DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora será investida o mércores doutora honoris causa

Jacquelyn C. Campbell: "É unha honra incrible recibir este tipo de distinción de parte dunha universidade internacional"

A homenaxeada estende este recoñecemento aos estudos feministas

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Institucional
DUVI Ourense 18/06/2018

Este mércores, 20 de xuño, a Universidade de Vigo investirá a Jacquelyn C. Campbell, experta en violencia de xénero da Universidade Johns Hopkins, de Estados Unidos, como doutora honoris causa. Ela será a cuarta muller e a vixésimo oitava persoa en recibir esta distinción por parte da institución académica. Considerada unha das máis sobresaíntes académicas en materia de violencia de xénero a nivel internacional, especialmente no eido da violencia na parella, Campbell salienta como recibe esta distinción como “un honor incrible” e destacando como a súa concesión a unha persoa centrada nos estudos feministas “amosa o pensamento avanzado da Universidade de Vigo e o seu liderado ao abordar este problema global que está comezando a gañar a atención que merece dos medios e da cidadanía”.

O acto de investidura, aberto a toda a cidadanía, celebrarase no campus de Ourense xa que a proposta de nomeamento de Jacquelyn C. Campbell foi impulsada desde este campus polo Departamento de Análise e Intervención Psicosocioeducativa da Universidade de Vigo, concretamente pola súa profesora María Lameiras. “É unha honra incrible recibir este tipo de distinción de parte dunha universidade internacional”, comenta desde Estados Unidos a homenaxeada, que apunta estar “particularmente emocionada” porque este recoñecemento proceda dunha institución coa “importante historia da Universidade de Vigo”. O seu coñecemento desta institución académica, apunta Campbell, chegou da man de María Lameiras, que no ano 2017 realizou unha estadía como investigadora convidada na Universidade Johns Hopkins. Foi entón, sinala, “cando aprendín máis sobre a Universidade de Vigo”, institución da que destaca “a súa investigación na área de estudos da muller, de estudos feministas” apuntando como neste eido “os estudos da doutora Lameiras son do máis alto nivel, o que é mostra da calidade da Universidade de Vigo”. 

Por unha investigación global que mude a situación

Sobre o discurso que ofrecerá o mércores ás 19.00 h no salón de actos Marie Curie do campus de Ourense, Jacquelyn C. Campbell adianta que nel destacará aspectos como “a crecente investigación feminista global que aborda os problemas da violencia de xénero, de modo que agora existe unha colaboración global no desenvolvemento de teorías e probas que poden axudar a salvar a vida de mulleres”. Tamén, engade, “destacarei como debemos empregar a ciencia, combinada coa defensa e a compaixón, para cambiar tanto o sistema de atención da saúde como as estruturas que permiten a violencia de xénero, que non conseguen evitar o feminicidio por parte das parellas e exparellas”. 

Consonte á súa formación e traxectoria, Jacquelyn C. Campbell tamén sinala como na súa investidura “explicarei como a enfermaría e a atención médica poden estar máis involucradas en axudar ás mulleres a recuperarse do trauma do abuso así como tamén previr a dor psicolóxica e física permanente e os danos causados pola violencia de xénero”. Fiando o seu discurso cos temas que teñen sido e que son o centro da súa preocupación investigadora, a profesora da Universidade Johns Hopkins tamén avanza que abordará na súa intervención en Ourense como as leccións sacadas do coñecemento no eido da violencia de xénero se poden aplicar a outros colectivos que experimen violencia, para axudalos a previr problemas de saúde física e mental e tamén axudalos a non usar a violencia no futuro. 

Pioneira e referente

O nomeamento de Jacquelyn C. Campbell como doutora honoris causa da Universidade de Vigo, recalca pola súa banda María Lameiras, “supón un recoñecemento explícito da institución ao traballo en favor da igualdade e da erradicación de todas as formas de violencia cometidas contra as mulleres nas sociedades patriarcais e sexistas, que en diferentes niveis seguen comprometendo a saúde e o benestar de todas as mulleres no mundo”. O traballo no eido académico de Jacquelyn C. Campbell como docente, investigadora e clínica, lembra Lameiras, iníciase na década do anos 80 do século XX, no que comeza o seu pioneiro traballo arredor da problemática da violencia de xénero cando este era aínda un tema invisibilizado e en consecuencia afastado do foco da ciencia. O liderado que ten acadado a profesora Campbell, apunta, está avalado por un extenso curriculum con case 300 publicacións. Os seus traballos de investigación teñen acadado unha significativa repercusión a nivel mundial, sendo a investigadora máis citada sobre violencia de xénero exercida dentro das relacións de parella. 

Ademais, os traballos de Jacquelyn C. Campbell tamén se estenden ao estudo da violencia de xénero dentro das contornas de traballo e nos ámbitos académicos. Pola relevancia dos seus estudos, a profesora ten sido requirida para colaborar con numerosas institucións e organismos a nivel nacional e internacional. Ao longo da súa traxectoria foi recoñecida xa co doutoramento honorario en Estados Unidos e pola Universidade de Goteberg (Suecia) así como polo Simon Fellowship da Universidade de Manchester (Inglaterra). 

Na actualidade, apunta Jacquelyn C. Campbell, a súa relación coa Universidade de Vigo vai máis alá da concesión do honoris causa xa que “a doutora Lameiras Fernández e eu estamos traballando xuntas en estudos que exploran as similitudes e diferenzas no fenómeno da violencia de xénero e o feminicidio (o asasinato de mulleres) en Estados Unidos e en España”. Tamén, engade, “estamos traballando xuntas para ampliar o uso en España do Danger Assessment”, instrumento de avaliación deseñado por esta experta sobre o risco para as mulleres de ser asasinadas polas súas parellas ou exparellas e que se utiliza en 28 estados de Estados Unidos e en sete países máis.