DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celébrase este xoves e venres na Facultade de Dereito

O IV Congreso Internacional da Auga incide na importancia do marco xurídico para acadar unha xestión eficiente e sostible dos recursos hídricos

A actividade forma parte do proxecto de especialización do campus de Ourense

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Medio Ambiente
  • Reitor
  • Investigación
DUVI Ourense 13/10/2022

Nun contexto de cambio climático onde a auga está adquirindo un protagonismo cada vez maior, o coñecemento e a xestión dos recursos hídricos é unha fonte crecente de preocupación e interese por parte da sociedade. Entre as múltiples facianas desde as que se pode abordar esta temática está a xurídica, que é determinante para o desenvolvemento de todo tipo de iniciativas e proxectos relacionados coa auga. Tendo en conta esta relevancia, este xoves e venres o campus de Ourense acolle o IV Congreso Internacional da Auga, co lema Dereito e Auga no Horizonte 2030. A cita científica bianual do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus Auga centrarase nesta ocasión na análise dos recursos hídricos desde unha perspectiva xurídica, reunindo a especialistas estatais e internacionais neste eido procedentes de entidades públicas e privadas.

Pensando no presente e no futuro    

Na inauguración do evento, Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo, subliñou que se trata “dun congreso moi importante para o campus de Ourense, xa que agora mesmo estamos involucrados na súa acreditación como Campus Auga”. Por este motivo, quixo agradecer a implicación nel da Facultade de Dereito, encargada da organización, e das áreas que imparten docencia neste centro, agradecemento que tamén fixo extensible ás entidades públicas e privadas colaboradoras. O responsable académico salientou o papel que a auga, como “ben imprescindible, de primeira necesidade” pero tamén escaso, xoga e xogará no desenvolvemento da humanidade. Neste contexto, destacou a pertinencia da temática elixida para esta cuarta edición do congreso do Campus Auga xa que, dixo, “o dereito ten unha importancia capital no ámbito da auga, entendida como un dereito humano de primeira necesidade, como algo que temos que repartir de maneira xusta”. Igualmente, Reigosa apuntou o acaído de vincular o programa coa Axenda 2030 “porque probablemente un dos problemas que vai a ter a humanidade máis acuciantes durante as próximas décadas ten que ver coa auga, coa súa escaseza e contaminación”. Sendo conscientes de que en Galicia “temos na auga unha riqueza para o futuro moi importante”, o reitor da UVigo subliñou que este congreso está en liña co compromiso da institución académica de achegar á sociedade “coñecemento, previsións de futuro e conseguir dalgún xeito ser unha luz” que permita avanzar cara “unha sociedade máis xusta, máis próspera e máis igualitaria”.   

Marta Fernández, dacana da Facultade de Dereito, engadiu que a celebración deste evento supón un fito “importante, significativo, para a nosa facultade e para o noso campus”. Este cuarto congreso, indicou, “pretende ofrecer (na liña dos tres congresos anteriores, organizados por outras facultades do campus con periodicidade bianual) un punto de encontro entre expertos de distintos ámbitos para debater sobre auga, medio ambiente e sostibilidade”. A responsable académica lembrou que a auga, “recurso natural de primeira necesidade e de importancia mundial, define o campus de Ourense como Campus Auga” e este congreso pretende abordala de xeito inter e multidisciplinar, contando coa participación de 12 especialistas internacionais, investigadores, profesionais e técnicos, e a asistencia de 60 persoas. Neste senso, subliñou a necesidade de analizar a eficiencia e sostibilidade da xestión da auga desde o prisma do dereito, lembrando os problemas xurídicos que deben afrontar os proxectos e iniciativas públicas e privadas neste eido.

Pola súa banda, César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, e Armando Ojea, tenente alcalde do Concello de Ourense, lembraron na inauguración desta cita as problemáticas relacionadas coa escaseza de auga que xa afrontan as administracións e amosaron o seu desexo de que este tipo de iniciativas contribúan a “mellorar a eficiencia na xestión destes recursos”. Ademais, Javier Puertas, director xurídico de Viaqua, apuntou a importancia neste senso da colaboración público-privada. Ao acto de inauguración tamén asistiron Elena Rivo, vicerreitora do campus de Ourense; Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria; responsables de centros do campus de Ourense e o director do Campus Auga, Roberto Ignacio Fernández.

Augas subterráneas

O IV Congreso Internacional da Auga aborda retos específicos da gobernanza da auga no marco dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030. Concretamente, a programación estruturouse en dúas sesións, con intervencións centrais de 12 especialistas estatais e internacionais, seguidas de deliberacións, debates e comunicacións ao redor de tres paneis temáticos, como son o dereito á auga; auga e sostibilidade e xestión da auga. Ao longo das sesións trataranse temas como o acceso á auga e o saneamento como dereitos indispensables para unha vida humana digna, medidas para combater a contaminación e o quecemento global, a xestión sostible da auga, os seus usos e boas prácticas, a planificación hidrográfica ou a fiscalidade. Para falar destas cuestións, as conferencias do congreso corren a cargo de especialistas de diferentes universidades estatais, como as de Valladolid, Murcia, Elche, Barcelona, País Vasco, Tarragona e Zaragoza, ademais da UVigo, e da University of Strathcly de Glasgow e do World Bank.

A conferencia inaugural, titulada Augas subterráneas: un recurso natural invisible pero necesario en tempos de emerxencias climáticas, foi ofrecida por Francesco Sindico, catedrático de Dereito Internacional na Facultade de Dereito da Universidade de Strathclyde (Glasgow, Reino Unido) e director de Climate Change Litigation Initiative (C2LI). Na súa presentación Laura Movilla, profesora de Dereito Internacional Público da Universidade de Vigo, subliñou do relator que “é un experto internacional en ordenamento de augas”, colaborando activamente coa Unesco e sendo asesor xurídico en controversias internacionais sobre a temática das augas subterráneas, augas que representan ao redor do 97% da auga doce do planeta e son fundamentais para o abastecemento da poboación mundial e dos ecosistemas.

Francesco Sindico falou de “augas subterráneas en tempos de emerxencia climática”, presentado ao público a relación entre ambos factores. “A relación é tanto física como xurídica. A nivel científico necesítase entender mellor os efectos do cambio climático sobre a calidade e cantidade de auga en xeral e de auga subterránea en particular”, dixo. Porén, engadiu o experto, “tamén se precisa entender mellor que a auga subterránea e a súa xestión sostible ten un valor moi importante para a adaptación ao cambio climático”. O catedrático delineou o marco normativo internacional do cambio climático e das augas subterráneas afirmando que “aí o que vemos é que hai  unha descoordinación a nivel internacional: hai moitas iniciativas, moitos tratados internacionais, vinculantes, non vinculantes, pero a miúdo, non se falan entre eles. Precísase unha coordinación maior”. A nivel nacional, engadiu, “o que se precisan son medidas claras, leis informadas pola ciencia, pola participación pública, e que teñan un sistema de resolución de controversias que permita tanto ao usuario da auga como ao provedor da auga ter certeza, que permita investimentos e que permita ao usuario estar seguro de recibir a cantidade e a calidade correcta de auga”. Durante a súa conferencia tamén falou sobre tendencias xurídicas no tema abordado, pondo o foco en temas como a dotación de personalidade xurídica a estes recursos, citando o caso en España do Mar Menor.