DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O candidato de ConSenso protagonizou este luns encontros en tres facultades do campus

Jacobo Porteiro arranca a campaña electoral en Pontevedra apostando por unha “Universidade áxil e intelixente”

Dirixidos a presentar o seu programa electoral e ás persoas que integran o seu equipo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Institucional
DUVI Pontevedra 20/04/2026

Tras a presentación das tres candidaturas que concorren ás eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo, este luns 20 daba inicio a campaña electoral, na que os diferentes equipos levan a cabo unha serie de encontros e actos nos tres campus. O de Pontevedra foi o escollido nesta xornada polo candidato Jacobo Porteiro para dar a coñecer tanto as e os integrantes da candidatura de ConSenso como algunhas das “máis de cen medidas” incluídas no seu programa electoral. Entre outras cuestións, Porteiro salientou a súa aposta pola “modernización dos procedementos” administrativos, co obxectivo de impulsar “unha Universidade áxil e intelixente”, por potenciar a “vida nos campus” e pola implantación dun recoñecemento ao labor docente.

O edificio que comparten as facultades de Comunicación e Dirección e Xestión Pública foi o escenario do primeiro acto de campaña de ConSenso, sucedido nesta xornada por encontros en Belas Artes e Deseño. Acompañado por varias das persoas que integran “unha candidatura moi plural”, Porteiro debullou ante a comunidade universitaria tanto as razóns que lle levaron a concorrer ás eleccións á Reitoría, como a composición do seu equipo. Nel insírense nomes como o do catedrático da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José María Cancela, como candidato a vicerreitor do campus de Pontevedra; o da PTXAS María José Pousa como candidata á Secretaría Xeral, ou o do ex-xerente da UVigo Manuel Fernández Jáuregui como candidato á Xerencia.

Modernización de procedementos

A través duns códigos QR, Porteiro buscou coñecer as opinión das e dos participantes sobre os diferentes aspectos do seu programa, deténdose en primeiro termo na “modernización da administración e dos procedementos”, como “un dos eixes máis importantes para nós”. Nomeadamente, salientou a súa aposta por “un único portal de xestión e comunicación”, MeUVigo, que contribúa á simplificación dos procedementos e trámites administrativos. En materia de docencia, apostou pola implantación dun “recoñecemento real á docencia”, que non conta ao seu xuízo con “incentivos”, a diferencia da produción científica ou a transferencia, pese a ser “a principal actividade da Universidade”, avogando pola creación duns “ingresos de produción docente”, que teñan en conta aspectos como o tamaño dos grupos das materias. No referido á investigación, apostou por impulsar “unidades de apoio ás tarefas de captación de fondos, que son ás veces moi voluntaristas”, así como polo impulso dun sistema que permita axilizar a contratación de persoal con cargo a proxectos. 

No referido á carreira profesional, defendeu a necesidade de definir “unhas follas moi rutas moi claras”, tanto para PDI como para PTXAS, que permitan coñecer os diferentes pasos precisos para a súa consolidación, o que require, lembrou, dunha “planificación plurianual”. Ao mesmo tempo, sinalou como unha necesidade “urxente” a abordaxe dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT), que permita “colocar os recursos humanos nas estruturas necesarias”. Outra das medidas de ConSenso, sinalou, será impulsar unha convocatoria na que as facultades e escolas “escollan un aspecto estratéxico no que queiran avanzar e facer unha proba”, que á súa vez serviría como “unha especie de laboratorio” para coñecer a efectividade de medidas, de cara a súa posterior implantación noutros centros

Outras das cuestións nas que fixo énfase no candidato de ConSenso é “na perda de conexión co noso estudantado” e na necesidade de recuperar a “vida nos campus”, aspecto dentro do que Pontevedra é “un campus privilexiado pola proximidade á cidade e a proximidade entre os centros”. Porteiro destacou tamén a necesidade de traballar en materia de “residencias e bolsas de vivenda”, nos eidos da atención psicolóxica e clima laboral, así como na captación de alumnado nun contexto de descenso da natalidade, que obrigará a “ser moi activos e saír buscar estudantes fóra”.