DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A gran final disputouse entre a UVigo e a USC na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial

Iván Fernández, mellor orador do I Torneo Nacional de Debate Retórica UVigo: “Conseguir isto na casa é un auténtico orgullo”

A entrega de premios contou coa participación de Mónica Valderrama e Marta Fernández-Tapias

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Asociacións de Estudantes
  • Estudantado
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 28/11/2022

“Conseguir isto na casa, no primeiro torneo que organiza a nosa asociación, é un auténtico orgullo, todo un recoñecemento a todo o traballo, non só do meu equipo, senón de todos os meus compañeiros”. Así de satisfeito se amosaba este luns Iván Fernández tras proclamarse este domingo mellor orador do I Torneo Nacional de Debate Retórica UVigo.  Xogou a final exercendo o papel de refutador, acompañado por Hernán Comesaña, como introdutor, e Sara Hernández, como conclusora, integrantes dun dos tres equipos cos que participou no torneo a Universidade de Vigo e que, finalmente, caeu na final fronte ao equipo da Universidade de Santiago de Compostela, que foi proclamado mellor equipo da competición.

“Foi unha final de moita calidade, dos debates que máis levo desfrutado en toda a miña traxectoria”, explica Fernández, estudante de 4º curso do Dobre Grao de Administración e Dirección de Empresas - Dereito, quen este curso se atopa realizando unha estadía Erasmus en Alemaña, polo que a preparación do torneo tivo un “extra de dificultade”, ao ter que facelo a distancia. “A verdade é que o equipo contrario tiña preparados moi bos argumentos e penso que a ningún dos dous equipos nos quedou nada por dicir”, explica o estudante, quen non dubida en afirmar que foi “todo un derbi” entre dous equipos galegos, o que lles fixo especial ilusión. “Unha pena non telo gañado, pero estou moi orgulloso dese debate”, recalcou o estudante, quen mañá regresará a Alemaña. 

Esta foi a quinta competición na que participou e por diante quédanlle bastantes citas. “Este foi o primeiro torneo da tempada e antes do Nadal non imos acudir a ningún máis, pois estamos a tope cos exames, pero no que queda de curso hai moitos torneos por diante”, recalca Fernández, ilusionado con  todo o que supoñen este tipo de citas.

Primeiro torneo destes características celebrado en Galicia

O I Torneo Nacional de Debate Retórica UVigo, primeiro torneo destas características celebrado en Galicia, reuniu a participación de dez equipos de sete universidades: Vigo –que competiu con tres equipos-, Santiago, A Coruña, Baleares, CEU Barcelona, Jaén e Cunef Madrid.

Tras dous días de debates no edificio Redeiras, entorno á pregunta de si a transición enerxética garantirá a autosuficiencia enerxética da Unión Europea, a gran final levouse a cabo no salón de actos da sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial. Foi toda unha festa que contou coa participación, entre outros, da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; a delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias; o director técnico da Liga Española de Debate Universitario, Ángel Domingo, e José Luis Ortiz, da empresa ZTE, unha das firmas que patrocinou o torneo e que doou o dispositivo móbil co que foi agasallado Fernández.

O equipo gañador, a USC, recibiu 1500 euros e un pase para participar na fase final da Liga Española de Debate Universitario (LEDU), que congrega os 16 mellores equipos universitarios de debate de España. O segundo equipo clasificado, nesta caso a UVigo,  recibiu 500 euros.