DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Profesor de programación neurolingüística, os seus vídeos son dos máis vistos en UVigoTv

Javier Gil Lloréns afonda nunha conferencia no potencial humano fronte as incertezas

É o autor do libro ‘Como ser tu mejor “yo”’

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Cultura
  • Visitas
  • Cultura
DUVI 29/04/2019

Con máis de 300.000 visualizacións, un vídeo dunha das súas conferencias sobre programación neurolongüística converteuse no máis visto da historia de UVigoTv. Falamos de Javier Gil Lloréns, coach persoal e executivo, instrutor de ioga, compositor, empresario e escritor, que hoxe volveu visitar o campus de Vigo para impartir a conferencia El potencial humano frente a la incertidumbre, unha intervención na que, entre outros moitos temas, falou do seu libro Como ser tu mejor “yo”.

O relatorio tivo lugar na sala 1 do edificio Miralles e nel as/os asistentes tiveron a oportunidade de escoitar as súas reflexións sobre os diferentes mecanismos dos que dispón o ser humano para lograr converterse na mellor versión de si mesmo. “O verdadeiramente importante é investigar os mecanismos que operan dentro de nós”, salientou o experto, que explicou como no seu caso foi unha crise persoal forte, motivada pola creba da empresa familiar na que levaba traballando máis de trinta anos, o que o levou a reformularse o seu propio estilo de vida. “Foi un momento de reflexión do que saquei bastantes conclusións”, explicou Gil Lloréns, quen logo plasmou toda esta experiencia neste libro.

Entre as principais claves que expuxo aos presentes falou da necesidade de vivir o momento presente, “sen necesidade de pasar a vida cheos de ansiedade pensando no que pode acontecer no futuro”; da importancia de ser quen, cada un de nós, de vivir a nosa propia vida; da enchernos de enerxía, de conquistar obxectivos, de centrarnos na nosa propia mente... “Se non entendemos ben como funciona a nosa mente podemos entrar en bucles moi negativos”, insistiu Gil Lloréns.