DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As eleccións serán o vindeiro martes, día 13

José María Da Rocha, único candidato a substituír a Consuelo Currás á fronte da Facultade de Comercio

A actual decana chegou ao cargo en 2016 e foi a encargada de pilotar o cambio de escola a facultade

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
D. Besadío DUVI 07/05/2025

A Facultade de Comercio pechou esta semana o prazo para presentar candidaturas ao decanato despois de que se esgotase o mandato da actual decana, a profesora Consuelo Currás Valle, ao fronte do centro desde 2016, primeiro como directora da histórica Escola Universitaria de Estudos Empresariais e, xa logo, como primeira decana da facultade. Só se presentou un candidato, José María Da Rocha Álvarez, catedrático do Departamento de análise económica, historia e institucións económicas, experto no estudo das desigualdades da riqueza entre países e no manexo de recursos naturais.

As eleccións celebraranse o vindeiro martes, día 13, nunha xunta de facultade na que están chamadas a participar un total de 24 persoas, incluíndo persoal docente e investigador e representantes do Persoal Técnico de Administración e Servizos, PTXAS, e do alumnado. 

Xunto a Da Rocha, quen exercera como vicerreitor de Planificación de 1998 ao 2002, sendo Domingo Docampo reitor, completan a candidatura os docentes María del Pilar Muñoz Dueñas, María del Rocío Rodríguez Daponte e Ricardo Luaces Pazos, como vicedecanas e vicedecano; xunto coa profesora María Jesús Barsanti Vigo, como secretaria, cargo que xa viña exercendo co actual equipo decanal.

Consuelo Currás, nove anos á fronte do centro

O mandato da profesora Currás Valle á fronte deste centro coincidiu con dúas grandes efemérides: dunha banda,  a celebración do centenario e, da outra, a transformación de escola en facultade. “Na celebración do centenario, en xaneiro do ano 2021, sentímonos moi orgullosos da acollida e do cariño que se nos dispensou desde a institución universitaria, así como deste todos os colectivos da sociedade”, explica a decana, ao que engade que esta celebración tiña a mirada posta na transformación en facultade “que chegaría un tempo despois”.

O cambio a facultade “era o noso empeño desde que chegamos á dirección e, finalmente, conseguímolo en marzo de 2022”, comenta, ao que engade que, apenas dous anos despois, o centro conseguiu o Distintivo de Igualdade da Universidade de Vigo como recoñecemento á súa traxectoria no fomento da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes.

“As tres titulacións gozan dunha saúde excelente”

“Como directora traballei xunto co meu equipo, de dirección primeiro e co equipo decanal despois, na consolidación das nosas titulacións, o Grao en Comercio e os mestrados en Comercio Internacional e en Dirección de Pequena e Mediana Empresa, e hoxe en día penso que podo afirmar que o obxectivo se conseguiu e as tres titulacións gozan dunha saúde excelente”, afirma a decana. 

Como sinal de identidade do seu mandato tampouco se esquece da internacionalización. “Sempre traballamos de maneira moi intensa para seguir avanzando nos convenios de dobre titulación e ampliar a nosa oferta internacional”. Así mesmo, lembra tamén as dificultades que houbo que afrontar coa chegada da pandemia da Covid no 2019. “Penso que soubemos estar á altura da situación e xestionar de maneira impecable para garantir a docencia ‘presencial’ para que o noso alumnado puidese asistir ás clases con total garantía”.

De cara ao futuro está convencida de que a Facultade de Comercio seguirá sendo “un centro orgulloso da súa historia e de toda a súa xente, das persoas que xa non están con nós e de todas aquelas que aínda poderemos seguir gozando dela”.