DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Highly Cited Researchers baséase en traballos publicados e citados na última década

Jesús Simal e Maurizo Battino poderían situar á Universidade de Vigo á cabeza do SUG no ránking dos investigadores máis citados

Battino incorporarase á universidade como investigador distinguido para dirixir un grupo

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Reitor
  • Institucional
Mª del Camen Echevarría DUVI 13/11/2018

Á espera da súa publicación oficial a mediados deste mes de novembro, o Listado das e dos investigadores máis citados do ano 2018, Highly Cited Researchers List (HCR), elaborada por Clarivate Analytics, podería incluír dous representantes da Universidade de Vigo, o que a convertería na institución académica galega con máis científicos nesta relación, baseada nos traballos publicados e citados durante a última década. A incorporación de Simal no listado, no que ata o ano pasado aparecía o catedrático David Posada, que ao cambiar de liña de investigación xa non estará incluído este ano, foi confirmada esta mañá polo reitor, Manuel Reigosa, na sesión de Consello de Goberno, na que tamén anunciou a incorporación á Universidade de Vigo como investigador distinguido do experto en bioquímica alimentaria Maurizo Battino, que no ránking que HCR fará público nuns días podería xa figurar como investigador da institución académica viguesa, que sumaría así dous representantes no listado deste ano 2018. Co gallo da súa incorporación ao HCR, Jesús Simal abandonará a súa responsabilidade á fronte da Vicerreitoría de Internacionalización, da que se fará cargo a vicerreitora de Responsabilidade Social, Igualdade e Cooperación, Maribel Doval, que pola súa banda transferirá a Unidade de Igualdade ao reitor.

A sesión ordinaria de Consello de Goberno, celebrada hoxe na sala de xuntas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, aprobou a Oferta de emprego público do PDI para este ano, con 57 novas prazas, o máximo que permite a taxa de reposición na súa formulación actual; así como a convocatoria do Programa de retención de talento investigador, que ofertará 10 contratos de investigadora ou investigador distinguido por tres años, prorrogable dous máis. Por outra banda, os membros do órgano de goberno deron luz verde á posta en marcha de dous cursos de especialista, que comezarán a impartirse en xaneiro do vindeiro ano: I Curso de Especialista en Refalado Interlingüístico (inglés-español) e o I Curso de Especialista en Innovación, Competitividade e Emprendemento arredor do mar.

Maior visibilidade e posicionamento da universidade no ámbito agroalimentario

“Axuda a mellora a visibilidade do meu grupo de investigación, da miña facultade, da agrupación estratéxica de investigación e do campus de Ourense, ademais de axudar ao posicionamento da Universidade de Vigo no contexto da actividade científica mundial, especialmente no ámbito agroalimentario”. Así valora Jesús Simal a confirmación da súa incorporación ao HCR 2018, aínda que lamenta que este recoñecemento, que trata de identificar aos citados con máis frecuencia por que apoiaron, influíron ou inspiraron a outras e outros investigadores arredor do mundo, “non vaia acompañada de máis medios humanos e materiais para reforzar o traballo realizado estes anos”. O xa ex vicerreitor de Internacionalización lembra que o número de autoras e autores que obtiveron a aprobación de investigadores internacionais en forma de altas citacións “tense en conta en clasificacións mundiais de universidades como o Academic Ranking of World Universities, ARWU, coñecido como Ránking de Shanghai”, explica.

Pola súa banda, o director científico do Center for Nutrition & Health da Universidad Europea del Atlántico e docente da Università Politecnica delle Marche, Maurizio Battino, encargarse da supervisión dun grupo de investigación no campus de Vigo. “Cun número de citas que supera as 20.000, Battino é un nomeamento administrativo e incorporarase como investigador distinguido, que se encargará da dirección dun grupo de científicas e científicos, formados e con praza na Universidade de Vigo”, explicou Manuel Reigosa, en relación co experto en bioquímica alimentaria, que no ano 2015 xa foi recoñecido por Thomson Reuters como un dos investigadores máis destacados do mundo. 

Aprobada a Oferta de emprego público do PDI e novos cursos de especialista

Entre os asuntos aos que este martes deu luz verde o Consello de Goberno destaca a Oferta de emprego público do PDI para 2018, que inclúe o máximo número de prazas permitidas por lei. “As 31 prazas de quenda libre que nos permite a taxa de reposición do 108%, dedícanse, por unha banda, a cubrir o 15% que debemos reservar para figuras contratadas con cargo a programas investigadores, e, as restantes, 26 prazas sácanse coa figura de profesorado titular de universidade”, explica o vicerreitor de Organización Académica e Profesorado, Manuel Ramos, que sinala que facelo deste xeito, permite sacar outras 26 prazas de promoción interna de catedrática ou catedrático. “En resumo solicítanse 57 novas prazas, o que é o máximo que nos permite a taxa de reposición na súa formulación actual”, confirma Ramos.

Por outra banda, o vindeiro mes xaneiro a Universidade de Vigo comezará a impartir dous cursos de especialista que hoxe recibiron o visto e prace do Consello de Goberno. Trátase do I Curso de Especialista en Refalado Interlingüístico (inglés-español) e do I Curso de Especialista en Innovación, Competitividade e Emprendemento arredor do mar. “Son cursos non só orientados ao alumnado das titulacións propias da universidade, senón tamén a outras persoas que queiran aumentar ou mellorar a súa formación. Neste senso este tipo de formación encaixa no que se coñece como “formación continua” ou “formación ao longo da vida”, un tipo de ensinanzas cada vez máis demandadas pola sociedade, e que pode, en parte, axudar a paliar o descenso de estudantes en titulacións oficiais que imos sufrir nos próximos anos como efecto da evolución da taxa de natalidade”, explica Manuel Ramos. Xunto a estes cursos, que precisan da aprobación do Consello de Goberno, na última reunión da COAP tamén se deu luz verde ao I Curso de Formación en Adestramento Deportivo de Alto Rendemento. 

Convocatoria de 10 prazas no programa de retención de talento investigador

O 30 de novembro rematará o prazo para a presentación de solicitudes á convocatoria do Programa de retención de talento investigador 2018, que hoxe foi aprobado por asentimento dos membros do Consello de Goberno. O programa que oferta 10 contratos de investigadora ou investigador distinguido por tres anos, prorrogable dous máis “ responde a un compromiso do equipo de goberno adquirido con estes colectivos, e dalgún xeito dá continuación á traxectoria dos plans de promoción que historicamente se viñan facendo na universidade, pero que se interromperon no ano 2017”, explica Belén Rubio, vicerreitora de Investigación.

O proceso selectivo permitirá contratar como persoal laboral temporal a persoal investigador doutor que desenvolvera a súa actividade postdoutoral na Universidade de Vigo, no cadro de determinados programas competitivos internacionais, nacionais e autonómicos. Cara ao futuro, a vicerreitora de Investigacion sinala que “aínda estamos valorando se é posible facer unha oferta de retención (ou atracción dos que xa marcharon) de talento investigador por concurso de méritos e así poder reter aos mellores investigadores, pero dependerá do orzamento nos vindeiros anos. Se ben seguramente daremos continuación a os que xa estaban no noso compromiso adquirido”.

Outros asuntos 

Na sesión deste martes, o Consello de Goberno tamén aprobou varias modificacións nos regulamentos para a realización dos traballos fin de grao e fin de máster; as composicións das comisións de permanencia de progreso e contra o acoso sexual e por razón de sexo e a modificación do Regulamento de atención ao estudantado con necesidades específicas do apoio educativo.