DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Apostarase por unha fórmula de publicación en papel co acceso aberto e unha web OJS de revistas

Jorge L. Bueno, director do Servizo de Publicacións: “2019 ten que ser o ano da volta á visibilidade” 

Xa están habilitados en varias librarías espazos con publicacións da Universidade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Cultura
  • Divulgación
  • Publicacións
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 21/02/2019

Cun novo regulamento que lle dá a cobertura precisa para funcionar e cunha convocatoria de publicacións para o 2019 en marcha, o Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo ten ante si este ano, segundo o seu director, o reto de “volver á visibilidade e de subir a trens que estaban pasando por nós e que non eramos quen de coller”. Jorge Luis Bueno asegura que a posta en marcha do portal web OJS para as revistas académicas que edita o Servizo é primordial e xa se está a traballar nisto co obxectivo de telo operativo este mesmo curso académico. “É importante tamén, dentro da política de visibilidade da que antes falaba, volver a ter presenza activa no seo da Asociación de Editoriales Universitarias Españolas (UNE), non só a través do seu portal de venda Unebook, do que nunca deixamos de formar parte, senón tamén colaborando activamente coas súas iniciativas de traballo e participando nas feiras do libro”, explica o director do Servizo, que avanza a presenza da Universidade nas citas de Madrid, Frankfurt, Bos Aires e Guadalajara.

O Servizo de Publicacións que apostará por unha fórmula mixta que combine a publicación en papel co acceso aberto, estrea ademais estes días espazos de seu en sete librarías das cidades de Vigo, Ourense e Pontevedra, co obxectivo de acadar unha maior visibilidade e implicación co tecido social da contorna na que se asenta a Universidade. Creado no ano 1993, entre as catro coleccións estables que publica (monografías de Humanidades/Xurídico-Social; monografías Científico/Técnicas; manuais; actas de congresos e xornadas) e os traballos fóra de colección, o Servizo de Publicacións suma preto de 380 títulos, “un bo fondo editorial que mover”, asegura o seu director, que desenvolve a súa función xunto a un xefe de negociado de administración e servizos. “No Estado hai servizos que contan con 15 persoas entre técnicos, informáticos, editores, maquetadores, etc. Nós temos que facer este traballo mediante empresas da contorna que ofrecen eses servizos dentro das marxes que regulan os servizos públicos. Por iso temos que ser conscientes do noso tamaño e do noso orzamento”, explica o docente e investigador do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade de Vigo.

Sete librarías nas que dar maior presenza ao traballo universitario

 Ter visibilidade para o público en xeral, por unha banda, e aumentar a colaboración con empresas culturais pequenas das cidades nas que se localiza a Universidade, por outro, ademais de completar a oferta de distribución da produción do Servizo de Publicacións, foron as razóns que levaron ao seu director a procurar un espazo de seu en librarías de Vigo, Ourense e Pontevedra. “A verdade que foi un pouco un salto ao baleiro, non tiña nin idea de como ían reaccionar. Por iso quedei gratamente sorprendido cando das 12 librarías coas que contactei, responderon positivamente sete delas, cun entusiasmo que reflicte que tiñan ganas de facer cousas con nós desde hai moito tempo”, explica Bueno, que apunta que tamén se aproveitarán as librarías para facer actos de presentación e promoción, co obxectivo de achegar o traballo das e dos investigadores da Universidade á sociedade.

Versus, Mendinho, Cartabón e Andel en Vigo; Eixo e Kathedra en Ourense e Paz en Pontevedra, son os establecementos que xa contan cun espazo do Servizo de Publicacións nos que as e os clientes poden consultar os traballos de investigación que se desenvolven na Universidade de Vigo. “Como libraría unha das nosas funcións é a facilitar ao público o acceso ás obras que poidan ser do seu interese. A Universidade é unha peza fundamental na xeración de coñecemento, de cultura, de creación e de investigación. Se todo ese traballo está reflectido en publicacións, é lóxico que esta poidan ter un espazo na libraría, que é o lugar ‘natural’ ao que a xente acode na busca de información e de creación, a lo menos da que se recolle en formato libro”, explica Sabela Martínez, propietaria da libraría Versus.

A responsable dunha das sete librarías nas que o Servizo de Publicacións puxo en marcha esta iniciativa, considéraa “unha magnífica idea”, xa que permite dar visibilidade ao traballo que se fai na institución académica, nun dobre sentido. “Por parte da universidade serve de pouco ou nada publicar anos de traballo e investigación se isto non sae do recinto universitario. E por outra, é esencial que a sociedade, neste caso a de Vigo, saiba que fai a súa universidade, que sexa consciente do papel que ten como xeradora e transmisora de coñecemento e cultura, porque só a través desa consciencia se pode valorar a súa importancia”, sinala Sabela Martínez.

Un dos buques insignia da investigación e da transferencia

O director do Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, que considera que este “ten que ser un dos buques insignia da investigación e da transferencia de coñecemento á sociedade dunha universidade de calidade como a nosa”, defende que nun mundo dixital como o actual, aínda que os formatos poden variar, o que non pode mudar é a calidade dos contidos, e así como nas revistas científicas o papel xa non ten tanta relevancia e a publicación en espazo aberto (mediante o sistema OJS) estase a impor no mundo científico, no caso de monografías e da divulgación, o papel segue a ter a súa importancia. “Ninguén o está deixando de lado e as fórmulas mixtas (papel máis formatos diversos, tipo .pdf, epub ou con visores html5) son a medida xeral”, explica Bueno, que sostén que un servizo sen ánimo de lucro debe entender a difusión do coñecemento apostando polo espazo aberto, pero sen renunciar á permanencia do papel.

Sobre esta idea aséntase a aposta do Servizo, a partir deste ano, dunha fórmula mixta que combine o papel co acceso aberto, de forma que as publicacións teñan dous percorridos, “un primeiro en papel, nas librarías, na distribución estándar, tanto en tendas como online a través de Unebook, e un segundo, mediante a conversión das publicacións en obras en espazo aberto cunha licenza CreativeCommons, pasado un tempo de carencia, para darlle esa primeira vida en papel”, detalla Bueno, para quen o seu nomeamento como director do servizo “é un reto de xestión académica moi interesante” ao que se incorpora tras 23 anos de exercicio como docente universitario.