DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na reunión mantida coa concelleira de Urbanismo, Teresa Casal

Jesús Hernández urxe ao concello a cesión dos terreos de Tafisa ao campus

A construción dun paso peonil e a gardería foron outros dos temas tratados

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Ana Terceiro DUVI 05/03/2008

Coa intención de comezar canto antes as obras do Edificio das Artes, o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jesús Hernández, urxiu ao Concello a cesión dos terreos da antiga fábrica de Tafisa nunha reunión mantida coa concelleira de urbanismo, Teresa Casal, para planificar o futuro do campus a corto e medio prazo. O responsable da institución académica subliñou a necesidade da Universidade de ter o novo edificio xa que, tal como explicou, “acumula un considerable retraso respecto das previsións iniciais e a intención é comezar a construílo o próximo ano sen falta”. A edil de Urbanismo salientou a este respecto que os trámites para realizar a cesión xa están feitos e que “agora está nas mans da empresa, que debe presentar o plan de compensación”, segundo comentou Casal García, ao que engadiu que, “podería estar resolto para este verán”.
Na xuntanza de traballo tamén estivo presente a directora de Planificación do campus, Antonia Blanco e os responsables da delegación pontevedresa do Colexio de Arquitectos para tratar principalmente a idea que ten a Universidade de humanizar A Xunqueira, reducindo ao máximo a rede viaria interna e construíndo un paso peonil para unir os terreos coa outra beira do río. A responsable do Concello en materia de urbanismo amosou o seu apoio ao proxecto xa que tamén serviría para os estudantes dos institutos da zona.

O novo edificio

O futuro Edificio das Artes será o que acolla as carreiras de Graduado en Belas Artes e Deseño e Moda, ademais de barallarse outras posibles titulacións relacionadas co mundo da arte como Danza Contemporánea ou Escenografía. A nova construción terá unha superficie de máis de 24.000 metros cadrados e suporá un investimento de 25 millóns de euros.

A gardería, no 2009

Outro dos temas tratados na reunión foi a posta en marcha da gardería, ao que a responsable de planificación do campus afirmou que “estará rematado o ano que ven”. Antonia Blanco explicou que o inmoble, que se emprazará detrás da Escola Universitaria de Fisioterapia e da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, comezará a edificarse neste ano e porase en marcha no 2009. O centro contará cunha superficie total de 500 metros cadrados con capacidade para 30 prazas destinadas aos fillos dos traballadores e dos alumnos de entre 0 e 3 anos. Aínda que se sobran prazas, “poderanse ofertar ao conxunto da cidadanía pontevedresa”, comentou Antonia Blanco.