DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Simal recibirá o galardón na sección Química e Xeoloxía e Nóvoa na de Ciencias Técnicas 

Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, Medallas de Investigación 2020 da Real Academia Galega de Ciencias 

Os premios, que acadan a súa segunda edición, serán entregados o vindeiro xoves 8 de outubro 

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • Investigación
DUVI 05/10/2020

Dúas das cinco Medallas de Investigación que a Real Academia Galega de Ciencias outorgará o vindeiro xoves 8 de outubro terán como destinatarios aos investigadores da UVigo Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa. Os galardóns cos que a RACG recoñece a traxectoria consolidada de cinco científicos galegos recaeron nesta segunda edición na sección de Química e Xeoloxía (Medalla Antonio Casares Rodríguez) no catedrático Jesús Simal Gándara, responsable do Grupo de Investigacións Grupo de Investigacións Agro- Ambientais e Alimentarias, mentres que na sección de Ciencias Técnicas, a Medalla Isidro Parga Pondal é para o tamén catedrático da UVigo e coordinador do Grupo Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais) Xosé Ramón Nóvoa Rodríguez. Pola súa banda, os investigadores da USC Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, recibirán as medallas das seccións de Matemáticas, Física e Ciencias da Computación; Ciencias Económicas e Sociais e Bioloxía e Ciencias da Saúde, respectivamente.

O Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela acollerá o vindeiro xoves o acto de entrega das Medallas de Investigación 2020, que estará presidido polo titular do executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, e polo presidente da RACG, Juan M. Lema Rodicio, e no, ademais de render homenaxe ao enxeñeiro Andrés Comerma, deseñador do Dique da Campá no Arsenal de Ferrol, entregaranse os Premios de Investigación Ernesto Viéitez. Precisamente neste apartado o enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo Jesús Balado recibirá a mención honorífica sénior que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga en recoñecemento ao desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión.

Un estimulo para seguir pola senda do esforzo e un recoñecemento a un labor de 30 anos

Jesús Simal agradece á Real Academia Galega de Ciencias “o inmenso honor que me outorga” ao concederlle unha medalla “en lembranza do profesor e investigador Antonio Casares Rodríguez, catedrático de universidade, químico e farmacéutico, e un referente a seguir”. Simal, que en 2018 foi incluído na lista dos 100 autores máis citados no mundo no campo da tecnoloxía dos alimentos, amosa a súa gratitude ás persoas que apoiaron a solicitude para a súa concesión e ao equipo de goberno e departamentos de Ciencias da Universidade de Vigo. Este recoñecemento, e a propia celebración do Día da Ciencia en Galicia, considera o catedrático da UVigo, serven “de estímulo e acicate para seguir pola senda do esforzo para contribuír a mellorar o presente construíndo un futuro prometedor, o que no meu campo científico ten que ver con tratar de mellorar o sistema de produción e consumo de alimentos”. Neste senso, o presidente da Asociación Internacional de Nutrición e Seguridade Dietética destaca “a importancia do sistema de produción e consumo de alimentos para a nosa supervivencia como especie” e apunta como supón un “gran paso nesta dirección” traballar na posta en marcha dun centro internacional de investigación en alimentos con esa visión. 

Pola súa banda, Xosé Ramón Nóvoa considera o galardón “un recoñecemento a un labor duns 30 anos nunha actividade que en Galicia non ten ningunha historia e que empezou precisamente coa miña tese alá no ano 1984 e que dende entón fomos formando toda unha serie de doutorandos; fixemos proxectos fin de grao, de master de carreira e, en fin, un grupo de profesionais que hoxe en día atenden unha necesidade que teñen as empresas que é a de prolongar a vía útil das súas estruturas”. Con máis de 150 artigos publicados e unha ducia de teses dirixidas, o investigador, que centra a súa actividade das aplicacións industriais da electroquímica asegura sentirse especialmente orgulloso das e dos doutorandos “que se formaron aquí e que debido á crise económico de 2008 se viron forzados a marchar fóra e a satisfacción é que están desenvolvendo actividades plenamente recoñecidas, tanto no ámbito da investigación como en empresas e todos con postos realmente relevantes, o  cal me gratifica porque é unha garantía ou un recoñecemento de que o que se fixo estaba ben feito”. Cunha carreira docente e investigadora sempre ligada á Escola de Enxeñaría Industrial, Nóvoa sinala que “son moitas horas nesta historia e que haxa un recoñecemento é agradable. Moitas horas aquí, pero que mereceron a pena ,digamos”.

A entrega das medallas forma parte da celebración do Día da Ciencia en Galicia coa que a RAGC promove a posta en valor da traxectoria das e dos científicos que historicamente e na actualidade contribúen de xeito significativo ao avance do coñecemento e á súa aplicación á mellora da calidade de vida das persoas e ao progreso económico de Galicia.

Mención honorífica para o enxeñeiro Jesús Balado

O enxeñeiro do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas da UVigo Jesús Balado tamén recibirá o vindeiro xoves unha das dúas mencións honoríficas que a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) outorga dentro dos seus Premios de Investigación Ernesto Viétez correspondentes ao ano 2020. A mención honorífica ao investigador sénior outorgada a Balado, recoñece o desenvolvemento dun método para minimizar o uso de mostras en nubes de puntos para o adestramento de redes neuronais capaces de clasificar dixitalmente obxectos urbanos como bancos, colectores de lixo ou semáforos, cun 99,5% de precisión. Este galardón polos seus estudos centrados nas nubes de puntos súmase ao que Balado recibira o pasado mes de xullo, o Premio Abertis 2019 sobre Seguridad Vial pola súa tese de doutoramento na que investigou a creación de mapas de peóns xerados a partir de nubes de puntos para calcular rutas seguras para as e os viandantes.