DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O único candidato obtivo 121 votos a favor, 24 en contra e 1 en branco

Juan E. Pardo continuará á fronte da Escola de Enxeñería Industrial durante tres anos máis

Un dos seus retos será adaptar a oferta formativa ás novas necesidades do sector empresarial

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M. Del Río DUVI 05/03/2021

O profesor do Departamento de Organización de Empresas e Márketing Juan E. Pardo Froján seguirá á fronte da Escola de Enxeñería Industrial outros tres anos tras obter 121 votos a favor, 24 en contra e 1 en branco na Xunta de Escola celebrada este venres de forma simultánea en modalidade presencial e virtual.
O actual director do centro dende 2017 continuará así no posto acompañado por un equipo formado por Pablo Izquierdo, como secretario e como subdirectores Celso Fernández; Rafael Verdugo; Francisco Rodríguez; Ana Mª Mejías; María Fernández; Cristina Trillo; Luis E. Eguizábal; Ángel M. Espada; Antonio Riveiro e Rafael Comesaña. 

Pardo Froján levaba no cargo en funcións dende o mes de outubro, cando a convocatoria electoral non acadou ningunha candidatura. A este respecto, o director quixo explicar na Xunta de Escola que “tanto a decisión de outubro de non presentarme, como a de agora de facelo teñen a mesma base, o mesmo fundamento e os mesmos principios, que son facer o mellor para a escola antepoñendo os intereses xerais aos persoais”, xa que ao seu entender, naquel momento había que pensar máis en “sacar adiante o curso e non en gañar unhas eleccións”. Asume que esta postura “puido resultar difícil de entender e tamén de explicar” pero recalca que a decisión non foi tomada por “falta de motivación, nin tampouco por falta de implicación, máis ben todo o contrario, foi o que honestamente e con responsabilidade entendín, xunto con todo o equipo de dirección, que había que facer en beneficio da escola”. 

Agora, co curso 2020-2021 máis avanzado e pesar das modificacións puntuais das modalidades de docencia, tanto Pardo como boa parte do seu equipo decidiron dar un paso adiante. De feito, unha parte importante do equipo de dirección é o mesmo, o que "tamén resultou decisivo na miña presentación nestas eleccións”. Neste sentido, o director pon en valor “o gran traballo e o compromiso das persoas que me acompañaron ata o de agora, e hai que entender que a dirección de calquera centro é complexa e que as persoas tamén teñen que atender os seus proxectos persoais e tamén as tarefas que temos como docentes que somos”. Do mesmo xeito, tamén expresa o seu agradecemento aos tres novos membros  do equipo “polo seu apoio e confianza posta nos proxectos que esperamos poder desenvolver nesta nova etapa”.         

Adaptar a oferta académicas ás necesidades do mercado

De cara a esta nova etapa á fronte da escola, Pardo márcase varias liñas de traballo prioritarias. Por unha banda, explica, nos vindeiros meses “someteremos os tres graos restantes do ámbito industrial ao proceso de obtención dos selos EUR-ACE para así completar o proceso de acreditación destes selos en todas as titulacións de grao no ámbito industrial”. A longo prazo, agarda realizar unha adaptación da oferta formativa de graos e mestrados para que “se adecúe aos novos perfís e ás novas necesidades que se veñen demando desde o sector empresarial”. Neste sentido, avanza que xa se está a traballar na posta en marcha dun primeiro grao dual en Enxeñaría da Automoción, “o que representará un primeiro paso na adaptación da nosa oferta formativa, e tamén temos que seguir potenciando a nosa aposta polas titulacións dentro do ámbito da Enxeñaría Biomédica”. Neste sentido, puntualiza o director que “se no seu momento foi una decisión estratéxica a posta en marcha do grao, agora mesmo, na situación na que nos atopamos e tamén tendo en conta as oportunidades que se presentarán no futuro, temos que seguir apostando por completar a formación no campo da Enxeñería Biomédica. Debemos aproveitar as sinerxías que temos co Complexo Hospitalario de Vigo e seguir potenciando este perfil con un maior alcance, xa que xoga un papel fundamental no desenvolvemento das sociedades modernas e teñen unha clara incidencia na consecución da sociedade do benestar”. 

Balance dun ano marcado pola covid-19

Se algo vai marcar a primeira etapa de Pardo Froján á fronte da EEI será a pandemia. O último ano, dende marzo de 2020, foi un verdadeiro reto para todos os equipos directivos e decanais dos centros, pero o balance que Pardo fai destes 12 meses é positivo. “Coas nosas diferencias, coas nosas inquedanzas e preocupacións, cun grande esforzo e sendo solidarios, fomos quen se deixar atrás moitos problemas e seguir adiante co remate do curso pasado”, resume. Neste sentido, asume que “a docencia non puido desenvolverse do xeito que tiñamos previsto e que nos gustaría, máxime sendo unha escola con titulacións, onde a parte práctica e moi importante, pero o esforzo por superar esta situación foi inxente e permitiu que o impacto negativo da situación non fora tan grande”. Para que isto fose posible, o director quere poñer en valor “o comportamento de todas as persoas que formamos parte da EEI, porque nas situacións límites ou extremas, sempre damos moito máis do que calquera pode imaxinar, eu creo que é una característica que está no noso ADN. A verdade que non teño palabras para describir o esforzo e o sacrificio que tivo que facer o alumnado, o persoal de administración e servizos, os docentes e tamén todo aquel persoal de apio que foi esencial nesta etapa e que o segue a ser”.

De feito, tras esa experiencia de virtualidade da pasada primavera, a EEI apostou para o curso 2020-2021 pola presencialidade total en todos os seus graos e mestrados. “Non imos negar que esta primeira parte de curso foi complexa e que tivo as súas incidencias, pero tamén é certo que fomos áxiles e tentamos de facer axustes de xeito rápido para ir corrixindo situacións que non podíamos predicir porque non tíñamos nin precedentes nin experiencia, tampouco contábamos con todos os medios porque non tivemos tempo para facer todas as adaptacións que tíñamos previstas. Aínda así, falando con total sinceridade e tamén con total honestidade, recoñecendo erros e dificultades, creo que foi unha decisión acertada e que se tomou en beneficio da docencia para o noso alumnado”.

Éxito dos tres novos Programas Conxuntos de Educación Oficial 

Unha das novidades deste curso foi a posta en marcha de tres Programas Conxuntos de Educación Oficial, PCEOs: Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e Enxeñaría Mecánica;  Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría en Electrónica Industrial e Automática e  Enxeñaría Biomédica e Enxeñaría Mecánica. Segundo o director, “a acollida destes programas foi moi boa e respondeu ás expectativas que se manexaban” cubrindo nos tres casos todas as prazas ofertadas con notas de corte moi altas. Isto é consecuencia, segundo Pardo de que “as sinerxías e complementariedade das titulacións que os compoñen presentan un grande atractivo para o estudante”. Polo tanto, a valoración global que fai destas novas titulacións é positiva, “pensamos que representa unha boa oportunidade para aquel alumnado que quere mellorar a súa formación con titulacións que están a ter unha boa valoración polas empresas e que lles permite mellorar o acceso ao mercado laboral”, conclúe.