DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun acto celebrado este mércores en Santiago de Compostela

Jesús Simal ingresa na Real Academia de Farmacia de Galicia

No seu discurso analizou a sostibilidade do sistema de produción e consumo alimentario

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Premios
  • Institucional
DUVI Ourense 29/04/2021

Jesús Simal, doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela e catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Universidade de Vigo, ingresou este mércores como académico de número da Real Academia de Farmacia de Galicia. No seu discurso, abordou a sostibilidade do sistema de produción e consumo alimentario, identificando algunhas das súas problemáticas máis relevantes e propondo potenciais solucións a elas.

O acto de ingreso celebrouse no Antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela, estivo presidido por Manuel Puga, presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, e contou coa asistencia entre outras autoridades de Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo. O discurso de Jesús Simal levou por título Solucións para a sostibilidade do sistema de produción e de consumo de alimentos e foi contestado polo académico de número emérito José Miñones Trillo. Sobre o seu nomeamento, Jesús Simal destacou no seu discurso de ingreso que supón “unha gran responsabilidade dada a talla persoal e profesional de todo o colectivo de académicos de número e correspondentes que son parte dela”. Ademais, subliñou como “un recoñecemento como este serve sempre de estímulo e acicate para seguir pola senda do esforzo para contribuír a mellorar o presente construíndo un futuro prometedor, o que no meu campo científico ten que ver con tratar de mellorar o sistema de produción e consumo de alimentos”. 

Ao longo da súa intervención ante os académicos e autoridades presentes, o catedrático da Universidade de Vigo apuntou que “aínda que é verdade que nunca exercín a profesión farmacéutica como tal, recoñezo que marcou a miña forma de aproximarme aos problemas científicos cunha visión multidisciplinar e que supuxo un camiño de realización persoal apaixonante”. Por este motivo recalcou que “é para min un pracer aceptar o nomeamento de académico de número da Real Academia de Farmacia de Galicia, á que mostro a miña gratitude pola confianza depositada”, agradecendo de xeito especial o aval dos profesores doutores Alicia Estévez, Cristina Arias e José Miñones. Igualmente tivo palabras de agradecemento para familiares, amigos e grupo de investigación. 

Problemas e propostas de solución

No seu discurso, Jesús Simal quixo “pór de relevo o papel do sistema de produción e consumo de alimentos na política pública como necesidade básica que é”. Despois dun breve diagnóstico da sostibilidade do sistema de produción e consumo alimentario, o catedrático da UVigo identificou algúns dos problemas máis relevantes no ámbito da produción (destrución de ecosistemas terrestres, gases de efecto invernadoiro, sobrepesca e desperdicio alimentario) e do consumo alimentario (fraude e dietas desequilibradas e insostibles). Para cada un dos problemas identificados, propuxo unha serie de potenciais solucións. Así entre as propostas para o ámbito da produción falou de agroecoloxía, edición xenética, fermentación entérica, fontes alternativas de proteínas, xestión pesqueira sostible, acuicultura, almacenamento e conservación de alimentos e revalorización de subprodutos. Entre as propostas para o ámbito do consumo afondou en temas como a integridade da cadea alimentaria, o blockchain na trazabilidade dos alimentos, os hábitos alimentarios saudables e sostibles e alimentos funcionais. Tras esta análise, pasou do global ao local e resaltou algunhas propostas de futuro “que poden axudar a potenciar solucións neste eido no espazo galaico-portugués”. Entre elas, incluíu a creación dun Centro Ibérico de Investigación Alimentaria, a aprobación dunha Cátedra de Gastronomía Interuniversitaria e o deseño dun Observatorio de Seguridade, Salvagarda e Sostibilidade da Cadea Alimentaria. 

30 anos de investigación e docencia na UVigo

Jesús Simal leva 30 anos vinculado á docencia e á investigación na Universidade de Vigo, sendo catedrático da Área de Nutrición e Bromatoloxía desde 1999. Na súa dilatada traxectoria ten sido por máis de dez anos director científico do CIA3 (Centro de Investigación Agro-Ambiental e Alimentario); membro do Comité Científico da Agencia Española de Consumo, Seguridad Alimentaria y Nutrición; director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria e vicerreitor de Internacionalización. Entre os seus méritos están tamén ser académico correspondente da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Distrito de Galicia, Medalla de Investigación da Real Academia Galega de Ciencias 2020 Antonio Casares Rodríguez (Química e Xeoloxía) e presidente da International Association of Dietary Nutrition and Safety. A súa liña de investigación está especializada en química analítica, bioloxía molecular e proteómica, abranguendo co seu grupo de investigación o estudo da distribución de contaminantes químicos orgánicos agrícolas e ambientais na cadea de produción de alimentos e en como mellorar a calidade sensorial e funcional dos alimentos, integrando medio ambiente, agricultura e a alimentación cos problemas de nutrición e saúde pública.