DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Tras nove anos á fronte do centro da profesora Consuelo Currás

José María Da Rocha, novo decano da Facultade de Comercio

Acompáñano no decanato Pilar Muñoz, Rocío Rodríguez, Ricardo Luaces e María Jesús Barsanti

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
DUVI 13/05/2025

A Facultade de Comercio inicia este martes unha nova etapa co catedrático José María Da Rocha Álvarez como novo decano, tras acadar o apoio do cen por cen dos votos emitidos en Xunta de Facultade -20 votos a favor e ningún voto en contra nin en branco-. Xunto a Da Rocha, completan o novo equipo decanal os docentes Mª del Pilar Muñoz Dueñas, Mª del Rocío Rodríguez Daponte e  Ricardo Luaces Pazos, como vicedecanos, xunto con María Jesús Barsanti Vigo como secretaria do centro, cargo que xa viña exercendo co actual equipo decanal.

Catedrático do Departamento de análise económica, historia e institucións económicas, experto no estudo das desigualdades da riqueza entre países e no manexo de recursos naturais, José María Da Rocha forma parte do grupo de investigación Ecosot, Economía, Sociedade e Territorio, da Universidade de Vigo. No seu papel como xestor destaca a etapa como vicerreitor de Planificación, cargo que exerceu de 1998 ao 2002, sendo Domingo Docampo reitor, etapa na que se fixo cargo da execución do proxecto de Cidade Universitaria.

Tres titulacións e máis de 400 estudantes

Da Rocha Álvarez substitúe no cargo á profesora Consuelo Currás Valle, ao fronte do centro desde 2016, primeiro como directora da histórica Escola Universitaria de Estudos Empresariais e, xa logo, como primeira decana da facultade, anos que coincidiron con dúas grandes efemérides: dunha banda,  a celebración do centenario e, da outra, a transformación de escola en facultade.

Situada nun emblemático edificio na rúa Torrecedeira, a Facultade de Comercio conta na actualidade con máis de 400 alumnas e alumnas, estudantes do Grao en Comercio e dos mestrados en Comercio Internacional e en Dirección de Pequena e Mediana Empresa, tres titulacións que, a xuízo da ata agora decana, Consuelo Currás, “gozan dunha excelente saúde”.