Desenvolvéronse múltiples accións ao longo de todo o curso en distintas cidades e vilas
A IV edición de Ciencia de Ida e Volta mobilizou a preto de 10.000 persoas
O programa consolídase como “referente na promoción da cultura científica en lingua galega”
A IV edición do plan Ciencia de Ida e Volta, programa de accións de divulgación científica desenvolto pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades-, mobilizou este ano a preto de 10.000 persoas entre alumnado, profesorado, persoal investigador e público xeral que participou nas accións celebradas nos tres campus da UVigo e en distintos puntos da xeografía galega.
“A iniciativa continúa a consolidarse como un referente no ámbito da divulgación científica desde un enfoque participativo, interxeracional e inclusivo”, explican desde a UCCi+i, facendo fincapé na consolidación do plan como “referente na promoción da cultura científica en lingua galega”.
Actividades artelladas arredor de datas clave...
En total, foron nove as accións desenvolvidas ao longo do curso, moitas delas articuladas arredor de datas clave do calendario científico e social. Ademais, o plan incluíu accións complementarias de continuidade, como o obradoiro Comunica a túa ciencia, unha formación especialmente dirixida a persoal investigador da UVigo; a cuarta edición do concurso de vídeos Youtubers Científicos, que nesta edición ampliou a súa participación ao alumnado de ESO e Bacharelato; e o ciclo Embaixadores/as da Ciencia e do Coñecemento, que volveu celebrarse en xuño co alumnado do Programa Universitario de Maiores como protagonista.
Día da Ciencia en Galego
Entre as novidades do plan 2024/2025 destacou a realización, por primeira vez, dunha programación específica con motivo do Día da Ciencia en Galego. Neste contexto organizáronse encontros con influencers galegos como Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez, ademais de actividades en centros educativos para fomentar o interese pola ciencia entre o público máis novo. A exposición “Arqueoloxía Dixital Galega”, comisariada polo investigador Óscar Penín (GEAAT), achegou tamén a arqueoloxía dixital aos escolares, poñendo en valor as conexións entre cultura, tecnoloxía e lingua. No marco desta edición, a UCC+i coordinou tamén a elaboración dun glosario de termos científico-técnicos en galego en colaboración coa Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. Nesta primeira edición, que terá continuidade no plan 2025/2026, abordáronse termos do ámbito xurídico, do medio ambiente e da micoloxía, para o que se contou coa colaboración dos investigadores Xosé Manuel Pacho, Manuel Ángel Pombal e María Cabaleiro.
Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia
O 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, foi outra das datas clave na programación. A novena edición de ‘Elas Fan CienTec’ permitiu que alumnas de catro institutos galegos visitasen centros de investigación da UVigo. A xornada incluíu obradoiros, visitas guiadas, entrevistas con investigadoras e unha charla interxeracional no campus de Ourense na que participaron catro científicas de diferentes xeracións. Ao abeiro da iniciativa nacional 11F, máis de sesenta investigadoras da universidade impartiron relatorios en arredor de oitenta centros educativos de toda Galicia.
Día Mundial da Vida Silvestre
No marco da celebración do Día Mundial da Vida Silvestre, o pasado 27 de marzo, o campus de Vigo acolleu un bioblitz, unha actividade participativa na que persoas de todas as idades tiveron que localizar, fotografar e identificar o maior número de especies posibles nun tempo limitado. Esta actividade estivo acompañada doutros obradoiros escolares sobre diversidade do solo e, a maiores, organizáronse dous roteiros científicos interxeracionais, un en Ourense, polos ríos Miño e Lonia, e outro en Pontevedra, polo río Gafos, que contaron coa implicación da Oficina de Medio Ambiente, alumnado do grao en Ciencias Ambientais e estudantado do Programa Universitario de Maiores.
Día Mundial da Creatividade
Con motivo do Día Mundial da Creatividade e da Innovación, celebrouse o taller ‘Pensamento creativo: obradoiro práctico para impulsar a creatividade na aula’, impartido por Juli Molares e que congregou a profesorado de Primaria e Secundaria para explorar técnicas de pensamento creativo aplicadas ao ensino. Tamén se organizou o taller ‘Design Thinking Extremo’, dirixido a persoas migrantes apoiadas pola Cruz Vermella, no que se traballaron habilidades para afrontar retos sociais mediante metodoloxías innovadoras e a partir do cal naceu a serie de podcasts ‘Historias compartidas’.
Día Mundial das Telecomunicacións
A loita contra a desinformación centrou as actividades organizadas pola UCC+i no mes de maio, coincidindo co Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. No IES Mendiño de Redondela, desenvolveuse un obradoiro multidisciplinar e, paralelamente, o proxecto itinerante ‘Paparruchas: en marcha contra a desinformación’ percorreu centros educativos e eventos, achegando un mapa de ruta contra a desinformación con ferramentas e consellos para identificar a información falsa. A programación incluíu tamén un taller en liña para familias, impartido pola experta en cultura dixital Roxana Morduchovicz, e un debate público no Museo de Pontevedra moderado por Xabier Fortes, no que participaron investigadores e investigadoras da UVigo de diferentes áreas e a psiquiatra Iria Veiga.
Impulsando a visibilidade da muller na ciencia
Como parte do seu compromiso coa divulgación e coa promoción das vocacións científicas entre a mocidade, especialmente entre as nenas, a UCC+i publicou tamén a quinta edición do catálogo Quero ser investigadora. Esta nova entrega preséntase cun formato renovado que busca achegar a realidade das científicas da UVigo á rapazada a través de entrevistas en estilo directo, un audiolibro narrado polas propias protagonistas e unha versión de lectura fácil.
Outro dos grandes eventos desta edición foi a feira científica ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, celebrada por primeira vez fóra dos campus universitarios, concretamente na vila de Lalín -co apoio da Deputación de Pontevedra e do propio Concello de Lalín-. Preto de 250 estudantes de primaria e secundaria visitaron ao longo da mañá os case 30 obradoiros e stands instalados no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero, con propostas sobre alimentación sostible, xeotecnoloxías, química, matemáticas, ecoloxía, criptografía ou termografía, entre moitas outras. A xornada continuou pola tarde cunha programación aberta a toda a cidadanía,.
Novidades para o quinto aniversario do plan
Feito balance desta 4ª edición, desde a UCC+i destacan que xa están a traballar na vindeira edición do plan que, coincidindo co seu quinto aniversario, incorporará novas liñas de acción centradas nos desafíos do cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade, ademais de novos formatos como xornadas de teatro inmersivo, exposicións ou enquisas de percepción social. Con este programa, a Universidade de Vigo reafirma o seu compromiso coa transferencia do coñecemento á sociedade e coa promoción dunha cultura científica aberta, diversa e inclusiva.