DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas, presentadas este martes, celebraranse no campus entre os días 10 e 14 de febreiro

A JAI’2025 serán un escaparate das tecnoloxías de automatización industrial máis innovadoras e avanzadas

O programa de conferencias e mesas redondas, con 70 relatores, é o máis extenso da súa historia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
  • Universidade e empresa
  • Investigación
M. Del Río DUVI 21/01/2025

O próximo mes de febreiro as JAI, Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial, celebrarán a súa décima edición e farano co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduce en máis de 40 horas de ponencias. Entre os convidados, algúns tan coñecidos como o doutor Diego González.

O programa desta edición, que se celebrará entre o 10 e o 14 de febreiro, está orientado á difusión formativa e informativa das tecnoloxías de automatización industrial máis innovadoras e avanzadas. As xornadas foron presentadas este martes na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo, nun acto no que participaron Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais; David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca da Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo e José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de sistemas e automática e organizador das xornadas. No evento estiveron presentes tamén os directores e directoras das escolas de enxeñaría do campus de Vigo así como representantes doutras entidades e empresas relacionadas co evento.

A vicerreitora Mónica Valderrama agradeceu a implicación de Concello e Zona Franca pero sobre todo puxo en valor o enorme esforzo do profesor Armesto para organizar este evento, as súas estratexias de “colaboración e a súa capacidade de implicar ás persoas e ás empresas, ás veces de xeito case altruísta” para conseguir facer “florecer case da nada” un evento “tan potente coma este”. Ademais Valderrama, tamén salientou a importancia deste tipo de simposios para “facer chegar á sociedade o que se fai na academia”, para poñer a UVigo no mapa e para “captar futuro alumnado nun contexto de moita competencia”.

Pola súa banda, o delegado do Consorcio, David Regades, lembrou o apoio da cidade a estas xornadas dende os seus inicios e destacou que, neste tempo, as JAI se teñen convertido nun evento estratéxico, “unha aposta única promovida dende o eido científico, que sitúa a nosa cidade na vangarda da tecnoloxía, da innovación e da automatización industrial”. Neste sentido, Regades subliñou o potencial innovador da robótica, que “debemos ver como un aliado e non como un rival” que axuda a “incrementar a eficiencia, a produtividade e a sostibilidade” e permite “mellorar a calidade de vida dos traballadores”. Ademais, o delegado tamén puxo en valor a extensa colaboración que o Consorcio mantén coa UVigo, “o noso socio estratéxico”, co que se desenvolven proxectos “tan ambiciosos como o da fábrica de semicondutores fotónicos”.

Finalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou tamén ao profesor Armesto por estes 20 anos e 10 edicións das JAI, “que son o resultado dunha Universidade excepcional e da súa cooperación coas administracións e coa iniciativa privada”. Para o alcalde, eventos coma este poñen á Universidade e á cidade no foco do debate, visibilizando o seu potencial transformador e, a este respecto, recoñeceu o potencial do programa de relatorios para os cinco días, que cualificou como “monumental, algo que sucede en moi poucas cidades do mundo, xusto nun intre no que a telemática, a robótica e a intelixencia artificial comezan a cambiar a nosa sociedade e a nosa economía”. 

70 poñentes, 2000 asistentes e un showroom con 40 expositores

Dende que estas xornadas bienais botaron a andar en abril de 2004, esta será a edición máis multitudinaria. Ademais dos 70 relatores e 40 horas de conferencias e mesas redondas, a organización agarda contar con preto de 2000 asistentes. O prazo de inscrición aínda non está pechado e as persoas interesadas poderán inscribirse ata o día previo á celebración, pero o profesor Ignacio Armesto agarda que sexan arredor de 2000 as persoas que se rexistren para ver as conferencias en directo ou á carta. 

Tampouco faltará o xa tradicional Showroom Industria 4.0, no que se darán cita as principais empresas do sector amosando as novas tecnoloxías e avances. En total serán 40 expositores, 20 o luns e martes e outros 20 entre mércores e xoves. Co cal, aos 2000 asistentes previsto, haberá que sumar os visitantes a esta mostra, que non require inscrición, e á que adoita asistir o alumnado da EEI (arredor de 1500 estudantes), o profesorado (150) e moitos centros de FP que virán de visita co alumnado.

Contidos e relatorios de expertos como o cirurxián Diego González

O encargado de presentar o programa foi o profesor Armesto, que detallou algúns dos temas que se van tratar nas conferencias, todos eles claves para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e predictivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexible, robótica móbil, conectividade IT/OT, intelixencia artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, IIoT, automatización intelixente, inspiración biónica, seguridade en máquinas, etc.

Ademais dos relatorios, como explicaba Armesto, haberá varias mesas redondas. A primeira o martes pola tarde, sobre robótica, automatización e intelixencia artificial e as claves do futuro 5.0; a segunda o mércores tamén de tarde, sobre ciberseguridade industrial; e o xoves no mesmo horario sobre investigación en robótica, na que se darán cita catro catedráticos e investigadores de gran renome neste eido procedentes das universidades nacionais e internacionais.

En total, ao longo da cinco xornadas intervirán relatores procedentes de empresas e entidades como Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, Finsa, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron ou Russula, Stellantis, KPMG. Entre os convidados máis relevantes, Armesto destacou a apertura a cargo de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal ou o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, que ten abandeirado equipos de investigadores de robots submarinos con grande éxito e que impartirá a conferencia maxistral de peche. Tamén destacou a presenza do catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico II, centrado ultimamente en robótica biomédica e a do doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Shanghai Pulmonary Hospital, en China.

O acto de apertura contará coa presenza de tres robots de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1, o que segundo Armesto é “un feito pioneiro xa que é o primeiro deste fabricante que está en España”. A eles sumaranse Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como bastantes robots móbiles industriais. A cita poderá seguirse de forma presencial e tamén en directo a través da canle 1 de UVigoTv.