O maxistrado emérito do Tribunal Supremo ofreceu un relatorio na Facultade de CCXX e do Traballo
José Antonio Martín Pallín: “O 'lawfare' estendeuse como unha especie de pandemia cuxos efectos poñen en risco o Estado de Dereito”
Para o maxistrado emérito do Tribunal Supremo José Antonio Martín Pallín, o termo lawfare non é a mellor opción, prefire activismo xudicial, pero baixo calquera denominación, non dubida da súa existencia. Tanto é así que considera que se ten estendido “como unha especie de pandemia cuxos efectos poñen en risco o Estado de Dereito, que pode desaparecer ante determinadas resolucións xudiciais que estamos contemplando”. Con esta contundencia e convicción o explicou este mércores nun relatorio na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no que debullou a orixe, os mecanismos e as consecuencias desta instrumentalización do poder xudicial con fins políticos.
Martín Pallín, que conta cunha longa traxectoria na defensa dos dereitos humanos, a independencia xudicial e as garantías constitucionais, foi presentado polo profesor da Área de Filosofía do Dereito Xosé Manuel Pacho Blanco, que destacou a importancia de que persoas coa experiencia e traxectoria de Martín Pallín “teñan espazo nas universidades e nos espazos nos que se debate sobre cuestións xurídicas, porque moitos temos a sensación de que nos últimos tempos hai unha degradación do debate xurídico, porque non existe unha mirada crítica sobre o Dereito”.
A orixe, nas intervencións de EEUU en América Latina
Martín Pallín explicou ao público e ao alumnado asistente que o lawfare ten a súa orixe en EEUU a comezos deste século, cando se apostou por cambiar o intervencionismo militar en América Latina polo uso dos tribunais “para desgastar ou mesmo derrocar gobernos que non respondan aos intereses dos EEUU”. O xeito de facelo? Captar un sector da xudicatura afín ás súas posicións ideolóxicas para que fixese o traballo que viñan realizando os militares, trátase de “facer a guerra mediante o Dereito”. Segundo explicou o maxistrado emérito, isto foi o que se fixo contra os gobernos de Lula da Silva e Dilma Rousseff en Brasil; Evo Morales en Bolivia; Rafael Correa en Ecuador; ou Fernando Lugo en Paraguai.
Un tema de actualidade pero que naceu hai décadas
De seguido, o maxistrado fixo un repaso polos casos que nas últimas décadas considera que marcaron fitos na aplicación de lawfare en España. Entre os precedentes aos que se remitiu estivo o do presidente do Parlamento vasco Juan María Atutxa, cuxa condena foi posteriormente anulada polo Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, ou o que sucedeu coa chamada “contorna de ETA” que incluía partidos políticos e medios de comunicación. Segundo Pallín, “isto nos permite facer unha primeira reflexión, e é que algún sector da xudicatura, mesmo con intencións patrióticas, decidiu erixirse en brazo xudicial armado, en activistas xudiciais contra o separatismo. E non é unha opinión, é unha estatística, xa que as condenas se centran no separatismos vasco e, posteriormente, no catalán”. Outros momentos de especial turbulencia e de maior dimensión deste fenómeno, segundo o maxistrado, coincidiron co nacemento do fenómeno Podemos e co procés catalán, “que puxeron en marcha a maquinaria xudicial”. Martín Pallín debullou algúns destes casos, como o da ex-alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, “que acumula o maior número de querelas entre todos os políticos españoles, un total de 16”. Respecto de Podemos, o número de querelas “desborda o previsible” pero remataron con dúas únicas condenas que, para o xuíz, “comezaron a demoler e dinamitar os piares do Estado de Dereito”, por un lado a de Isa Serra e por outro a de Alberto Rodríguez.
O irmá e a muller de Pedro Sánchez
Poñendo o foco xa actualidade, Martín Pallín considera que o fenómeno do lawfare tivo un incremento notable a partir de 2023 e despois do “quen poida facer, que faga” de José María Aznar, centrándose principalmente na contorna familiar do presidente do Goberno. O maxistrado galego explicou con detalle os casos do irmán e da muller de Pedro Sánchez.
Respecto do primeiro, sostén que “a adxudicación dunha praza pública sacada a concurso con 11 persoas máis concorrendo pode recorrerse a través dun contencioso-administrativo, impugnando o proceso, pero non tratando de meter a ninguén no cárcere”.
Respecto da esposa do presidente, detallou o proceso de creación das cátedras de mecenado e o seu funcionamento en colaboración con empresas, figuras que existen en practicamente todas as universidades españolas, máis de 40 delas na Complutense de Madrid. Segundo o seu regulamento, “mesmo un funcionario do Decanato podería ser o titular da cátedra e, no caso de non ter titulación, se nomearía un titular da universidade”. Foi o caso da cátedra solicitada por Begoña Gómez en 2020, que durante varios anos funcionou con normalidade ata que en 2024 o sindicato Manos Limpias denuncia a Gómez “sostendo que a cátedra se lle adxudicara indebidamente e que había tráfico de influencias”. Para o maxistrado hai un aspecto clave neste caso, é que “segundo o Código Penal o que ten o dominio do acto para conceder unha cátedra sería o reitor, que non está acusado”. Sobre isto se constrúese un sumario, sostén, “por ser Begoña Gómez a muller do presidente”.
Martín Pallín tamén explicou que aínda que o Consejo General do Poder Judicial “non está para corrixir resolucións xudiciais” considera que ten sido “excesivamente benevolente co señor Peinado”, tendo en conta que en moitos outros países as súas actuacións, entre elas “ter invadido a sede da Presidencia do Estado para preguntarlle a Pedro Sánchez se era o esposo de Begoña Gómez”, lle podería ter suposto “incluso a expulsión da carreira”. Isto, ao seu parecer, “denota un caruncho no Estado de Dereito que, se seguimos por este camiño, pode levarnos incluso a un Estado falido”, concluíu.
De cara ao futuro, Martín Pallín agarda que o maxistrado ou maxistrada que substitúa ao xuíz Peinado “poña as cousas en orde” e confía no “cortalumes da vulneración dos dereitos fundamentais” para que o caso non chegue ao xurado. De facelo, confía nun resultado absolutorio porque o cidadán xurado debe actuar “sen odio nin afecto”.
