DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Traslada unha mensaxe de tranquilidade, xa que “agora o máis importante é sacar este curso adiante”

Juan E. Pardo seguirá como director en funcións da EEI ao non terse presentado ningunha candidatura ás eleccións

A prioridade será que “a docencia que reciba o alumnado sexa a mellor posible” a pesares da pandemia

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Vigo
  • Democracia
  • Institucional
M.Del Río DUVI 09/10/2020

A Escola de Enxeñería Industrial tiña unha cita coas urnas o vindeiro venres 16. Unha cita que finalmente non terá lugar xa que, ao non presentarse ningunha candidatura, o actual director, Juan E. Pardo Froján, seguirá no cargo en funcións durante os próximos seis meses.

Elixido en 2017, Pardo asume así a dirección da EEI durante boa parte do que resta dun dos cursos máis complexos da historia do centro e do sistema universitario en xeral. Con todo, transmite unha mensaxe de “tranquilidade e de optimismo” ante o feito de que non se teñan presentado candidaturas. “Non é necesariamente algo negativo, máis ben estou convencido de todo o contrario” e, aínda que recoñece que pode haber xente que considere “que hai un baleiro”, a mensaxe é outra. “Entendemos que agora mesmo o primordial é sacar este curso adiante e deixar moi claro que non debemos distraernos en campañas e en eleccións, xa teremos tempo de facelas nun momento que sexa máis oportuno”. 

A prioridade agora para o equipo directivo da escola é, explica Pardo Froján, “seguir a traballar polo desenvolvemento da docencia e tentar que todo o alumnado que elixiu as nosas titulacións, cando menos, sinta que se está a facer todo o que está nas nosas mans para sacar isto adiante, con traballo, con esforzo e sempre con honestidade”. Neste sentido, e a pesar de que “por riba dos obxectivos persoais debe estar a escola”, recoñece que o que máis lle gustaría nestes momentos “é ser quen de dar unha resposta para que a docencia que reciba o noso alumando sexa a mellor posible”.   

Novas titulacións e máis contacto co tecido industrial

Facendo un balance dos tres anos á fronte da EEI, Pardo Froján valora “o grande esforzo de toda a escola para acadar os obxectivos recollidos no Plan Estratéxico que se basean nunha aposta polo rigor, a calidade e a excelencia na Enxeñería Industrial”. Por unha banda, destaca o traballo feito para adaptar a oferta formativa ás necesidades da nosa contorna, dando resposta “aos desafíos que nos veñen marcados pola velocidade do cambio tecnolóxico e o seu impacto no ámbito industrial”. Neste sentido, remarca a consecución do selo internacional ABET no Mestrado en Enxeñería Industrial e os selos EUR-ACE en tres das titulacións de grao, así como o esforzo por estreitar a conexión co tecido empresarial a través dos programas de prácticas e da realización do Traballo Fin de Mestrado en empresas. “A evolución está sendo moi positiva e posibilita que os nosos titulados presenten unha moi boa empregabilidade e sexan moi valorados” e lembra tamén a importancia dos programas de intercambio para mellorar o currículo do estudantado. 

No que se refire á oferta académica, remarca a posta en marcha do novo grao en Enxeñería Biomédica e, neste curso, o arranque de tres Programas Conxuntos de Estudos Oficiais, froito dunha “grande implicación e compromiso por parte de toda a xente que formamos parte da Escola de Enxeñería Industrial. Sen dúbida, esta implicación foi o que fixo posible que puideramos superar, creo que dun xeito bastante satisfactorio, a situación ocasionada pola crise sanitaria e a suspensión da actividade presencial” o curso pasado.

Coa vista posta no futuro

De cara a esta nova etapa, o futuro inmediato pasa por xestionar a docencia adaptándose á situación cambiante da pandemia. “Temos que dar unha boa resposta ás esixencias que están a marcar o desenvolvemento deste curso e ser capaces de trasladar á nosa sociedade o compromiso de que poden confiar na nosa escola, na nosa institución, sendo conscientes das enormes limitacións ás que estamos sometidos e que temos que esforzarnos para superar, en moi pouco tempo, aquelas dificultades que van xurdindo”. Un dos retos neste eido son as prácticas do alumnado e lembra o director que será necesario “facer un maior esforzo para que toda esta situación non afecte ao desenvolvemento dos nosos programas de prácticas, de xeito que os estudantes poidan desenvolver esta etapa dun xeito satisfactorio”.

Pero máis aló da crise xerada pola covid-19, Pardo aposta por seguir adiante cos obxectivos marcados previamente, que pasan pola consecución dos selos EUR-ACE no resto dos graos, a culminación da implantación do grao en Enxeñería Biomédica e a posta por titulacións duais “en sectores ou campos onde existe unha grande oportunidade”. Asume que “son moitos os retos aos que teremos que facer fronte”, pero amósanse seguro “de que seremos quen de acadalos de xeito satisfactorio”.