DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita celebrarase do 15 ao 17 de setembro de xeito presencial e virtual

O IV Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida porá o foco nas consecuencias da pandemia

A súa programación integrarase coa do congreso da feira Termatalia

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Saúde
  • Investigación
DUVI Ourense 08/09/2021

Do 15 ao 17 de setembro celebrarase unha nova edición, a cuarta, do Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, a cita integrarase co II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia, confluíndo nun único programa común no que as consecuencias da pandemia en eidos como o benestar e o turismo termal terán un protagonismo destacado. Arredor de 60 especialistas procedentes de dez países participarán neste encontro científico que terá un formato híbrido, mesturando a participación presencial desde Expourense e a virtual.

Diversidade temática

A iniciativa foi presentada este mércores por Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Rogelio Martínez, director xerente de Expourense e director de Termatalia; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo de Ourense e Rodrigo González, técnico do GDR-12 Ribeiro-Carballiño. Na súa intervención, Esther de Blas explicou que este simposio xurdiu en 2015 como unha iniciativa do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, en colaboración con Expourense, o Concello e a Deputación de Ourense aproveitando a celebración cada dous anos da Feira Internacional de Turismo Termal (Termatalia) na cidade de Ourense. O seu obxectivo é profundar no coñecemento das augas termais e mineromedicinais como axentes terapéuticos, de calidade de vida e benestar, e analizar as súas implicacións sociais e económicas, estreitamente relacionadas co turismo termal.

Na cuarta edición do simposio/congreso está previsto a presentación de 23 comunicacións científicas e sete relatorios e a celebración de oito mesas redondas, contando coa participación de arredor de 60 especialistas procedentes de dez países, como son Alemaña, Arxentina, Austria, Brasil, Colombia, España, Francia, Grecia, Portugal e Tailandia, ademais de diferentes comunidades autónomas españolas. Esta participación, indican desde a organización do evento, permitirá ás e aos participantes coñecer de primeira man a realidade do termalismo en diferentes contextos, as súas necesidades e retos e a maneira de abordalos.

Grazas ás achegas dos colaboradores de Termatalia e do simposio da UVigo, sinalan desde a organización, elaborouse un programa “diverso, de calidade e de actualidade”. Así, detallan, as temáticas abranguen diversos ámbitos relacionados co termalismo, desde a medicina ás tecnoloxías, prestando unha especial atención ao valor histórico e patrimonial das actividades asociadas ao termalismo e ao seu papel no desenvolvemento dun turismo activo e de calidade e no desenvolvemento social e económico das rexións con tradición e/ou potencial termal. Tamén destacan desde o evento como a súa programación aúna a visión académica e profesional e a súa vinculación coa actualidade, xa que nel se inclúen temáticas relacionadas coa covid-19, a dixitalización ou a contribución do termalismo á sostibilidade ambiental.

Tres días de actividade

Ademais de integrarse o simposio da UVigo e o congreso de Termatalia tamén se asocia a esta cita unha Xornada sobre Hidroloxía Médica promovida pola Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago de Compostela. A actividade, que se celebrará o día 15, estará centrada no papel dos balnearios na recuperación da saúde tras a pandemia e nela presentaranse os resultados dos traballos realizados desde esta cátedra, dirixida por Juan Gestal, para desenvolver protocolos nos balnearios de Galicia para o tratamento nestes centros das secuelas respiratorias, dermatolóxicas, músculo-esqueléticas e psicolóxicas en pacientes de coronavirus.

O xoves 16 de setembro o simposio/congreso centrarase no patrimonio termal e no turismo e wellness, achegándose ás novas estratexias de promoción turística dos destinos termais e de benestar e o cambio nas necesidades e preferencias do novo consumidor poscovid, que busca experiencias de alto valor engadido que promovan un estilo de vida saudable. Na sesión tamén se presentará o proxecto Eixo Atlántico e se celebrará unha mesa redonda coordinada pola Asociación Europea de Cidades Históricas con Patrimonio Termal (EHTTA) na que se presentarán boas prácticas en márketing de patrimonio termal en cidades de Grecia, Austria e Francia. Tamén haberá intervencións sobre patrimonio e arquitectura termal. A sesión dedicada ao turismo e wellness inclúe a presentación de destinos de saúde de Arxentina, Murcia, Estremadura, Ourense e o GDR-12 Asociación Ribeiro-Carballiño. Tamén haberá dúas sesións científicas dedicadas ao estudo dos distintos aspectos do turismo experiencial e de saúde e a presentación de traballos de desenvolvemento tecnolóxico en distintos campos relacionados coas augas termais.

A última xornada, a do día 17, estará dedica á relación entre saúde e benestar e a análise das tendencias da industria wellness no contexto poscovid. O programa inclúe a presentación de novas iniciativas, activas ou previstas, arredor do termalismo como, entre outros, o proxecto Un Descanso en los Caminos, impulsado desde o Clúster de Turismo de Galicia. A inxestión de augas minerais e a análise dos desafíos actuais do termalismo serán os temas que pechen este simposio e congreso, que concluirá coa entrega de premios da 18ª Cata Internacional de Augas de Termatalia e o recoñecemento ás comunicacións científicas presentadas no evento.