvida a Vigo e desexarlles unha excelente estadía na cidade, a tenente de alcalde e concelleira delegada da Área de Turismo, Ana Mejías, fixo fincapé no boom turístico experimentado pola cidade viguesa nos últimos anos, ao que contribuíu especialmente o fenómeno das luces do Nadal. Segundo subliñou, este “pulo de transformación” permitiu non só multiplicar o coñecemento da cidade, senón tamén desestacionalizar o turismo, impulsar a hostalaría e crear sinerxías con todo o potencial industrial da cidade, entre outros efectos.
Mejías referiuse tamén a algúns dos grandes retos que afronta o sector, desde as vivendas turísticas ata a masificación, pasando polo reto climático. “Son retos que hai que abordar a través da investigación e a ciencia e aquí estades as persoas axeitadas para facelo”, insistiu. Neste elevado interese científico do encontro tamén fixo fincapé a decana Dolores Garza, quen, ademais de darlles a benvida, os animou a aproveitar ao máximo o encontro.
Do astroturismo ao turismo de saúde
O programa pon sobre a mesa cuestións que transcenden o propio sector turístico e que teñen un impacto directo sobre a sociedade, as empresas e os territorios. Entre elas figura a relación entre o incremento dos fluxos turísticos e a evolución dos prezos da vivenda, pero tamén o reto de conseguir que as empresas adopten ferramentas que permitan facer operativa a sustentabilidade ou o papel que a intelixencia artificial está a desempeñar na transformación da oferta turística.
O encontro permitirá coñecer tamén investigacións sobre fenómenos turísticos en expansión, como o turismo relixioso e espiritual, o astroturismo, o turismo científico, o turismo de saúde ou o turismo gastronómico, así como sobre novas formas de vivir a experiencia turística.
Entre os traballos que se están a presentar figura, por exemplo, unha investigación sobre a crecente multiculturalidade dos cadros de persoal na industria hostaleira de Portugal, na que se analizan cinco estilos de xestión de conflitos. Desde a perspectiva das estratexias de mercado, tamén se aborda a relación entre luxo e sustentabilidade, cun estudo que analiza como a sustentabilidade e a confianza dixital se comportan de maneira diferente neste segmento de consumo, fronte a unha visión universal destas relacións.
A diversidade de enfoques permite achegarse ao turismo desde ámbitos moi diferentes e analizar tanto as transformacións que xa está a experimentar o sector como os desafíos que deberá afrontar nos vindeiros anos.
O turismo transfronteirizo como eixo
Organizado polo Centro de Investigación en Turismo de Portugal, CiTUR; a Universidade de Vigo e o centro de investigación Ecobas, o ITC’26 é un encontro académico e profesional no que se reune persoal investigador, docente e experto en turismo transfronteirizo procedente de catro continentes,
A dimensión transfronteiriza constitúe un dos eixes do ITC’26, que presta especial atención aos territorios de fronteira e ás posibilidades de cooperación e desenvolvemento turístico. Neste ámbito, o territorio do Miño e as relacións entre Galicia e o norte de Portugal constitúen un dos principais contextos de referencia do encontro.
O congreso, que se desenvolve en formato híbrido, conta cun amplo programa de comunicacións e sesións científicas nas que se compartirán investigacións e experiencias procedentes de diferentes países. Deste xeito, a Universidade de Vigo convértese durante dous días nun espazo de encontro para analizar un sector en constante evolución desde perspectivas económicas, sociais, territoriais, tecnolóxicas e culturais.
