DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A cita disputouse o sábado e domingo no pavillón de deportes

Jaime Santos e Aleksa Strikovic, gañadores do V Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense

As modalidades de competición foron partidas rápidas e lóstrego

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Deportes
DUVI Ourense 02/07/2018

O pavillón de deportes do campus de Ourense acolleu este sábado e domingo a celebración do V Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense. A cita, que este ano se presentaba renovada en modalidades de competición e duración, cumpriu as expectativas da organización en canto a participación e desenvolvemento da competición. Jaime Santos proclamouse campión na modalidade de partidas rápidas e Aleksa Strikovic na de lóstrego. Por equipos o gañador foi Círculo Chantadino. 

O torneo estivo organizado polo Club Universitario de Ourense de Xadrez e pola Área de Benestar, Saúde e Deportes e a Vicerreitoría do campus, contando ademais co patrocinio do Concello de Ourense e da Deputación de Ourense. O director da competición foi Lino Hermida e o árbitro principal Francisco Javier Ogando, árbitro Internacional FIDE. A cita disputouse polo sistema suízo a nove rondas, sendo o ritmo de xogo de 10 minutos por xogador ou xogadora, máis 3 segundos por cada xogada realizada, no caso da modalidade rápida, e de 5 minutos por xogador ou xogadora, máis 3 segundos por cada xogada realizada, no caso da modalidade lóstrego. 

Podios e premios

A primeira competición en disputarse foi o torneo de partidas rápidas o sábado. A cita reuniu a 95 inscritos e inscritas (entre eles seis grandes mestres, catro mestres internacionais e cinco mestres federados) e o podio quedou encabezado por Jaime Santos, seguido de David Lariño e en terceiro lugar o luso Luis Galego. O domingo foi a quenda do torneo de partidas lóstrego, no que participaron 66 xogadores e xogadoras, entre eles cinco grandes mestres, catro mestres internacionais e catro mestres federados. Neste caso, o primeiro posto foi para Aleksa Strikovic, o segundo para Vladimir Petkov e o terceiro para Jaime Santos. Por equipos, o gañador do V Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense foi o Círculo Chantadino, seguido do Liceo de Ourense e o Xadrez Ourense. En total entregáronse 5800 euros repartidos en 48 premios nas diferentes modalidades. 

“A participación nesta edición foi moi ben, o ritmo de xogo foi moi interesante e puidemos asistir a partidas de moito nivel, como quedou patente na modalidade rápida, que estivo moi disputada ata o seu remate”, explica Rodrigo Alberte, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus. Entre a participación, Alberte destaca non só a presencia de clubes de Ourense e a contorna, senón tamén a participación internacional, con xogadores de orixe cubana, lusa ou rusa, entre outros. “Foi un torneo potente, como demostran os seus podios”, afirmou o responsable da Área de Benestar, Sáude e Deporte. “O torneo foi moi ben. Tanto os xogadores coma nós quedamos contentos cos resultados”, engade Lino Hermida.