DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase na Facultade de Dereito os días 13 e 14 de outubro

O IV Congreso Internacional da Auga analizará o uso e xestión deste recurso desde o punto de vista xurídico

Abordaranse os seu retos no marco da Axenda 2030 e a sostibilidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
DUVI Ourense 02/06/2022

Entre a programación do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga está a realización cada dous anos dun congreso internacional co que fomentar a colaboración internacional entre persoal investigador arredor dos recursos hídricos e proxectar a visibilidade deste proxecto. Tras a pandemia, a iniciativa volve á palestra e o IV Congreso Internacional da Auga, co lema Dereito e Auga no Horizonte 2030, celebrarase os días 13 e 14 de outubro na Facultade de Dereito ourensá.

Xerar e transferir coñecemento

“Este congreso é unha das actividades referentes do noso Campus Auga. Cada edición está liderado por un centro do campus, sendo este ano Dereito o elixido. Cónstame que están facendo un traballo estupendo e estou segura de que vai ser todo un éxito”, comenta Esther de Blas, vicerreitora en funcións do campus de Ourense. A responsable académica amosa tamén o seu desexo de que “cando sexan as datas de celebración deste congreso poidamos tamén celebrar boas novas respecto á acreditación do Campus Auga como campus de especialización”, proceso actualmente en trámite.

O IV Congreso Internacional da Auga, que conta de novo co apoio do Concello e da Deputación de Ourense, está nesta ocasión organizado pola Facultade de Dereito ourensá, cun comité organizador formado por 13 profesoras e profesores do centro e un da Universidade Federal Fluminense de Brasil. A súa decana, Marta Fernández, salienta como o obxectivo prioritario desta iniciativa será “ofrecer, como en edicións anteriores, un punto de encontro para xerar e transferir coñecemento sobre aspectos significativos relacionados coa auga. Nesta ocasión o ámbito científico desde o que se analizará a auga como recurso natural, a súa xestión e uso sostible será o dereito”.

A auga, explican desde a organización da cita, “constitúe un recurso universal de primeira necesidade, de importancia mundial, cuxo coñecemento, xestión e uso poden e deben ser abordados desde unha perspectiva global necesariamente multidisciplinar”, apostando nesta edición pola súa abordade desde un punto de vista xurídico, como anteriormente o foi desde un punto de vista histórico; do cambio climático e do termalismo e calidade de vida. En concreto, no congreso “abordaranse retos específicos da gobernanza da auga no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, desde unha perspectiva xurídica interdisciplinar e coa participación de especialistas de referencia internacional”, comenta Marta Fernández.

Tres bloques temáticos

Para facilitar a participación de persoal investigador e profesionais vinculados ao ámbito da auga e do dereito e para crear “un foro de diálogo, debate e reflexión crítica capaz de achegar conclusións relevantes”, o congreso estruturouse en dúas sesións consecutivas de seis horas, con intervencións centrais de doce expertos estatais e internacionais, seguidas de deliberacións, debate e comunicacións ao redor de tres bloques temáticos, que son o dereito á auga; auga e sostibilidade e xestión da auga. Ao longo das sesións abordarase temas como o acceso á auga e o saneamento como dereitos indispensables para unha vida humana digna, medidas para combater a contaminación e o quecemento global, a xestión sostible da auga, os seus usos e boas prácticas, a planificación hidrográfica ou a fiscalidade. Para falar destes temas, as conferencias do congreso correrán a cargo de especialistas de diferentes universidades estatais, como as de Valladolid, Murcia, Elche, Barcelona, País Vasco, Tarragona e Zaragoza, ademais da UVigo, e da University of Strathcly de Glasgow e do World Bank. A conferencia inaugural será Augas subterráneas: un recurso natural invisible pero necesario en tempos de emerxencias climáticas e será ofrecida por Francesco Sindico, codirector do Strathclyde Centre for Environmental Law and Governance e profesor de Dereito Internacional do Medio Ambiente da University of Strathcly, de Glasgow (Reino Unido). A de clausura será sobre planificación urbanística e hidrolóxica, as súas confluencias e conflitos, e será ofrecida por César Tolosa, presidente da Sala III do Tribunal Supremo.

“Como novidade, nesta edición pretendemos dar visibilidade á especialización do campus de Ourense como Campus Auga, cunha perspectiva inter e multidisciplinar, máis alá do ámbito propiamente xurídico”, sinala Marta Fernández. Neste senso, engade, exporanse tamén pósters que inclúan contidos desenvolvidos por persoal investigador ou equipos de investigación de ámbitos ou disciplinas non necesariamente xurídicas, aínda que non se axusten aos eixes temáticos do congreso, en especial resultados de proxectos ou traballos de investigación levados a cabo no campus de Ourense sobre tópicos vinculados á auga e aos recursos hídricos. Desde este mércores 1 de xuño xa está aberto o prazo de inscrición e ata o 2 de xullo está aberto o prazo para a remisión de propostas de comunicacións.