DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A oferta formativa, acada os 19 cursos en liña, destinados a calquera persoa interesada

O Itinerario formativo virtual de xénero da UVigo amplía fronteiras máis aló da comunidade universitaria 

Coa novidade do curso ‘Deconstruir o discurso prehistórico dende o feminismo’ 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Igualdade
  • Académica
DUVI 25/03/2022

En resposta á elevada demanda rexistrada en anteriores edicións, o Itinerario formativo virtual de xénero da UVigo estará dispoñible para todas as persoas alleas á comunidade universitaria, interesadas en ampliar os seus coñecementos de xénero. Esta é unha das novidades da última convocatoria dos cursos en liña, que acadan nesta nova edición os 19, sumando ademais un novo: Deconstruir o discurso prehistórico desde o feminismo, centrado na análise da perspectiva de xénero e principais rumbos sexistas nos discursos históricos. O período de inscrición desta nova convocatoria desenvolverase do 29 de marzo ata o 29 de abril e os cursos poderán realizarse ata o 29 de maio, cun límite de 100 prazas en cada un deles.

Co Itinerario formativo virtual de xénero, a UVigo, a través da Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado e a Unidade de Igualdade, e con financiamento do Pacto de Estado contra Violencia de Xénero a través da Xunta de Galicia, trata de dar resposta ás necesidades de formación en xénero, reforzando, ademais, o obxectivo da institución de converterse nun referente social en igualdade. A oferta académica agrúpase novamente en cinco grandes áreas temáticas, co obxectivo de que as persoas interesadas en realizar varios cursos poidan completar un bloque con contidos relacionados e, así, coñecer diferentes perspectivas. Introdución á formación en xénero; educación sexoafectiva; ciencia, tecnoloxía e xénero; políticas de igualdade e novas reflexións sobre o sexo e o xénero, son as áreas temáticas nas que se agrupa a oferta académica, que aborda unha ampla variedade de contidos, que van desde unha reflexión sobre as novas masculinidades, a pornografía, pasando pola relación entre xénero e tecnoloxías emerxentes, como a intelixencia artificial.

Deconstruir o discurso prehistórico dende o feminismo

Impartido por Andrea Mouriño Schic, Beatriz Comendador Rey e Carmen Pérez Maestro, investigadoras e docentes da Área de Prehistoria no Departamento de Historia, arte e xeografía da Facultade de Historia da UVigo, Deconstruir o discurso prehistórico dende o feminismo é o novo curso que se incorpora á oferta desta edición do Itinerario formativo virtual en xénero. Dar a coñecer e analizar a perspectiva de xénero e os principais rumbos sexistas nos discursos históricos a diferentes niveis, son os principais obxectivos da nova proposta formativa da UVigo, que permitirá ás persoas que completen todos os cursos do itinerario obter un certificado que acredite a formación, ademais de ser acredoras do selo distintivo Eu teño formación en igualdade. Este recoñecemento visibiliza a formación recibida en temas de igualdade de xénero, así como o compromiso adquirido para reivindicar e facer visible a necesidade de ter formación e información de calidade que axude a avanzar cara unha sociedade realmente igualitaria.

O itinerario conta cun equipo de docentes de referencia, tanto da UVigo, como doutras institucións, nos seus respectivos campos. É o caso de Beatriz Suárez Briones, impulsora doa estudos feministas na UVigo e asesora do presidente da Xunta en materia de xénero entre os anos 2005-2009; Capitolina Díaz, expresidenta da Asociación de Mujeres Investigadoras y Tecnólogas; Rosa Cobo, autora de varios libros sobre prostitución e pornografía e recoñecida con diversos galardóns como o outorgado pola Delegación contra la Violencia de Género del Ministerio de Igualda; ou Amparo Alonso, presidenta da Asociación Española de Inteligencia Artificial.