Acadou 29 votos fronte aos 27 do outro candidato, Francisco Javier Sánchez
Jesús Vázquez é elixido novo decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo
Substituirá no cargo a Montserrat Cruz
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense celebrou este mércores a votación para elixir novo decano, xa que a ata a de agora responsable, Montserrat Cruz, esgotou os dous posibles mandatos á fronte do centro. Na votación da Xunta de Facultade, a candidatura presentada polo profesor Jesús Vázquez gañou por 29 votos, fronte aos 27 acadados polo outro candidato, Francisco Javier Sánchez, habendo ademais un voto en branco.
O novo decano é profesor titular desde o ano 2003 no Departamento de Organización de Empresas e Márketing. Ten ocupado diferentes cargos de xestión académica, como decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo entre 2006 e 2008 e secretario da escola que precedeu ao actual centro. É membro do grupo de investigación OC2 Organización e Comercialización. O equipo decanal de Jesús Vázquez estará formado por Trinidad Domínguez como secretaría e Mercedes Mareque, Elena Shakina e Manuel Mosquera como vicedecanos.
Diálogo participativo e traballo conxunto
Tras ser elixido nunha disputada votación, Jesús Vázquez avogou por abrir na facultade “unha nova etapa de diálogo, de diálogo participativo con todos os sectores, de integración e de traballo conxunto”. O profesor da Universidade de Vigo salientou que “agora toca traballar e unir á facultade para sacar adiante e entre todos os moitos retos que temos que afrontar”. O seu programa para dirixir o facultade, que na campaña electoral levou por lema “unha facultade de todas e todos e para todas e todos que inspira futuro”, inclúe tres liñas de traballo principais. A primeira é a captación de alumnado non só na provincia de Ourense senón tamén no resto de Galicia e na contorna máis próxima a ela. O segundo eixo é potenciar a internacionalización e a calidade dos estudos da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e o terceiro a posta en marcha de proxectos de innovación educativa.
Nas súas propostas para o novo mandato que se abre, Jesús Vázquez fai fincapé en que o alumnado é o eixo para todas as accións, buscando ofrecerlle unha formación de calidade e de oportunidades “da que se sinta moi orgulloso” e que lle permita un bo desenvolvemento profesional. Igualmente, destaca na súa proposta a “aposta clara” por buscar novos apoios e nexos coa sociedade, tanto coas institucións públicas como coas privadas, incidindo no establecemento de máis relación con grandes empresas. "Na nosa facultade queremos que se note que somos un espazo aberto, innovador e sempre en cambio. Estamos moi ligados coa nosa contorna, e levamos mái de 30 anos traballando para mellorar a sociedade", explica.